Fin dunha etapa: a miña presenza docente na Universidade de Vigo durante o ano académico 2023-2024

03 de novembro 2024

Toda etapa, todo ciclo, ten un comezo e un final. Durante o pasado ano académico 2023-2024 fun profesor convidado na Universidade sénior do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.

Para o que vén tócalle a outra persoa levar adiante esa actividade. Agradezo á Universidade de Vigo que me concedesen o pracer de traballar durante un curso para eles.

Impartía a materia "A nosa cidade, as súas cousas". Unha materia na cal durante un cuadrimestre condensaba toda a historia de Pontevedra, dende o mito de Teucro ata a Guerra Civil. Amoseilles os fondos de prehistoria e arqueoloxía do Museo de Pontevedra, faleilles dos xacementos prehistóricos do rural pontevedrés, como os petróglifos de Salcedo ou os castros de Mourente e o do mesmo Salcedo, ensineilles aos meus alumnos e alumnas a ler as inscricións da sección de epigrafía do Museo de Pontevedra, que despois coñecemos en persoa nunha visita guiada que fixemos a este fondo.

Presenteilles as fontes para o coñecemento da Historia Medieval de Pontevedra, o Libro do Concello, fondos notariais, tombos documentais das distintas institucións da vila medieval (o Tombo de San Domingos, o Tombo de Santa María do Camiño...). Vimos o papel de Pontevedra no contexto das fundacións monacais do seu contorno, incluso antes de que Pontevedra existise, sobre todo San Salvador de Lérez (coa presenza do propio Xelmírez nel), pero tamén San Xoán de Poio, Santa María de Armenteira e San Pedro de Tenorio.

Vimos o fito que supuxo o ano 1169, acta fundacional de Pontevedra da man de Fernando II, e a relación que ten coas guerras coa veciña Portugal. Faleilles daquelas xentes, as súas crenzas, costumes, relixiosidade, prácticas sociais e económicas, buceamos nos seus testamentos como manifestacións da súa visión do "máis alá"; paseamos polas rúas da vila medieval, polas portas e postigos da súa muralla, as súas torres, prazas e centros de decisión política e económica, sempre da man das fontes que coñecemos e coas cales levo anos "queimándome as pestanas", non pretendendo achegar datos atractivos pero non documentados nin documentables, senón achegando o que realmente podemos saber. Vimos as institucións de goberno da cidade durante a Idade Media, a presenza dos lugartenentes das torres arcebispais, como o arcebispo Berenguel de Landoira retírase a Pontevedra tras atopar as portas de Compostela pechadas e como dende Pontevedra organiza a súa loita contra os rebeldes e nas súas torres arcebispais banquetea nada máis e nada menos que co rei Don Dinís de Portugal.

Falamos dos momentos levantiscos previos á revolta dos Irmandiños, e entón, baseándome na principal fonte que temos, o Preito Tavera-Fonseca, sinaleilles extractos de textos onde puideramos ver a situación imperante en Pontevedra, sempre en Pontevedra, con secuestros, roubos, extorsións e estupros e quen foron os protagonistas da revolta na cidade, con nomes, apelidos, profesión e cargo de cada un na irmandade. Faleilles de Pontevedra no conflito dinástico entre Isabel e a Beltranexa, como anteriormente lles falara en relación coa guerra civil entre Pedro I o Cruel e Henrique II de Trastámara.

Pontevedra non é unha célula independente, abstraída do seu contorno, tiña que facer mencións ao contexto era inevitable, pero os mesmos eran os estritamente necesarios. Ubicamos todo no tempo, con breves anotacións sobre o que estaba a acontecer noutras partes, sen perder de vista a Pontevedra, a auténtica protagonista.

Tratamos sobre a fundación das tres ordes mendicantes en Pontevedra, sempre Pontevedra: franciscanos, clarisas e dominicos. Falamos do esplendor da vila no século XVI, dos irmáns Nodais e outros mariños, do papel dos pontevedreses na conquista do Novo Mundo. Profundamos sobre a iconografía da basílica de Santa María.

Falamos da crise do XVII-XVIII, a fundación na vila do colexio da "Compañía de Xesús", a expulsión dos xesuítas e os distintos avatares do edificio ata caer nas mans do Museo de Pontevedra, sendo hoxe un dos seus edificios máis emblemáticos (o Sarmiento). Foi tratada igualmente a influencia na cidade do feito innegable de estar preto de Portugal, cos conflitos coa mesma durante os chamados "Austrias menores", de feito que en Pontevedra facíanse levas de soldados en determinados momentos. Tratamos sobre Pontevedra, sempre Pontevedra, na guerra da sucesión tras a morte de Carlos II, co impacto da batalla de Rande, e durante a guerra da independencia, coas partidas que se enfrontaban aos franceses e a presenza das tropas francesas na cidade.

