Escenas de filmes

09 de outubro 2024
Actualizado: 11 de outubro

Os (e as) que seguides os meus artigos ademais de atesourar un mérito impresionante, sabedes que de cando en vez adoito falar dalgunhas desas escenas recorrentes en series ou filmes

Os (e as) que seguides os meus artigos ademais de atesourar un mérito impresionante, sabedes que de cando en vez adoito falar dalgunhas desas escenas recorrentes en series ou filmes. Precisamente o que vou facer agora mesmo, neste caso para lembrar ese momento dramático no que o prota ou a prota do relato pecha unha porta tras si e despois apoia o seu corpo nela. Normalmente vén de poñerse a salvo dun malvado ou malvada que lle quere poñer ás mans enriba, á altura do pescozo, para esganalo. Ou algo así. Entón a súa expresión, xa a salvo tras da porta, é de alivio; un chisco tensa aínda, pero de alivio. Claro que sempre pode aparecer Jack Nicholson cun machado de grandes dimensións e poñerse a escachar a porta, pero para iso ten que ser Kubrick o director do filme e Shelley Duvall a pobre vítima.

Vou facer un corte ou inciso para sinalar que isto que fago tanto de poñer os suxeitos das miñas oracións tanto en feminino coma en masculino (falamos de pronomes persoais) ten que ver coa teima da cousa da inclusión pero tamén coa teima da cousa esa de ir enchendo a páxina.

Agora imos falar do caso de que a película non sexa un thriller, senón unha comedia ou drama romántico. Entón o prota vén de despedirse da súa amada o do seu amado e, apoiado na porta, lanza suspiros como se fosen bombas cun lanzachamas.

O caso é que quixera eu ver na vida real cantas veces algún de nós chegou á casa e puxo o lombo contra a porta, aínda que fose para rañarse contra ela. Isto é algo das aventuras fílmicas, un recurso repetido e polo tanto bastante parvo, ao que se segue a recorrer porque a xente nas películas ten que chegar a súa casa nalgún momento e algo hai que facer con eles cando entran, por exemplo apoiarse contra a porta, mentres a cámara os amosa en plano xeral ou en primeiro plano, se se quere que se vexa como na súa faciana se debuxan as emocións que o director ordenou que se debuxasen. Cando os actores son malos ou peores, optase polo plano xeral e listo.

Ademais, é totalmente ilóxico que te poñas pegado á porta cando anda na túa procura un malo malísima ou unha bruxa Avería: o que hai que facer e coller o coitelo máis grande da cociña e pecharse no cuarto de baño, dende onde teste que poñer a chamar polo móbil á policía. Papán.

Outro día igual falamos dos tipos barra tipas que vomitan nas pelis e series cando ven un cadáver xa de días ou tantas veces simplemente por levar un desgusto.