Lecturas desde O Alcouce: 'Dedalus en Compostela'

16 de decembro 2017
Actualizado: 18 de xuño 2024

Dedalus en Compostelai> é un álbum de banda deseñada de Fernando Iglesias "Kohell", adaptación do relato homónimo de Vicente Risco. O texto orixinal foi publicado o 25 de xullo de 1929 no número 67 da revista Nósi>, e o cómic apareceu en 2014, publicado pola Fundación Vicente Risco e a Deputación de Ourense.

Dedalus en Compostela é un álbum de banda deseñada de Fernando Iglesias "Kohell", adaptación do relato homónimo de Vicente Risco. O texto orixinal foi publicado o 25 de xullo de 1929 no número 67 da revista Nós, e o cómic apareceu en 2014, publicado pola Fundación Vicente Risco e a Deputación de Ourense.

A trama ten lugar nas rúas de Santiago de Compostela o venres 14 de maio de 1926, día da Ascensión. O propio Vicente Risco atopa nunha libraría a Stephen Dedalus, o personaxe literario creado polo escritor irlandés James Joyce como alter ego de si mesmo nas novelas Retrato do artista cando novo e Ulises. Comeza así un xogo moi divertido e interesante de intertextualidades e interculturalidades.

Risco explica que o encontro se produce no mundo do imaxinable, non no mundo real. Dinos tamén que xa coincidira con Dedalus uns meses antes en Ourense, no seu despacho, se ben daquela Dedalus tiña 43 anos (a idade que tiña en Ulises), e agora no encontro de Compostela ten 19 (a idade coa que aparece en Retrato do artista cando novo).

Os dous personaxes botan a andar polas rúas compostelás, e axiña empezan un diálogo interesante, no cal aparece tratado un dos temas chave nas obras de Risco e Joyce: o cristianismo, con conceptos como a culpa, a familia, o pecado ou o inferno. O irlandés explícalle a Risco que foi a Compostela como peregrino para ser soterrado alí. Despois Risco faille a Dedalus tres preguntas de carácter persoal, que o irlandés vai respondendo mentres percorren espazos como a rúa da Conga, a praza da Quintana, Praterías, ou a rúa da Acibacharía. De seguido hai unha discusión sobre a estética da arquitectura, co cal se pecha o círculo arredor do nome de Stephen Dedalus, chamado así por santo Estevo (primeiro mártir do cristianismo) e por Dédalo, arquitecto da mitoloxía grega, facendo así homenaxe tanto ao cristianismo como ao clasicismo, os dous puntais da cultura occidental. Para rematar, entran no sepulcro de Santiago o Maior na catedral, onde Dedalus desvela o seu lado máis persoal.

A obra está narrada en primeira persoa polo propio Risco. Hai moitas referencias autobiográficas, como a mención á súa paixón polo orientalismo. É interesante ter en conta que cando se publicou, en 1929, era moi forte a pegada de Joyce e a cultura irlandesa na xeración Nós. Tres anos antes, tamén na revista Nós, Otero Pedrayo publicara uns anacos da novela Ulises en galego, no que supuña a primeira tradución desa peza a unha lingua da península Ibérica. Por entón, Irlanda aínda procuraba a súa independencia, e na construción do nacionalismo galego defendíase un celtismo común que achegase as dúas culturas.

A adaptación a banda deseñada está moi lograda. Respectando o texto orixinal, Kohel achega o seu estilo persoal, con cores vivas para debuxar con fidelidade as rúas de Compostela e as fisionomías dos dous personaxes, e con claroscuros para representar os medos de Dedalus. Recréase nos pequenos detalles de grande importancia, como unhas latas de conserva nun ultramarinos, unhas pezas do xogo de mahjong ou a escultura do Apóstolo na catedral.

O álbum está moi ben impreso nunha edición coidada. O bo de que as institucións públicas poñan pasta para proxectos como este é que o resultado adoita ser bo e o prezo de venda redúcese para a persoa lectora, pero en contraprestación hai que aturar que os volumes sexan prologados por cargos políticos. Se cadra isto non está mal, porque en ocasións dá pé á aparición dunha figura da que cabería falar noutra ocasión: o negro literario.