ENCE: Excusatio non petita...

14 de novembro 2022
Actualizado: 18 de xuño 2024

Fixo falta ben pouco tempo para poder confirmar que, 20 anos despois, a ENCE segue doéndolle aquela condena por delito ecolóxico; máis alá das habituais declaracións triunfalistas, a nota de prensa enviada aos medios de comunicación desde a dirección da empresa, déixao ver con absoluta claridade cando ataca á APDR por celebrar a condena a unha fábrica que segundo eles é o pasado, que xa non existe.

A "Asociación Pola Defensa da Ría" vén de celebrar cun debate público os 20 anos da condena a ENCE pola comisión dun delito tipificado como "delito ecolóxico". Daquela, púidose probar que tanto ENCE como ELNOSA incumprían a lexislación de aplicación aos vertidos á Ría e ás emisións á atmosfera e, ademais, que como consecuencia deses incumprimentos estaban a provocar danos mesmo irreparábeis ao medio ambiente, aos recursos naturais e ás persoas.

Analizouse naquel acto o alcance do fallo xudicial, as circunstancias que o arrodearon, e a repercusión que tivo sobre a actividade posterior da Asociación. Quedou clara a importancia daquel éxito xudicial e os efectos que tivo sobre a fábrica, que viu derrubarse a súa política baseada nas afirmacións manifestamente falsas sobre o cumprimento da lexislación.

Fixo falta ben pouco tempo para poder confirmar que, 20 anos despois, a ENCE segue doéndolle aquela condena por delito ecolóxico; máis alá das habituais declaracións triunfalistas, a nota de prensa enviada aos medios de comunicación desde a dirección da empresa, déixao ver con absoluta claridade cando ataca á APDR por celebrar a condena a unha fábrica que segundo eles é o pasado, que xa non existe.

Se, como din, non son a mesma empresa de hai 20 anos, porque senten a necesidade de sacar esta nota? Excusatio non petita...

O certo é que se trata da mesma empresa que, como antes, incumpre os seus compromisos; da mesma empresa que, como antes, incumpre a Lei de Costas; da mesma empresa que utiliza, como antes, a mentira, a chantaxe e o reparto de esmolas para tratar de contrarrestar a mala imaxe que antes e agora ten entre a maioría da poboación da comarca. Trátase da mesma empresa que acepta ter contaminado, mentido, incumprido a lexislación, pero sempre "en diferido". Descoñecen quizais que as condenas non prescriben?

Gústelle ou non, a ENCE dos anos 90-2000, a ENCE que din do pasado, é a mesma empresa do presente, a mesma empresa que -afortunadamente- non ten ningún futuro na Ría de Pontevedra.

 

Pontevedra, 13 de novembro de 2022

Asdo.: Antón Masa, presidente da APDR