Posicionar un produto ou unha marca na mente dos consumidores é o principal obxectivo da mercadotecnia. E vaia!! se o conseguen, diferentes estudos detectaron que en España os nenos de entre 6 e 12 anos son capaces de recoñecer ao redor de 100 marcas diferentes. Así mesmo, un estudo realizado pola Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) conclúe que o 60% dos alimentos que se anuncian na televisión para as criaturas son pouco saudables.
Con todo, o marketing de moitos destes produtos, empeñase en tratar de facernos crer que si son saudables. Verbi gratia, temos o caso das bolsas de lambetadas. Si ben, algunhas, destacan nos rótulos do envase que son "feitas con froita" e "sen azucre nin graxas” a realidade é ben distinta. Aínda que poida parecernos tranquilizador que non teñan azucre, descubrir nas etiquetas que é substituído por polialcohol ou que a única froita que conteñen son zumes ou concentrados de froita cambia por completo a perspectiva.
Seguramente, non somos suficientemente conscientes do impacto da industria do Marketing para controlar os nosos costumes, provocarnos desexos e promover o consumo indiscriminado de produtos e servizos destinados a satisfacer os caprichos que antes nos instalaron sin sabelo.
Desde logo que as estratexias da mercadotecnia sempre foron moi astutas. Lembro como na miña infancia, Coca-Cola organizou, no noso colexio un concurso de debuxo, participamos con toda a ilusión. Houbo premios aos mellores cadros e como accésit, todos recibimos unha Coca-Cola, que ledicia. Daquela, desde logo, para nada considerabamos que nos estiveran manipulando.
É obvio que o marketing utiliza varias estratexias para influír nos nosos desexos e comportamentos de compra, e estes métodos están en constante evolución. O marketing para a infancia é un tema importante e controvertido, xa que esta é especialmente susceptible ás influencias publicitarias, poden ser facilmente persuadidos polos anuncios, debido á súa falta de experiencia e habilidades para discernir entre contidos publicitarios e informativos. Así algunhas das tácticas utilizadas, máis frecuentemente, para chamar a súa atención inclúen:
- O uso do enfoque emocional, empregando imaxes atractivas e narrativas convincentes para crear asociacións positivas entre os produtos e os desexos dos consumidores.
- A presenza de persoas influentes e testemuñas persoais de futbolistas, cantantes ou famosos en xeral, que dean credibilidade aos produtos, aumentando o desexo do consumidor.
- O recurso de cores e deseños específicos para influír nas emocións e percepcións cara a un produto ou marca.
- A publicidade en televisión, YouTube, Instagram, TikTok ou estando presente nos lugares que frecuentan os menores; incluso en ocasións nas mesmas portas dos colexios.
En definitiva, é fundamental reflexionar sobre como afectan estas estratexias publicitarias á sociedade e á infancia en particular, que merece medrar nun entorno que promova hábitos saudables sen manipulación comercial. Opinamos que a regulación da publicidade dirixida aos nenos e nenas debe ser moi estrita para protexelos; pero así mesmo, a familia, os centros educativos e o medio adulto, en xeral, xogan un papel crucial no proceso de educalos como consumidores críticos. Os nenos e nenas coaccionan frecuentemente aos adultos: papááá, mamááá, avóóó ¿ ómprasmo? case todos acabamos claudicando. As marcas sábeno, por iso son o seu obxectivo.