Galicia, "Distrito Industrial": Unha reflexión urxente e necesaria

21 de outubro 2024

"Alimentados de pesimismo no vivimos la vida, la sufrimos". Miguel Delibes.

Presentaron en Pontevedra, a semana pasada, o libro "Galicia, Distrito Industrial" (Editorial Galaxia, 2024). Un libro de conversas entre o filósofo, ensaísta e articulista Antón Baamonde e Daniel Hermosilla, director executivo da empresa Rodiñas, especializada na fabricación e montaxe en obra de elementos prefabricados de formigón.

Alfred Marshall, a finais do século XIX defineu como "distrito industrial" ás organizacións produtivas localizadas xeográficamente, con autonomía de xeración e aplicación de novas tecnoloxías que parten do aproveitamento de coñecementos locais, mesmo tradicionais, creando unha "atmosfera industrial de mutua confianza e coñecemento capaz de soster e impulsara industria local". Porén, case ningún analista usaba este concepto, ata que o científico social Giacomo Becattini fixo a súa introdución no traballo "Dal settore industriale al distretto industriale. Alcune considerazioni sull’unità d’indagine dell’economia industriale, Rivista di Economia e Politica Industriale.1979 (Do sector industrial ao distrito industrial. Algunhas consideracións acerca da unidade de investigación da economía industrial).

Distrito Industrial
Distrito Industrial  /  Andrés Núñez Rajoy

 

O acto, organizado polo Ateneo de Pontevedra, presentado por Manolo Reboiras. A mesa era todo un luxo. Xunto a autor, e por ausencia de Daniel Hermosilla, estaba Eusebio Rey, director xerente de Prosistemas, a empresa que fai os solos máis planos do mundo, traballando para e Inditex, Ikea, Leroy Merlin, Aki Bricolage, Primark, El Corte Inglés, Irzar, Mayoral, Lidl,... e, pola outra banda, estaba Teresa Táboas, arquitecta e empresaria, exconselleira de Vivenda da Xunta de Galicia, conselleira do Consello Superior dos Arquitectos de España, membro de comisións consultivas no Parlamento Europeo e vicepresidenta do Consello da Unión Internacional de Arquitectos (UIA).

Comezouse falando que temos que rexeitar a idea, tan metida dentro da cabeza de moita xente, que en Galicia a industria non é relevante cando iso non é certo. En Galicia, sobre todo nas últimas décadas xurdiu unha morea de empresas de alto valor tecnolóxico, capitalizadas e internacionalizadas. Empresas que teñen un potente peso industrial, mais iso non se ve reflectido na conciencia de moitos galegos. Lembrábamos cando o ano pasado, en plena efervescencia das aplicacións de Intelixencia Artificial (IA) ,houbo unha polémica por un traballo da IA Midjourney que creou unha ilustración de muller por cada comunidade autónoma. O rostro de dezaseis e unha moza, moderna e ben parecida. A de Galicia era unha muller maior, con cara de cabreada, con engurras e cunha roupa ruralizada. Pódese ver en: (https://www.montevideo.com.uy/Ciencia-y-Tecnologia/Polemica-en-Espana-por-IA-que-pinta-hermosas-a-mujeres-de-todo-el-pais-salvo-las-gallegas-uc848969 ). Estas imaxes crearon moita polémica, pero ... é así como nos ven os de fóra? É cousa miña ou non só os de fora senón que moitos galegos e galegas ven a Galicia así? Si nos fixamos nas novas que aparecen nos periódicos en papel ou na TVG que é o que sae? Unha terra envellecida e rural. Vemos novas do noso empresariado emprendedor, exportador ou innovador? A resposta é fácil, non. O que ven (vemos) é unha sociedade, a galega, con grandes festas gastronómicas e sempre centrada no rural.

