Lecturas de Catalunya

23 de outubro 2014
Actualizado: 18 de xuño 2024

Atacar con armas, atacar de repente ou entrar de modo violento nun sitio para roubar. Estas son as tres posibilidades que contempla o dicionario para o verbo asaltar. Como é obvio, non é posible atopar connotacións máis negativas para unha palabra. Asalto é o comodín máis repetido co que se nos presentan as imaxes de centos de persoas (de raza negra) tratando de superar o valado físico e económico que en Melilla separa o norte do sur, e que só exerce contra os pobres que procuran atenuar a súa miseria con visados para a pobreza. As palabras e o seu uso substitúen calquera outra análise (política, humana, socioeconómica⿦).

ÿ un dos exemplos máis drásticos que ilustra a infame prostitución do dicionario no escaparate mediático actual. Pero hai máis. Tan só nun contexto determinado poden operar como sinónimos as palabras proceso e desafío. A primeira delas define de maneira máis ou menos imparcial o momento político que se desenvolve en Catalunya, e que vai moito máis alá dos movementos partidistas dun presidente en concreto. A segunda é oratoria bélica, e canda ela entran órdago ou pulso nun fusil dialéctico que claramente trata de desprestixiar calquera iniciativa que conteña o predicado da frase. Igual que cando se nos presenta un asalto, a palabra desafío sitúanos nun escenario de ofensiva contra o establecido. As vítimas sempre son as doces e fermosas convivencia, democracia, unidad e demais curmás recrutadas para a causa. Son articulacións plenamente conscientes que buscan situar ao President Artur Mas fóra das simpatías dos neutrais, posto que nel personifican a conxunción de males (e ameazas, engaden algúns) da indivisible Patria.

A sociedade da comunicación inmediata precisa caras e líderes nos que proxectar e resumir as néboas pouco identificables. Neles/as ou contra eles/as as consignas arden mellor. Na miopía política de atribuírlle a Más o movemento de todo un pobo, que ferve agora pero que é de cocción histórica, os máis necios mesmo tratan de vincular a aspiración dunha consulta (que non necesariamente da independencia) co todopoderoso Pujol, vivo representante da #castaEspaña máis selecta. Por retomar o inicio: presentan a posibilidade de celebrar unha consulta como un asalto á democracia e quedan tan anchos.

Os argumentos de Madrid para negar a posibilidade de preguntarlle ao pobo catalán sostéñense na premisa de que canta máis contundencia constitucional maior rédito electoral obterán (ou menos perderán, segundo o caso) no resto do Estado. Pecháronse confiando na moi escasa madureza democrática da sociedade española, nada afeita a preguntas que supoñan cuestionar os marcos do establecido. Tratarei, neste texto, de desenfiar a esencia do discurso e da argumentación que nega o dereito a decidir dos pobos. Razoar que a independencia dunha Comunidade Autónoma suporía a modificación da configuración territorial do Estado Español pode resultar, de primeiras, o eixo máis elaborado da dialéctica que nega a consulta. Pero é unha falacia: ignora, a sabendas, que o pobo catalán é un suxeito político (incluso recoñecido implicitamente baixo o eufemismo de nacionalidade histórica na Constitución do 78), e que polo tanto goza de personalidade propia.

En todo caso, o dogma máis repetido é a mestura compulsiva de palabras para tratar de confundir conceptos: Xustiza, Lei, Constitución e Democracia son os catro ingredientes básicos dunha receita de contradicións e consignas á que fían todo o seu discurso.

Na súa lóxica, a Constitución é o principio de todo, unha fonte da que abrolla o demais pero que afoga toda iniciativa que non estea amparada nela. ÿ unha arma arreboladiza empregada segundo conveña en cada momento. Xa sabemos que non tiveron reparo en mutilala criminalmente para rebentarlle o artigo 135, e que a ignoran para protexer os dereitos que garante, xa sabemos que a prostitúen para interpretala como lles convén en cada momento. Pode ser un escudo protector nuns casos e un accesorio irrelevante noutros, e reclamala pode resultar ata revolucionario a día de hoxe.

Seguindo esta mesma lóxica, a partires da Constitución saen as Leis. Na néboa mesta que impide distinguir nitidamente os conceptos, a normativa xurídica adquire carácter sagrado en favor dos seus intereses pero ao mesmo tempo é un elemento de interpretación nas súas defensas (e no seu enriquecemento). Non son instrumentos ao servizo das maiorías sociais, senón en moitos casos ferramentas contra a súa vontade.

