Entre Huxley e Orwell

28 de setembro 2024
Actualizado: 07 de outubro

O recente ataque a membros de Hezbolá mediante explosivos camuflados en buscas e walkie-talkies revela unha verdade alarmante: a tecnoloxía, mesmo nas súas formas máis rudimentarias, pode converterse nunha arma letal

O recente ataque a membros de Hezbolá mediante explosivos camuflados en buscas e walkie-talkies revela unha verdade alarmante: a tecnoloxía, mesmo nas súas formas máis rudimentarias, pode converterse nunha arma letal. Pero máis aló do impacto inmediato deste evento, é necesario reflexionar sobre o papel que xogan dispositivos tecnolóxicos tan cotiáns como os teléfonos móbiles nas nosas vidas. Transfórmannos de maneiras sutís, pero profundas, moldeando as nosas crenzas, desexos e emocións. Unha realidade que o filósofo Byung-Chul Han denomina "psico-poder", facilitado polo panóptico dixital que reprograma constantemente os nosos cerebros.

Vivimos nunha sociedade hiperconectada: teléfonos móbiles, redes sociais, aplicacións omnipresentes, o auxe do 5G e o universo virtual da web permítennos rastrexar movementos, detectar ideoloxías ou localizarnos con precisión cirúrxica. Todos, sen excepción, estamos baixo o ollo omnipresente dun "Gran Irmán" contemporáneo; trátase dunha nova forma de control social. A tecnoloxía, que nalgún momento prometeu liberarnos, rematou por converterse nunha cadea invisible que nos ata a un sistema de monitoreo constante. Ninguén está exento deste xogo de poder, nin sequera aqueles que cren que un simple busca ou un teléfono móbil son inofensivos.

A era dixital está a ofrecernos unha comodidade sen precedentes, pero tamén puxo ao descuberto a inmensa cantidade de datos persoais que compartimos a diario e de maneira case inconsciente. E é que, a falsa sensación de seguridade que nos proporcionan os nosos dispositivos móbiles lévanos a compartir información persoal de maneira indiscriminada. Por citar algúns exemplos: localización, historial de buscas, datos biométricos, rexistro de compras, contactos, datos de saúde, información financeira, preferencias sexuais, intereses políticos, crenzas relixiosas, enderezo IP, fotos, vídeos, comentarios e publicacións en redes sociais.

Estes datos non son inofensivos; representan un tesouro para empresas, gobernos e partidos políticos que buscan moldear as nosas decisións e comportamentos. Na era do clic, a información flúe rápido, pero a pregunta é: a que prezo? Estamos dispostos a sacrificar a nosa privacidade pola comodidade de ter acceso a todo nun instante?

Sentímonos máis conectados que nunca, pero esa conexión vén cun custo: a nosa privacidade. E é que, que é un teléfono móbil se non unha extensión de nós mesmos, un apéndice dixital que levamos a todas partes? É un medio de comunicación, si, pero tamén unha ferramenta de vixilancia. Un dispositivo que, mentres nos facilita a vida, recolle información sobre os nosos movementos, intereses, ideoloxías e preferencias.

Fronte a este panorama, a solución pasa por dous frentes: o reforzo da protección de datos e unha educación dixital robusta. As leis de privacidade deben actualizarse e aplicarse con rigor, garantindo que os nosos dereitos non se vexan comprometidos polo avance tecnolóxico.

Por outra parte, é crucial que entendamos que a educación dixital é nunha necesidade urxente. Non basta con saber manexar un dispositivo; é imprescindible aprender a utilizar a tecnoloxía de maneira segura, consciente e crítica. Protexer a nosa privacidade, ser conscientes dos datos que compartimos e manternos actualizados en temas de ciberseguridade, dende o uso de contrasinais seguras ata a desconfianza ante correos electrónicos sospeitosos; existen moitas medidas que podemos adoptar para reducir o risco de converterse en vítimas dun ciberataque.

A vixilancia masiva é un problema complexo que esixe unha reflexión profunda. Non podemos ignoralo, nin delegalo. É unha responsabilidade colectiva traballar en solucións que equilibren a seguridade coas nosas liberdades fundamentais. Os dispositivos que utilizamos a diario, eses mesmos que nos achegan ao mundo, tamén poden ser usados para controlarnos. A clave está en como decidimos enfrontarnos a este dilema.

Resulta paradóxico que os clásicos distópicos, Un mundo feliz de Aldous Huxley, que é unha metáfora das sociedades capitalistas, e 1984 de George Orwell, que retrata as ditaduras estalinistas, sexan máis relevantes ca nunca. Lidos xuntos, permítennos albiscar os perigos inherentes a ambos extremos do espectro político. A vixilancia e o control non son patrimonio exclusivo dun bando ou outro; son ameazas que se cernen sobre todos nós.