Liberdade sexual con seguridade xurídica, tamén o 8M

08 de marzo 2020
Actualizado: 18 de xuño 2024

"Sola y borracha quiero llegar a casa". Foi escoitar o lema do novo anteproxecto de lei de Liberdade Sexual e lembrar aquel tan fantástico e sutil "Póntelo, pónselo", que non necesitaba explicitar "Cuando vayas a follar ponte un condón"

"Sola y borracha quiero llegar a casa".

Foi escoitar o lema do novo anteproxecto de lei de Liberdade Sexual e lembrar aquel tan fantástico e sutil "Póntelo, pónselo", que non necesitaba explicitar "Cuando vayas a follar ponte un condón". Foi escoitar o anuncio e lembrar cantas veces teño criticado no Parlamento de Galicia que o Goberno de Feijóo publicitara anteproxectos de lei. Que seriedade é esa? Resulta que o martes pasado utilizouse esta técnica que, nada máis e nada menos, afecta á reforma do Código Penal da Democracia para modificar a regulación dos delitos contra a liberdade sexual. 

Asemade, temo ademais que van xurdir múltiples problemas que poden implicar unha grande inseguridade xurídica que leve por diante as conquistas do Dereito Penal Moderno. Pois o que ten transcendido do texto, sen versión aínda non definitiva, é inquietante.

Porque entende por violencia contra a muller "todos os actos de violencia baseados no xénero que implican ou poden implicar danos ou sufrimentos físicos, sexuais, psicolóxicos ou económicos, incluídas as ameazas de realizar os ditos actos, a coacción ou a privación arbitraria de liberdade, xa sexa na vida pública ou privada". Ou o que é o mesmo, iguala execución e ameaza, descoñecendo absolutamente un dos principios máis básicos en Dereito Penal, cal é o da proporcionalidade.

Porque converte o tipo de agresión sexual nun totum no que todo colle, polo que as penas van dende a sinxela multa ata os 9 anos de cárcere. Quizais estaría mellor, como indican Quintero Olivares e Manuel Cancio, seguir a liña de Suecia e incluír un tipo agravado cando concorran violencia ou intimidación; por iso de non esquecer a gradación. 

Porque diferencia -e castiga con maior pena- a violación dentro dunha parella que a executada sobre unha muller descoñecida, cando a primeira xa levaría máis pena pola presencia dun delito de violencia de xénero. Non chego a entender o porque da maior gravidade no propio delito de agresión sexual.

Por último, a nai do cordeiro da reforma está no consentimento, nese berro (que persoalmente comparto para iso, berralo) "Sólo sí es sí". O anteproxecto véndeo como a grande novidade, como se calquera clase de vulneración non consentida da liberdade sexual non fose xa un delito. O consentimento xa o recolle o Código Penal de 1995. A cuestión está en que a existencia ou non dese consentimento deberá ser probada despois dun xuízo contra unha persoa, destruíndo coa proba practicada o dereito fundamental do artigo 24 da Constitución, o dereito á presunción de inocencia, outro dos logros do Dereito Penal Moderno.

Demasiada inseguridade xurídica que me asusta. Oxalá os meus temores se disipen despois de que o texto pase por sede parlamentaria. E, sobre todo, oxalá alguén pense xa nunha reforma completa e ordenada do Código Penal que deixase atrás o desastre de retoques que, nos anos 1999 e 2015, fixeran os Gobernos de Aznar e de Rajoy nos delitos contra a liberdade sexual. Oxalá máis seguridade xurídica, tamén cara a este 8 de Marzo.