O pasado día 14 foi renovado o Pacto contra a Violencia de Xénero co beneplácito da totalidade de todos os partidos políticos, agás Vox.
Como era de agardar, todos eles se felicitaron e saíron satisfeitos, relambéndose coma gatos despois de dar boa conta dunha cunca de leite, e desculpádeme a comparación, pero eran a viva imaxe, incluídos, como non, o Presidente do Goberno e a Ministra de Igualdade, que se gabaron ante os medios da inclusión de novas medidas como considerar violencia de xénero a violencia económica ou a violencia vicaria.
Que agudeza a súa!
Que tivéramos que chegar ao ano 2025 para que isto sucedera, deixando tras de si un regueiro dantesco de sangue de mulleres e nenos asasinados, ou que centos e centos deles se xoguen a vida cada día convivindo cos seus agresores por carecer de recursos, por poñer tan só dous exemplos do panorama real que temos nun país que somos, din, pioneiros na loita contra a violencia machista, é algo que obvian, como tamén obvian que os pactos, as medidas, por moi ben que queden sobre o papel, de nada serven se non se levan á práctica, como veu sucedendo ata agora, e, como moito nos tememos, seguirá a suceder.
Pero apenas dúas semanas despois, por se non tivéramos abondo, estalou unha nova bomba.
Para unirse á "festa" que se iniciou co presunto delito de agresión sexual de Íñigo Errejón á actriz Elisa Moulián, aparece agora en escena o seu excompañeiro de formación política, J. Carlos Monedero, ao que varias mulleres sinalan como autor de delitos de acoso e agresión sexual.
As reaccións non se fixeron agardar, tanto dos seus antigos colegas, que de tanto pretender que todos creramos que estaban limpos de po e palla o único que conseguiron foi evidenciar que, coma case sempre sucede, o suposto e reiterado delito era un segredo a voces que todo o mundo coñecía, pero que todo o mundo tapou, como do resto de formacións políticas, ás que faltou tempo para racharse as vestiduras, coma se os seus respectivos historiais non presentaran mácula algunha, e non gardaran máis dun esqueleto nos seus armarios.
Porque esta é a triste realidade.
Non hai un só partido, nin un, que se poida gabar de non ter nada que agochar en materia de violencia de xénero, e que non conte, nas súas filas, con algún que outro "presunto" aos que se manteñen nelas porque os intereses son outros, que nada teñen que ver coas vítimas, nin con esa presunta loita na que, na procura de votos, din estar tan implicados.
Para todos e cada un deles, todos, o mesmo ten cara ao lado que miremos, a violencia de xénero non é máis que unha ferramenta para o seu proveito que utilizan sen escrúpulo algún e a súa "implicación" dura o que dura o farisaico minuto de silencio, e, ás veces, nin iso, como deixan boa mostra as risas que asoman tras eles en canto cren que as cámaras xa non os están enfocando.
Outra cousa é que isto resulte máis rechamante cando sucede no seo dun partido que fixo do "feminismo", dun feminismo radical e tiránico, e da loita contra a violencia de xénero o seu estandarte, mais tampouco é para escandalizarse tanto despois da demencial e temeraria xestión como ministra de Igualdade que protagonizaron Irene Montero e as súas "secuaces".
O único "positivo", por dicilo dalgún xeito, de todo este lixo que os partidos políticos gardan nos seus respectivos faiados, sería que, por fin, a cidadanía tomara conciencia e deixara de apoiar as súas noxentas mentiras.
Estamos xa ás portas do 8M, e estamos convencidos de que non nos van "defraudar", de que, no colmo da desvergoña, unha vez máis sairán encabezando manifestacións e portando pancartas coma se tiveran moito do que estar orgullosos.
Outro tanto se pode dicir de certos colectivos "feministas" adheridos a eles que teñen a ousadía de chamar feminismo ao radicalismo máis noxento que elas practican, ou, perdón, rectifico, predican, porque elas do único que se preocupan é de ir colocándose e acadando cargos, cadeiras e despachos, ademais dos petos ben cheos e quentiños, claro.
Oxalá a cidadanía tomara conciencia, por fin, da gran mentira que estamos a vivir.
Que a loita real contra a violencia de xénero non existe, que o que chaman así é un negocio e que, como tal, e para que continúe prosperando, non dubidan en tapar canto lixo sexa preciso.
O máis tráxico de todo é que, guste ou non, a loita real contra este feminicidio é imposible.
Estamos ante unha batalla perdida, porque, por máis que doa admitilo, no único que todos os partidos políticosconcordan e se apoian, é no empeño en sacarnos do medio aos que, de verdade, queremos loitar.