Fauna do verán (a xeito de brincadeira, ou non)

07 de agosto 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

Dedico unha parte do meu tempo libre a ver a flora e a fauna que me rodea, nomeadamente as aves. Gústame ver os paxaros, cando inician os voos. Saber onde están os niños, mantelos en segredo como cando era neno e competiamos a quen sabía máis niños

Dedico unha parte do meu tempo libre a ver a flora e a fauna que me rodea, nomeadamente as aves. Gústame ver os paxaros, cando inician os voos. Saber onde están os niños, mantelos en segredo como cando era neno e competiamos a quen sabía máis niños. Segredo que podíamos romper cando os paxariños xa estaban listos para voar e non haber risco de que asañaran o niño. No verán vou ver poucos paxaros. Só sufro a fauna que agroma cos primeiros incrementos de temperatura. Todos os anos aparecen. Son endémicos das nosas costas. Non hai praia galega, ou vila costeira, que non teña individuos destas especies. Seguro que vós tamén sabedes de moitos , mais eu teño os meus favoritos.

Os fodechinchos (Xantatrachurus spp, son varias especies aínda que predomina o Xantatrachurus matritensis A.) Distribúense por toda a costa. A súa zona de caza son as prazas de abastos e mercados. O peixe é o seu alimento preferido. Veñen a por el. Canto máis barato mellor. A súa especie preferida son os xureliños ou chinchos. Hai uns anos nunha praza das Rías Baixas acabaron coa mercadoría de toda a semana. Normalmente van en manda familiar. Falan moi alto para que se saiba que están aí. Teñen o costume de sinalar co dedo furabolos ao tempo que din: mirar, mirar, cacho langosta! sinalando un lumbrigante. Guía a manda o macho alfa, que se supón que entende, aínda que acaba consultando coa femia alfa. Tamén poden ir dúas ou tres mandas xuntas. Esta especie non corre risco de desaparición, co cambio climático e as altas temperaturas que se acadan no sur de España moitos deles desprazan o seu hábitat cara o norte, mesmo hai superpoboación da mesma. No fusco lusco aparecen polos furanchos. Gustan do licor café.

Os carrexadores e carrexadoras,son unha superfamilia con moitos tipos (Paguroideo spp). Carrexan de todo segundo a súa planificación do estío. Os sedentarios de verán transportan, xa pola mañá cedo, as cadeiras, hamacas, toallas. Van cedo a "coller sitio", espetan as súas antucas na area para marcar territorio. Lembran a Neil Armstrong cando cravou a bandeira na Lúa, aínda que aquí hai máis astronautas. Unha subespecie deste tipo é a que se caracteriza por deixar as cadeiras e hamacas atadas, dun día para outro, con cadea e cadeado ás varandas dos paseos das praias (están disminuÍndo, en moitos lugares os concellos prohiben facer estas "reservas" ). Os carrexadores de paso, os non sedentarios van a aproveitar o día. O seu transporte é múltiple. Levan de todo. A parte das consabidas antucas e toallas tamén levan neveira portátil, mesa, cadeiras e todo o necesario para pasar a xornada. Buscan, normalmente lugares que, aínda que preto da praia, teñan algo de herba, para xantar coa mantel sobre ela, ou para poñer unha mesa. Co paso dos anos esta superfamilia foise especializando no transporte. Primeiro con carretillas de dúas rodas nas que ían atados todos os utensilios. Logo viñeron as carretillas parecidas ás cadeiras de bebé. Agora xa hai uns carriños, de moita capacidade, con catro rodas e un temoeiro para tiras por eles.

Os chuloman e chulawoman (Sarda gimnasticus) eran unha especie case en extinción. Máis parece, segundo din algúns estudos, que se manteñen, mesmo con pequenos incrementos. Todo isto veuse axudado pola popularización dos ximnasios. A xente non so se apunta, tamén vai. Busca a perfección do corpo. O CrossFit axudou moito a este grupo. Mázanse duramente ata conseguilo. Corpos esculturais que locen nas nosas praias. Os machos adoitan ir sos. O traxe de baño pequeno, corpo depilado. Gafas para o sol. Sempre mirando ao infinito aínda que están atentos a quen mira para eles, estanse exhibindo. No caso das femias o comportamento non é o mesmo que os machos. Van en grupo. Na roupa tamén pequena,tanga prioritariamente. Están sempre nas toallas en posición decúbito prono. Este grupo incrementou a súa estética con tatuaxes que locen gustosamente. Segundo o meu tatuador de confianza piden motivos "étnicos" ou nomes en xaponés ou árabe.

Un grupo digno de estudo son as "nais soas". Mamás que van cas fillas e fillos a praia. No mundo da igualdade, ou suponse que niso estamos, vexo que este grupo increméntase de ano en ano. Podía entendelo nas nosas nais. Os pais traballaban e elas estaban "na casa" facendo traballos duros e non remunerados, entre estes traballos o levarnos a nós a praia e aguantarnos e coidarnos (todos lembramos o " non tires area!" ou o máis recorrido de "aínda che queda media hora para bañarte, tes que facer a dixestión!". Coa incorporación da muller ao traballo este modelo desapareceu bastante, mais pouco a pouco vai reaparecendo. Aí veñen cargando con todo o material para os pequechos, caldeiros, pas, pelotas e outras cousas para a rapazada. Tamén coas merendas correspondentes, o bocadillo para cada un, a froita cortada e pelada nun táper. Intentei indagar por que isto era así. Elas non traballaban e eles si? Pero non. Non. Elas traballaban. Entón, que o que pasa? A primeira resposta foi do máis divertida: "es que no te le gusta la playa". As outras por aí ían, que si lle molestaba a area, que si nunca levou ven o estar ao sol, a outros gustáballe quedar na casa lendo. En fin, machismo en estado puro. Claro que eu pregunteille a algunha si non lle gustaba a praia e dúas dixéronme que non, pero que non tiñan outro remedio, que os nenos estaban mellor con elas. Sen comentarios.

Últimamente tamén aparecen os "papás construtores" (Pater constructor L.). Pais que agora que teñen fillos descobren que a súa verdadeira vocación era ser enxeñeiro de camiños, canles e portos ou arquitecto. Botan toda a mañá na area mollada que deixa a marea cando baixa. Veña pa, veña caldeiro. Póñense a cavar grandes buratos para facer presas ou edificios. Están todo o día ensinando aos fillos e fillas. Cando se cansan fan bolas de area mollada e comezan a facer guerras de bolas. Cando se van non tapan o burato confiando que a auga volva todo ao seu estado natural. A veces volve outras non

Os avós e avoas canguro son outros que moito se ven verán, aínda que tamén están no inverno agora son máis visibles. Cada vez máis por como están as cousas. Pero non podo continuar o artigo porque eu estou neste grupo e vou buscar á neta e ir xogar á praia. Aproveitade do verán.