Tocamos aspectos como a Pontevedra liberal, sendo un dos seus protagonistas e fonte ao mesmo tempo, o historiador Claudio González Zúñiga, alcalde liberal de Pontevedra. Non poderiamos esquecernos da construción do santuario da Peregrina, o conflito con Vigo pola capitalidade da provincia, o ambiente cultural do século XIX, a prensa pontevedresa durante aqueles anos, ou o caciquismo e as fraudes electorais propios do turnismo, con figuras como Eugenio Montero Ríos. O balneario do Lérez de Casimiro Gómez, unhas augas que unha vez analizadas resultaron ser auga da billa común e corrente.

Tocamos o esplendor da primeira metade do pasado século, con figuras como Perfecto Feijóo, "Aires da Terra" e a gravación do primeiro disco de música galega, a fundación da "Sociedade Filarmónica", da "Coral Polifónica", Manuel Quiroga, Castelao, Alexandre Bóveda e outras figuras que falaban nas tertulias da época, e rematamos coa Guerra Civil, tras ver a proclamación da Segunda República e o ambiente que había previo ao alzamento. A represión franquista e os anos negros do franquismo puxeron fin ás miñas sesións.

En todo momento deilles as anotacións bibliográficas para que puidesen profundar nos contidos, con obras tanto de temática pontevedresa, como galega, e incluso de carácter máis xeral. No caso pontevedrés, lembremos que Pontevedra era o centro das miñas clases e disertacións, recomendáballes sobre todo a lectura de Claudio González Zúñiga, José Armas Castro, Xosé Fortes Bouzán, Antonio de la Peña Santos, Juan Juega Puig, Xosé Pereira Fernández (estes dous últimos tristemente falecidos no mellor da súa actividade intelectual), Enrique Sotelo Resurrección, Luis López de Guereñu e no caso galego Felipe Arias Vilas, Casimiro Torres, Anselmo López Carreira, Antonio López Ferreiro, Carlos Barros Guimeráns, Francisco Calo Lourido, Ramón Villares ou Xosé Ramón Barreiro entre outros.

Ás veces incluso levaba libros da miña biblioteca persoal para que lles "botasen un ollo". En todo momento, centrándome en Pontevedra, sempre, indicáballes as vantaxes de ser socio da Biblioteca Pública incluso lles pasara as referencias das obras sobre Pontevedra que podían encontrar na mesma en préstamo público e díxenlles en que estantes da Biblioteca estaban por se querían achegarse alí e empaparse na historia da cidade máis alá do que podería eu contarlles na aula.

Incluso fixemos audicións de música medieval de trobeiros pontevedreses ou relacionados coa vila, como Pedro Eanes Solaz ou Paio Gómez de Soutomaior, e fixemos unha visita guiada ao Museo de Pontevedra, centradas nas súas salas de prehistoria e arqueoloxía e nas "salas Castelao". O persoal do Museo foi moi atento. Creo que o fixen todo ben, traballei moito para que fose así. Foron entre cinco e seis horas para preparar cada unha das doce sesións, unha por semana.

Aos meus alumnos e alumnas deilles a oportunidade, de xeito optativo, da realización dunha práctica escrita, sobre calquera etapa histórica da vila, así recibín traballos sobre o movemento Irmandiño, a historia das rúas e prazas de Pontevedra, os foros da vila, as murallas medievais da vila ou o movemento asociativo no século XX.

Agora, estou na fase final do proceso de doutoramento, no cal me centrarei, xa teño ganas de que me chamen Doutor. As achegas foron mutuas, eu acheguei a miña experiencia como historiador e investigador, creo que serio, cinguíndome aos documentos, sempre buscando fontes de primeira man, sen buscar sensacionalismos máis propios de malabaristas engana turistas, achegando ademais a miña formación como docente, ademais de investigador, e a miña experiencia como conferenciante.

Por outra banda a oportunidade tamén me ofreceu a min achegas interesantes, como o prestixio de poder dicir que impartira clases na Universidade de Vigo, achougoume experiencia como docente, pero sobre todo achougoume un meirande convencemento de seguir sendo un historiador e un investigador serio, e aínda que o alumnado me pida que lles ensine cousas que non son certas, que non están debidamente documentadas ou que son auténticas sandeces nalgúns casos, non torcer o meu camiño para dar satisfaccións a unha curiosidade non da verdade histórica, senón do "salseo" pseudohistórico e de especulacións moi lindas e que semellan converter a Pontevedra no centro do mundo, pero que non teñen nada de certas. Pontevedra é fermosa per se, non precisa da mentira e da fabulación algunha para maquillarse.

Por certo, un dos maiores problemas cos meus alumnos e alumnas foi facerlles ver que Pedro Madruga e Cristóbal non eran a mesma persoa, como os recentes estudos de ADN demostraron, eles afirmaban que si o era e que o demostraban certas probas de peritaxe de calígrafos. Creo que tentar saír deses debates absurdos que lastraban o meu traballo serio crearon un mal ambiente co alumnado, moi contaxiado con ese tipo de teorías absurdas.

Agardo que a persoa coa cal conten agora o faga igual ou mellor ca min e manteña os mesmos criterios profesionais e éticos. Fin dunha etapa, á espera de seguir achegando á cidadanía a miña formación e coñecementos.