In memoriam: Nélida Piñón, a borelense universal

18 de decembro 2022
Actualizado: 18 de xuño 2024

Recibimos na túa Ítaca particular novas do teu pasamento mentres estabas de visita no país veciño. Lisboa, a cidade da luz alumeou os teus derradeiros momentos que seguro adicaches a botar unha vista atrás sobre o teu longo percorrido vital con parada obrigada na terra dos teus pais, na túa terra, en Borela e Cerdedo-Cotobade

Recibimos na túa Ítaca particular novas do teu pasamento mentres estabas de visita no país veciño. Lisboa, a cidade da luz alumeou os teus derradeiros momentos que seguro adicaches a botar unha vista atrás sobre o teu longo percorrido vital con parada obrigada na terra dos teus pais, na túa terra, en Borela e Cerdedo-Cotobade.

O teu homérico periplo e a túa experiencia vital fixeron que levaras sempre no teu corazón o amor por Galicia e a admiración pola xesta migratoria dos galegos, auténticas mans de América, e construtores da República dos Soños.

Certo é que os galegos non esquecemos nunca de onde vimos e que esta búsqueda das nosas orixes determina o noso presente e o noso futuro. Nélida Piñón, pese a ter nado en Brasil, nunca renegou da súa estirpe, das súas raíces e, moi ao contrario, adoptou con orgullo o feito de pertencer á Galicia Universal, á Galicia da diáspora, converténdose nunha auténtica embaixadora de luxo do noso país no que se sentía sempre como na casa e ao que regresaba sempre que podía.

Nélida e máis eu cultivamos unha amizade unidos polo amor a Cerdedo-Cotobade, tecendo innumerables lazos e vencellos a través de proxectos comúns, o seu interese polo noso presente e, sobre todo polo noso futuro, sen esquecer o noso pasado.

Sempre que tiña ocasión de estar ou falar con ela preguntábame pola Capela de Lourdes, a Ponte e o Pé da Múa, o seu particular Everest nas súas periódicas estadías en Borela, desde moi nova.

Nélida nunca deixou de preguntar e de estar pendente de todo o que rodeaba o acontecer do noso concello. Sempre cun sorriso amable, unha voz doce e unha intelixencia sagaz e vivaracha.

Interesarse polos seus amigos da infancia como Adelina, Nemesio (xa falecido) ou Pepe Portela era unha constante nas súas viaxes a Galicia. No pasado mes de outubro, durante a súa presencia en Borela para presentar a terceira edición do premio literario que leva o seu nome non deixou de preguntar por todos eles, polos seus fillos, netos… en definitiva polos seus veciños desta marxe do Atlántico.

Nélida Piñón, que celebrou con gran ledicia a consecución para Antonio Fraguas do Día das Letras Galegas, mantivo sempre no noso concello o seu corazón e os pensamentos, uns sentimentos que serviron para ilustrar a epopea migratoria do pobo galego na construción da República dos Soños cunha óptica homérica como crisol de universalidade que lle permitiu tecer grandes historias.

Parte cara o infinito e a eternidade unha muller galega de raza, culta, amable, visionaria e emprendedora que reivindicou desde o seu Brasil natal a vixencia do galeguismo das segundas xeracións de galegos no exterior.

Nélida grazas por reivindicar cos relatos saídos da túa man e do teu corazón unha Galicia mellor, unha Galicia rural que non esquece os sacrificios dos seus antepasados e as aspiracións das novas xeracións como fonte de inspiración que catalice a construción dun novo país dos soños.

Deste a túa Ítaca particular, grazas por todas as túas ensinanzas e os teus desvelos. Un biquiño grande