Intelixencia artificial

20 de xuño 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

A cidade pasou décadas mergullada nunha orfandade e abandono grandiosos sobre todo no máis visible: o esquecemento urbanístico que levaba da man o abandono social

A cidade pasou décadas mergullada nunha orfandade e abandono grandiosos sobre todo no máis visible: o esquecemento urbanístico que levaba da man o abandono social: rúas desfeitas cheas de croios, beirarrúas a medio facer, pozas, balados,nenos de mocos verdes...

 

Eran os sesenta e a pesaren dos inconvenientes a cidade espertaba ós ritmos musicais modernos con influencia británica. Canalizaban a tendencia na cidade primeiro a propia mocidade, a radio ( Radio Pontevedra que dispoñía da máis abondosa discoteca, emitindo a diario aquel (Club Xuvenil) patrocinado por "Lanort", un comercio de venda de las instalado nas estreadas "Galerias Oliva" con discos dedicados, opinións, intercambio epistolar entre xente da capital e de Marín maiormente. Un club dirixido por o inesquecible locutor Ricardo Barajas baixo cuxa mandato adquiriu categorìa de sociedade, xefatura cuxo relevo proseguiu un daqueles chavales chamado Miguel, a quen recordo no grupo de estudo da Jovellanos, quen posteriormente adquiriu èxitos de carreira persoal importantes en Madrid.

 

Na Michelena "Radio Zas" vendía electrodomésticos e "picús" da marca "Askar". O propietario tiña por costume abrir a porta do comercio, poñìa un disco e a Michelena era un paseo que merecía a pena. A música rebotaba nos edificios e algunhas cancións como "Temblorcito o el Juego del amor por mor do Organo do grupo The Brisk, soaban con mayor calidade

 

Noutra rúa próxima, a Oliva, na libraría Martínez Gendra os escaparates exhibìan grandes e fermosos libros abertos polas ilustracións a cor de Xeografía, Historia, Natureza... Era unha libraría de referencia á que íamos por asuntos escolares, pero tamén a escoitar o último disco dos Beatles, cando chegaban os primeiros dende Londres, ou iso se comentaba. Cando isto ocorría, a noticia chegaba de seguido, achegàbaste á librarìa e nun pequeno espazo nunha minúscula cabina, poñìas os cascos e te deixabas estar ata que o empregado lembraba que para proba xa abondaba e tiñas que mercar o disco ou deixar o sitio.

 

Lembro ollar hai tempo nun daqueles libros unha lámina grande na que había representada a anatomía dun home composto, nunha grande maioría, por pezas artificiais capaces de substituir outras orixinais facendo a mesma función.

 

Para a época, aquel corpo medio artificial era unha pasada; máis se pensamos o tempo acontecido aquelo xa é unha antigüidade porque hoxe temos no organismo moitas máis cousas cambiables e ademais electrónicamente funcionais. É dicir, os "cachos" non só adornan, tamén se moven cada vez seguindo instrucións directas do cerebro ou polo menos programadas de xeito parecido, incluso mellorando o natural causando a obriga de regulamentos novos dentro da participación ética deportiva sobre todo. Agora os científicos son máis ambiciosos e chámanlle Intelixencia Artificial (IA) coa posibilidade de achegar a marabilla a todos nós.

 

Tanto adianto surxido a fume de carozo mete medo. Eramos poucos e... xa sabedes o que aconteceu.

 

Sir Paul McCartney pretende recuperar a voz de John Lennon para poñer no mercado un novo disco "Now And Then" cuxa letra compuxo o rebelde de Liverpool nun proceso que recorda un pouco a última gravación obtida no ano 95 "I Free As A Bird"

 

Dado o progreso da IA, teño a idea de facerme cun hologramoide ou coma raios se chame, conectalo cando me atope aburrido e pedirlle unha moza loura á que chamarei Xaquira para que faga trucos de maxia consiga levarme de novo a aquel tempo cando entraba na tenda de Martínez Gendra e coa mesma ilusión, unha vez máis dicir aquelo:

O último dos Beatles?