Cumprín os seis anos e entrei na escola. A primeira pregunta, ti de quen es do Celta ou do Deportivo? Non souben que responder. Foi o meu contacto co fútbol. Non había televisión e a radio era cousa dos maiores. Elixín un dos dous equipos que me propoñían sen saber. O importante era xogar a algo no recreo. As nenas, mesma escola na aula do lado, nunca xuntos, xogaban á mariola. Entérome que hai un campionato que chama a "Primeira" ou "Segunda", que tanto Celta como Deportivo non ían moito por alí. Nos anos sesenta o Celta pasouno case todo tempo en Segunda, e Deportivo un ano arriba outro abaixo. Escoitaba aos maiores falar que destacaba un tal Pontevedra, que "era de aquí" (os meus coñecementos de xeografía, daquela, eran escasos) e que era difícil gañarlle e frase "hai que roelo" . Seguín, e sigo sendo, seareiro do equipo que elixín ao chou o día que cumprín os seis anos, mais a elección non me daba satisfacción, non lograba estar en primeira, coma os outros.
O meu avó, Andrés tiña unha zapatería no lugar da Baiuca, no linde parroquial entre Santa María de Iria Flavia e a de Santa María de Cruces, para nós coñecida como da Escravitude. Unha das cousas simpáticas, sen explicación, era que na casa de meus bisavós onde estaba a zapatería do meu avó tiña dúas parroquias, a parte sur que herdou meu tío avó José era de Iria Flavia e a metade norte, onde estaba a zapatería era de Cruces. A 40 metros estaba o río da Baiuca que facía linde natural pero o linde parroquial era de raia seca. Ía a zapatería, alí era feliz vendo as cousas que tiña. Coitelas afiadas, agullas, "pez" para untar o fío, máquina de coser, croios grandes nos que batía o coiro dos zapatos. Cousas que engaiolaban a un neno de sete anos. Nos andeis había coiros, caixas con cravos, patróns de zapatos, de zocos, de botas e botíns. Nos de abaixo estaban os zapatos ou zocos que gardaban reparación, abaixo de todo os reparados. Tiñan o nome dos donos escrito en papel de estraza. O sorprendente é que nos cantos dos andeis, cravados con pequenos cravos, había páxinas de do MARCA , tiña o nome e os titulares en vermello. Había catro páxinas de Pelé, tres só e unha coa selección do Brasil. Para meu avó Pelé era deus, sempre me dicía que ademais de ser bo Pelé tiña un nome impresionante, sabes como se chama? repetía sílaba a sílaba,Edson Arantes do Nascimento, con ese nome vaise ao mundo a triunfar. O outro futbolista era Luisito Suárez. "É dos nosos, xoga en Italia pero é dos nosos, éche da Coruña, sempre vai ser noso". Non o entendía, agora entendo ao meu avó. O máis pavero é que meu avó nunca vira un partido de fútbol profesional, de terceira para arriba nunca. El coñecía o fútbol polo que lía e tamén por escoitar pola radio a Matías Prats. Meu avó escoitaba os partidos na taberna, alí entre chiquita e chiquita comentábanse os partidos, sempre en función do que opinaba o locutor. Meu avó era un seguidor do fútbol "de oído", seguro que o planeamento de hoxe de un partido cada dúas horas non lle ía a gustar. Cando empezaron a poñer televisións nas tabernas non gozaba do fútbol, os partidos eran o sábados, no descanso íase para a casa. El era de fútbol "de oído", na casa poñía a radio e "vía o partido".
