En serio temos que aguantar isto?

10 de outubro 2020
Actualizado: 18 de xuño 2024

O xornalismo, como profesión, está en horas baixas. Non o vou a negar nin pretendo defender os comportamentos contrarios a toda deontoloxía e toda ética dalgúns compañeiros e medios de comunicación, pero que haxa ovellas negras e que ultimamente haxa moito que botar en cara ao sector non implica que teñamos que soportar agravios como os vividos no exterior dos xulgados de Pontevedra onte

O xornalismo, como profesión, está en horas baixas. Non o vou a negar nin pretendo defender os comportamentos contrarios a toda deontoloxía e toda ética dalgúns compañeiros e medios de comunicación, pero que haxa ovellas negras e que ultimamente haxa moito que botar en cara ao sector non implica que teñamos que soportar agravios como os vividos no exterior dos xulgados de Pontevedra onte

O día presentábase como a enésima garda ás portas do xulgado para poder informar sobre o paso a disposición xudicial dun detido. Neste caso, eran dez e xa os propios investigadores da Garda Civil e a Policía Nacional descríbenos como integrantes dun "grupo criminal" con "unha estrutura altamente xerarquizada e especializada" e destacan a "violencia exercida polos seus integrantes". En definitiva, que xa iamos preparados para que a xornada fose longa e pouco agradable

Para o que non iamos en absoluto preparados é para vivir situacións mesmo escatolóxicas. Supoño que como resultado desa falta de respecto xeneralizada cara á profesión, un dos detidos sentiu libre de agraviar os compañeiros gráficos que cubrían a noticia. Primeiro, cando a Garda Civil o custodiaba ao Xulgado de Garda, ao chegar á altura dun  fotoxornalista de prensa e un cámara de televisión, baixou o pantalón e mostroulles o cu (perdoen se os ofendo). 

A axente da UCO que o custodiaba chamoulle a atención e pediulle que se comportase, pero el, lonxe de facerlle caso, espetoulles: "Si no tienen vergüenza ellos, yo tampoco"". E quedou tan pancho.

A situación pareceume reprochable, pero, no fondo, os que nos dedicamos a isto xa temos asimilado que nos vai no cargo presenciar este tipo de comportamentos e resteille importancia. Con todo, poucos minutos despois converteuse en esperpéntica. Cando o mesmo detido abandonaba o xulgado, ao chegar á altura dos dous mesmos reporteiros gráficos, baixou a máscara coa man que levaba esposada e cuspiu directamente cara a estes compañeiros que non estaban a facer outra cousa que o seu traballo

Presenciei a escena a uns metros xunto a unha compañeira e ambas quedamos pasmadas. Ao principio, entrounos a risa, pois nin asimilaramos o ocorrido. Inmediatamente, démonos conta que este xesto que en calquera outro momento podería quedarse nunha falta de educación e respecto cara a persoas que, insisto, tan só estaban a facer o seu traballo, en plena pandemia, supón unha situación de risco engadida

Sen dúbida, o detido que soltou a cuspidura era consciente dese risco e do temor que causaba, pois podería ser unha persoa con covid-19 que, cuspindo a un compañeiro, estaba a contaxialo. Por fortuna, a substancia que expulsou foi a parar ao chan e non hai constancia de que se producira un risco real para ninguén, pero a min faime preguntarme: En serio temos que aguantar isto?

Non. Non temos que facelo. Merecemos un respecto, como profesionais e como persoas. Poida que o noso traballo teña detractores, poida que calquera compañeiro, eu mesma, meta a pata ou cometa un erro ou co seu traballo ofenda ou faga dano a alguén. Pido perdón se o fixen algunha vez e podo asegurar que SEMPRE o meu obxectivo (e a miña prioridade) é informar. Pero, desde logo, reitero que non temos que aguantar comportamentos como este porque o xornalismo merece un respecto, e quen o exerce tamén

O xornalismo, por definición, é incómodo. É rara a noticia que non xera críticas ou que non ten enfronte a alguén que non quere que se publique. Entendo que a que iamos contar onte podía ser  fastidiosa para os implicados e a súa contorna e asumo a actitude de persoas como as que onte, a poucos metros de nós nos arredores do xulgado, dedicábannos miradas desagradables e non ocultaban que lles molestaba a nosa presenza alí, para fotografar aos seus achegados. É xa parte do meu traballo convivir con esas situacións moitas veces  embarazosas, pero non, insisto, non temos que aguantar nin que nos ensinen o cu nin, moito menos, que nos cuspan.