O libro "Galicia, distrito industrial" é todo un rexeitamento da imaxe de Galicia, como vella, como antiga, e sobre todo como un deserto industrial. É un rompemento dos estereotipos, nomeadamente dos que representan a Galicia como agraria e rural. Fálase das empresas que se foron desenvolvendo arredor de Citröen (agora Stellantis) en Vigo, e no entorno de Inditex na Coruña. Alí desenvolvéronse empresas especializadas que comezaron como auxiliares, agora contan con tecnoloxía avanzada. "Emancipáronse da relación vertical da empresa tractora",— dicía Antón Baamonde— "agora internacionalizáronse cara outros mercados". Falouse da proposta de encamiñar esforzos cara o "Distrito Industrial" no que unha serie de empresas cuns vínculos moi claros co territorio, enfocadas cara a innovación e desenvolvemento tecnolóxico claros, manteñan entre elas vínculos mais non dependencia. Porén, a pregunta que andaba no ar era: cal é a argamasa para xuntar ás empresas? Hai que facer política, política industrial que ata o de agora non se fixo e polo que parece non se fai . A famosa frase de Carlos Solchaga, ministro de Economía con Felipe González: "a mellor política industrial é a que non existe" non vale, sen política industrial moitas industrias desaparecerían, veuse cando o PP abandonou a política industrial para ir a cabalo da burbulla inmobiliaria e as empresas dos innovadores baixaron á metade, baixando a produtividade. En 1989 un grupo de técnicos en horticultura fomos recibidos polo ministro de agricultura dos Países Baixos, meteunos nunha sala de reunións e logo de presentarse púxonos un vídeo. Non falaba de flores nin de horta, non, falaba do que eran os Países Baixos. No vídeo presentaba Heineken, Phillips, NMB Postbank Groep, Nederlandsche Middenstands Bank (agora ING), e así, un tras outro foinos vendendo todo o que facían. O goberno da Xunta fala de festas gastronómicas e de Altri, o resto dano por feito, non saben vender o bo.

Hermosilla pon os exemplos do Piamonte italiano e de Baviera, como o tecido de pequenas e medianas empresas por ir aos mercados mundiais, mais as empresas seguen pegadas ao territorio, aguantan máis aí, no son como as multinacionais foráneas que un día si, e outro tamén, andan ameazando con irse ou chantaxeando con que se lle dean axudan senón vanse, o "distrito industrial" na idea dos autores é unha defensa contra as deslocalizacións. O catedrático Santiago Lago nun artigo do mes de agosto, que Galicia é unha economía industrial en España, que a industria manufactureira produce un 10% máis do que correspondería tendo en conta o tamaño relativo da nosa economía, sendo a que máis medrou desde o ano 2002. Debemos ter claro que Galicia non é agraria nin rural, é industrial, aínda que a agricultura e gandería teña un peso importante. Estamos nun posto moi vantaxoso pola innovación, automatización e creación de produtos sofisticados. Debemos preguntarnos porque no imaxinario do País segue coa mentalidade do ruralismo. Temos que virar ese imaxinario e dar a coñecer esa Galicia industrial e innovadora. Din, e eu podo aseguralo, que os franceses son "chauvinistas" (que exaltan o deles fronte aos de fóra). Non digo ser como os franceses, mais si aumentar a nosa autoestima, crer na nosa capacidade de know-how (saber facer, habilidade ou coñecemento). Nesta terra sempre houbo know-how, Inditex, (poderíamos por outros exemplos), non chegaría a ser o que é si aquí non houbese nos anos 60 unhas mulleres que cosían na casa ("as pantaloneiras"), e si antes delas non houbera as tecelás. E tamén canteiros, curtidores, carpinteiros e outra xente con moito know-how.

O libro é "unha cartografía das empresas que sirva para articular políticas proactivas" como pon na páxina 92. Iso é coñecer as nosas empresas, que estou certo que non as coñecemos. Sen querer facer un "spoiler" do libro preguntaría canta xente da nosa cidade sabe da calidade, e uso dos vidros que fai, Pontevedresa Group, ou de Teccarsa, Vidrogal e ABCR Laboratorios que están en Soutelo de Montes. O máis paradoxal que aprendín coa súa lectura é unha empresa galega que fai laminados con madeira de eucalipto, e consegue, coa calidade que ten, colocalos en Australia, terra do eucalipto. Hermosilla e Baamonde fan unha proposta de cambio de mentalidade cara unha colaboración horizontal entre empresas no modelo de distrito industrial. A ver si na política se dan por aludidos, e si non teremos festas gastronómicas (que tamén son necesarias, máis iso non é política industrial).

A mensaxe deste libro — en palabras de Antón Baamonde —consiste en afirmar que "non necesariamente os nosos fillos teñen que emigrar". Para min é un "chute" de País industrial, da cousas ben feitas e unha subida da autoestima.