Continuando coa idea de compartir co lector fragmentos de libros que me impactaron, hoxe quero referirme a unha noción que, na actualidade, constitúe o alicerce fundamental das sociedades máis avanzadas: a "democracia". Porén, observo con pesar que este principio esencial está seriamente ameazado. Isto lévame a explorar dúas citas que poñen de manifesto a tensión entre o ideal democrático e a súa aplicación práctica.
Unha primeira aparece no libro "O odio á democracia", escrito por Jacques Rancière e di: "a oligarquía non é un réxime político distinto da democracia. É a realidade que se oculta tras o nome de democracia".
Esta provocadora afirmación de J. Rancière convídanos a reflexionar sobre a verdadeira natureza dos nosos sistemas políticos. Pois, ao analizar o seu funcionamento real, xorde un paradoxo incómodo: vivimos realmente en democracias, ou estas non son máis ca fachadas que ocultan o poder duns poucos?
É evidente que, na maioría dos países, os sistemas electorais e as constitucións democráticas conviven cunha concentración de poder en mans de grupos privilexiados que controlan os recursos, os medios de comunicación e as institucións. A través de lobbies, estas elites manipulan as regras do xogo e inflúen nas decisións políticas, a miúdo en detrimento do interese público, terxiversando o así o ideal de igualdade e participación que a democracia promete.
Os lobbies económicos exercen unha influencia moi significativa nas decisións políticas. As súas estratexias inclúen doazóns económicas a campañas de partidos e candidatos, reunións con lexisladores e funcionarios para premer sobre a aprobación ou rexeitamento de determinadas leis, a práctica das portas xiratorias ou o control que exercen sobre os medios de comunicación, todo co obxectivo de favorecer os seus intereses.
En Galicia, un exemplo claro destas dinámica atopámolo na batalla sobre os parques eólicos, onde os intereses empresariais entran en conflito coas críticas de grupos ecoloxistas e comunidades locais, preocupadas polo impacto ambiental e social destes proxectos.
Así e todo, é xusto sinalar que a actividade dos lobbies non é, en si mesma, negativa. En moitos casos, achegan información valiosa e representan os intereses de diversos sectores, que tamén merecen e teñen dereito a ser escoitados. A clave está en garantir que as súas accións sexan transparentes e estean reguladas, para evitar que se convertan en mecanismos de captura do Estado por parte de grupos de poder.
Agardemos que a decisión final sobre a macrocelulosa, impulsada polo consorcio da portuguesa ALTRI e a galega GREENALIA en Palas de Rei (Lugo), se adopte con base en criterios de transparencia e participación cidadá.
Por outra banda, o filósofo John Dewey, na súa obra "Democracia e educación", ofrece unha perspectiva complementaria ao afirmar: "A democracia debe nacer de novo en cada xeración, e a educación é a súa parteira".
Esta reflexión destaca o papel crucial da educación como base para a formación de cidadáns comprometidos coa democracia.
Con todo, na maioría dos centros educativos, a participación do alumnado e da comunidade escolar segue a ser mínima. A escola, a miúdo, prioriza a competencia e a obediencia en lugar de fomentar a reflexión crítica e a colaboración. Para cambiar esta realidade, é esencial promover unha cultura de participación, na que o alumnado e as familias asuman responsabilidades nun marco de cooperación e respecto mutuo. A escola debe ser un espazo de práctica democracia, onde aos estudantes poidan expresar as súas opinións e participar activamente na toma de decisións.
Se queremos unha sociedade verdadeiramente democrática, debemos empezar por transformar a educación. Os centros de ensino deben converterse nun laboratorio de cultura democrática, onde o diálogo e a deliberación formen parte esencial da formación da xove cidadanía.
O ambiente que desexamos para a nosa sociedade debe reflectirse nas aulas. Por iso, é esencial que a escola sexa un modelo de vida democrática. En definitiva, non abonda con ensinar sobre a democracia; é crucial ensinar en democracia.
En suma, as estruturas oligárquicas souberon adaptarse aos sistemas democráticos, utilizando os seus mecanismos para manter o poder concentrado nunhas poucas mans. Esta realidade non só falsea o ideal democrático, senón que tamén fomenta a desconfianza e o descontento, xerando un caldo de cultivo para crises políticas e sociais. Para reverter esta tendencia, é necesario fortalecer a transparencia, a rendición de contas e a participación cidadá, garantindo que a democracia sexa algo máis ca unha fachada; senón unha realidade palpable para toda a sociedade.