En Galicia tamén hai Marea... Branca pola #SanidadPública

04 de setembro 2015
Actualizado: 18 de xuño 2024

Pois si. En Galicia hai marea. Vai máis alá da provocada pola conxunción gravitatoria sobre o Atlántico ou das que anda detrás como un tolo Pablo Iglesias. A que onte inundou Vigo é esa Marea Branca formada por profesionais da Sanidade (de arriba a abaixo), por nenos, nais e pais, avós, dependentes, enfermos, sans, vigueses, pontevedreses, redondelanos... Onte, as inmediacións do Hospital Xeral enchéronse de cidadáns para dicirlle a Núñez Feijóo que queren unha Sanidade 100 por 100 Pública, sen experimentos previos a calquera intento de privatización.

Miles de persoas responderon aos actuais inquilinos da Xunta con contundencia. Espetáronlles na cara que as formas contan. Tratar de 'vender' como a panacea un modelo deficitario económica e sanitariamente noutras comunidades é querer facer pasar o pobo por idiota. Adornalo con ratas, virus, material inexistente e un aparcadoiro cinco estrelas é simplemente indecente. 

Hoxe mesmo a conselleira e o xerente da área sanitaria deben dimitir. Si, é evidente que non o farán, pero sobre as súas cabezas pesa xa unha manifestación histórica, e isto en Galicia non é un dato menor.

E o presidente da Xunta? Ten que explicarse xa. Dende un punto de vista operativo, o Álvaro Cunqueiro é un desastre. Acumula erros dende antes da súa apertura (15 meses de atraso sen sanción para a construtora). O PPdeG tivo sempre o insán costume de servirse do estómago agradecido, iso din por aí de nós os galegos, Prestige mediante. Á vista do acontecido nas municipais parece que hai cambios. Por iso e por dignidade política, Núñez Feijóo está na obriga de tomar das rendas deste asunto pero de verdade, non coa man frouxa coa que agarrou a mangueira que tanto rédito lle produciu.

O modelo que importou de Madrid e que supoñerá máis de 1.500 millóns que pagaremos todos, obrígao a reflexionar sobre o acontecido a Aguirre e o seu sucesor. Construción de hospitais baixo xestión mixta; intento de privatización; protesta cidadá; trompazo electoral; dimisións e fin de carreira política.

Na capital a corrupción tamén se aliou cos Ahoras, Cidadáns e sociatas, a pesar de que a 'lideresa' sempre cría telo todo ben atado. En Galicia esgotouse a fase de xestión sanitaria público-privada e comezaron as protestas. Só falta esperar os diñeiros a amigos ou o tirar da manta dalgún arrepentido para que se vaian queimando etapas e entón, cada vez máis, o modelo de Madrid irase trasladando.