O papel reservado á Xustiza, ente supremo segundo para que cuestións e de axilidade variable segundo o caso a resolver, é a encargada de aplicar a Lei e de facer valer a Constitución, interpretada ao gusto de quen corresponda, neste caso ao servizo dunha das partes. A independencia xudicial na engrenaxe do Estado represéntaa a afiliación do propio Presidente do Tribunal Constitucional ao Partido Popular, en contraste co que din os artigos 127 e 159 da Constitución, que o impiden expresamente: é todo unha farsa na que o propio TC xa non é visto máis que como un mecanismo político do Goberno, e por extensión, do Réxime.

E por último, a Democracia, que nesta ecuación é un produto resultante que redondea a gran contradición. Democrática é sempre a súa postura, malia teren máis presente ca nunca o exemplo británico no caso escocés. Democrático é negar un referendo, democrático é negarse a consultar a opinión, democrático é aferrarse nada máis que ao voto bisesto, democrático é facerse co poder sen atadura ningunha a un programa de Goberno nin á maldita hemeroteca.

A secuencia da mentira é a seguinte: Constitución > Lei > Xustiza > Democracia, como subcontratas que actúan atadas ao interese primeiro de quen se agarra a elas. Todo é resultante dunha ecuación falsa. Todos os ingredientes desta ensalada son sabores doces, palabras de connotacións positivas ao servizo de quen as perverte, desprezando cada un dos seus significados pero condimentos imprescindibles hoxe en calquera prato que se ofreza no menú político-partidista.

Unha visión minimamente rigorosa supón partir dos significados de cada concepto e non ao revés, operación que nos levará inevitablemente a conclusións ben diferentes. A democracia é o contexto, o marco no que deberan desenvolverse todos os procesos e en función da cal poidan xurdir o resto de axentes. A democracia real supón que a opinión das maiorías é a que prima e os gobernantes e institucións son os que executan a vontade popular. Aínda que ben sei que a tradución á actualidade de hoxe relega esa afirmación ao campo do iluso. Deste xeito, a Xustiza opera tamén como concepto marco, non como aparello de Estado ao servizo dos poderes. A partires das fontes da Xustiza e da Democracia agromarían as outras dúas actrices do reparto: Constitución e Leis. A primeira delas sería unha normativa básica e xenérica, ao servizo das maiorías, flexible (segundo os mecanismos que se dispoñan, pero sempre democráticos) e nunca un encoro que impida os cambios e a mellora das condicións de vida das persoas. No relativo ás Leis, estas son as que desenvolven polo miúdo as directrices constitucionais, son as ferramentas que cada goberno democraticamente elixido pode implementar coa lexitimidade que lle darían as urnas. A democracia non é un simple procedemento, un ritual que celebra a súa festa cada catro anos. A democracia implica participación e, necesariamente, consulta, que é o único xeito de coñecer a opinión das maiorías e tamén (moi importante) das minorías. Por pura definición, non pode haber democracia sen consulta, e esta non pode limitarse ás listas pechadas que cada catro anos nos ofrece a feira electoral.

Neste caso, as forzas vivas do Réxime do 78, conscientes tanto da súa propia decadencia como da vontade do pobo catalán, interpretaron que ⿿conceder a consulta⿿ era sinónimo de darlle bríos á posibilidade de independencia, negando con adxectivos democráticos mesmo o dereito a decidir. Non se fían das súas posibilidades (nin dos seus medios) para artellar unha campaña política coa que competir e gañar nunha hipotética consulta. Inconscientes e incapaces, os seus excesos verbais e as esencias tardofranquistas que exhiben son o mellor alimento para a chama independentista catalá. E velaquí o punto ao que se reduce todo: o debate puramente político de apoio a unha ou a outra opción vese relegado a un segundo plano, onde os argumentos rigorosos e os datos contrastados deixan de ser ferramentas da dialéctica. Sábeno. E saben que a sociedade actual, no contexto presente e cos precedentes de antonte, vota por impulso en moitos casos. As deficiencias que quere aproveitar o discurso sentimentalista de simplificación e redución ao absurdo, de ameaza e de exhibición de contundencia constitucional pode verse supeditado ás limitacións comunicativas dos seus axentes, que sementan división cando queren impoñer unidade. A estratexia nin é honesta nin parece intelixente, é dramaticamente curtopracista e alimenta as posibilidades do adversario. Dende o punto de vista catalán, o gran éxito é avanzar: primeiro, converter a esixencia dunha consulta nunha aspiración absolutamente maioritaria; segundo, trazar a opción independentista de xeito totalmente transversal, pilotándoa a sociedade por diante dos partidos, sabedores de que é falsa a personificación que dende Madrid fan en Artur Mas e que, malia o interese de cada unha das siglas, a causa está por enriba dos egoísmos.