Tamén tiña unha páxina da España de Marcelino, o de Ferrol, dicía el. Mais había outra que me marcou como seareiro, era un equipo que tiña a camiseta a franxas verticais, ao ser a foto en branco e negro non sabía a cor das franxas. Xa tería uns nove anos e mirando para ela pregunteille: avó ese é o Deportivo?. Fíxena boa, miroume con cara seria, meteu a man debaixo da boina que xa formaba parte da súa persoa, rañou un pouco a cachola calva para pensar como mo ía a dicir, xirou a cabeza como se estivera dicindo non, mirou para o teito, mirou para min e soltoume: "Mira ben o que te vou dicir, isto é para sempre. Este equipo é o Athletic Club de Bilbao, o equipo que máis debes respectar de España aínda que non sexa o teu equipo. Son todos de alí. Teñen canteira e, aínda que o Real Madrid ou o Barcelona lle leven xogadores, porque son máis ricos, eles seguen sacando xente nova. Eu teño amigos daquí da aldea que foron de mariñeiros para Lekeitio, para Ondárroa, para os portos de por alí, cando veñen pola festa do Cristo en agosto sempre me falan do Athletic Club, dinme que non só é un club, que un orgullo, que os de alí que non lles gusta o fútbol tamén defenden ao Athletic, que é un sentimento. Levo tempo seguindo o Athletic Club e vexo que é así. Así que só che pido que sempre o respectes. Ah, e nunca digas o Bilbao, di sempre o Athletic Club, non me gusta cando a xente di o Coruña en vez do Deportivo, nunca oín dicir o Vigo e lugar do Celta nin o Pamplona en vez do Osasuna, cóidalle sempre o nome ".
Estas palabras de meu avó solucionáronme un problema que era ter un equipo en Primeira División, cando o meu equipo non estaba nesa división xa tiña equipo. Así me fixen seareiro do Athletic Club, un equipo que defende valores que cada vez se ven menos no fútbol (ou, xa, en moitos deportes), cunha política de canteira que outro xeito de entender o fútbol. A inmersión do Athletic en todo Euskadi é total e vese ben cos clubes que ten convenio que son 170 clubes, dos que 35 son masculino-feminino, 9 feminino e 126 masculino, iso é facer canteira, o demais son bromas.
Como me gustaría que en Galicia tiveramos un equipo cos principios do Athletic Club, que todos os xogadores foran de aquí (defino o "aquí" como un lugar que comprende toda Galicia, o norte de Portugal , ata Navia en Asturias, ata Puebla de Sanabria en Zamora e O Bierzo). Non pasaría nada por non gañar ligas ou copas, xa se levan moitos anos sen gañar. Sempre tiven esperanza ( romántico que é un) que tanto o Celta ou o Deportivo fixeran unha cousa parecida pero non. Fan grandes cidades deportivas, que poden ser boas para este tipo de planificacións, mais invisten en xogadores de fora, aquí a canteira non xoga, vai fóra como fai unha parte da nosa mocidade mellor preparada. A ver si un día calquera destes dous se lles da por facelo. Dos outros, a verdade é que non agardo nada, só fai falta verlle a súa páxina web. Tanto o Racing do Ferrol, o CD Lugo, o Ourense CF ou o Pontevedra CF manifestan un gran desprezo ao País coa marxinación do idioma galego nas súas páxinas. Moito poñer como patrocinadores, por que lle dan cartos, o logo Xunta de Galicia, ou de Deporte Galego ou outros institucionais dependentes da Xunta pero non entenden nada. Cabréame cando vexo a dirixentes destes equipos dicindo que non se debe mesturar fútbol con política cando é o que están facendo eles, e por riba a política dálle cartos cos que traen xogadores de fóra. Que pouca coherencia, que pouca formación , cando se cren catedráticos do fútbol. Ao final son uns ninguén.
Seguirei sendo seareiro do meu equipo galego. Sufrirei cando xoguen contra o Athletic, aínda que quero, sempre, que gañe o de aquí. Sei que, como di a canción, "teño o corazón partido". Mais a alegría do outro día na Cartuja e ver a gabarra subindo de Santurzi a Bilbao non ten prezo. Grazas avó por ensinarme que o fútbol tamén son valores. Zorionak Athleticzales! Aupa Athletic!