Lembranza dos quioscos

13 de decembro 2024

Xa non quedan quioscos na Praza da Ferrería. Hai pouco pechou o derradeiro. Nos tempos nos que toda a sabedoría atopabámola na Enciclopedia de Álvarez, os quioscos foron para a nosa xeración o que agora son as tendas dos chineses, sobre todo no quiosco de María a do Carrillo

Alí, naquel recuncho daquela praza feita de pedra e camelias onde collía toda a cidade nos acontecementos importantes e espectáculos.

Naquel quiosco atopabamos de todo, ás veces ao fiado. Alí investiamos os aforros en lambetadas os domingos escoitando a Banda de Música Municipal que actuaba á saída da misa de San Francisco. Para nós, os rapaces dos barrios, era o noso lugar de encontro e facer novas amizades, e todos caemos algunha vez no estanque de auga a carón do Caravela na Praciña da Estrela, e trocamos cromos repetidos, e esnaframos os xeonllos aprendendo a patinar e estrear roupa nova por Ramos.

Naquela praza co recendo a castañas asadas na invernía, polos Defuntos un mar de crisantemos e no verán co recendo a fiúncho e flores de maio, alimentando as pombas con millo tentando que se pousasen nas nosas mans, aquel espazo de pedras milenarias era a pasarela onde se reunían todos os pontevedreses e pontevedresas para compartir e arranxar o país. Ollando cara ao ceo viamos os debuxos efémeros das bandas de estorniños.

Houbo varios quioscos aínda que o máis popular era o de María. Nos soportais da Ferrería poñíase os días de choiva o carriño de Papiris, que era de froitas tropicais e améndoas garrapiñadas e mazás de caramelo que as facían no momento. Nos outros soportais, a carón das trabes de pedra que penduraban os carteis anunciando as películas que poñían nos cines, había tamén un quiosco, o do Coxo, onde iamos trocar e mercar as novelas de aventuras e contos.

Nun tempo, por mor dunhas obras no Campo da Feira, os feirantes instaláronse na Ferrería coa súa mercadoría compartindo espazo cos quioscos. Eran tempos de cando as entradas do fútbol, dos touros e demais espectáculos se despachaban na fiestra do Café Savoy. Nos días da semana que non había nada tiña a súa tertulia o poeta Manuel Cuña Novás, do que este ano se cumpriu o centenario.

Na praza tamén houbo máis quioscos pero eran sobre todo de tempada: as locomotoras das castañas na invernía; no verán, un carriño de xeados no que Dimas foi o derradeiro xeadeiro. Co esmorecer dos quioscos foise un tempo que sobre todo deu emprego a moita xente con limitacións físicas na maioría, nun tipo de negocios de miúdo que manexaban cifras moi baixas pero que lles daban para comer e sobrevivir. Eran tempos de fame, tamén de emprendedores que para sacar da fame as familias tiñan que aturar a rapazada e ás veces collían a mercadoría sen pagala. Todos na adolescencia mercabámoslle a María a do Carrillo os primeiros cigarros que vendía ao miúdo.

Agora os quioscos xa só fican no fardel da nosa memoria. Os PTV dos tempos do pan de figo aínda temos pendente unha escultura de María a do Carrillo semellante á das Marías na Alameda de Compostela, como tamén a dos fotógrafos que se poñían a carón do café Branco e Negro, e a das leiteiras entrando na cidade pola rúa da Virxe do Camiño, e tamén da única emperatriz con máis títulos que tivo a nosa cidade, Carmen Romero.