Educación (2). Pedagoxía, Lomloe. Aplícase?

05 de outubro 2024
Actualizado: 07 de outubro

Falaba na carta do día 24 dos problemas da atención á diversidade, imposible coa ratio actual e as necesidades do alumnado. Hoxe quero referirme á metodoloxía

Falaba na carta do día 24 dos problemas da atención á diversidade, imposible coa ratio actual e as necesidades do alumnado. Hoxe quero referirme á metodoloxía.

Penso que a metodoloxía da Lomloe está basicamente ben pensada, pero aplícase?

Aparte de formar individuos conscientes dos dereitos humanos, empáticos, respectuosos coas diferenzas ideolóxicas, culturais, de xénero, etc., capaces de tomar as súas propias decisións e preparados para ser membros dunha sociedade democrática..., nos Principios pedagóxicos, hai un punto que di:

"Para fomentar a integración das competencias traballadas, dedicarase un tempo do horario lectivo á realización de proxectos significativos e relevantes e á resolución colaborativa de problemas, reforzando a autoestima, a autonomía, a reflexión e a responsabilidade."

É dicir, que non se trata de preparar o alumnado para aprobar un exame e conseguir un título, de calquera xeito; a finalidade da educación é que os estudantes sexan capaces de buscar, seleccionar e elaborar materiais que lles axuden a construír o seu propio coñecemento. Ademais, que sexan conscientes da complexidade da sociedade na que viven e do necesario equilibrio do contorno e do planeta, para que a vida futura non se vexa comprometida, como xa é un feito – aínda que algúns irresponsables se empeñen en negalo -.

Aquí é onde os proxectos, traballos ou como lle queira chamar cada quen, teñen un papel fundamental. Pero para poder traballar por proxectos, primeiro temos que sentar unhas sólidas bases coas ferramentas de aprendizaxe e, por rimbombante que pareza a terminoloxía, estamos falando de ler e escribir correctamente e ter un vocabulario suficientemente rico como para levar a cabo as tarefas.

Recentemente pregunteille a unha orientadora de primaria se a avaliación desa etapa se baseaba en exames: "Ata 4º, non, pero en 5º e 6º, si", foi a resposta. Isto significa que os estudantes se acostuman ao método cómodo e ineficaz de traballar só para os exames; e os resultados están á vista.

Hai uns 10 anos fun titor dun 1º de ESO. Na primeira titoría, pedinlle a cada neno ou nena que lese un parágrafo. Resultado: máis da metade non foron quen de ler con soltura e aproveitamento, senón con lentitude, con pobre entoación ou mesmo silabando, o que fai imposible unha aprendizaxe útil. Entón tentei axudarlles dedicando a hora de titoría a ensinarlles técnicas de estudo, pero, como non era avaliable, non contaba para nota, non lles interesou, nin caso. Só unha alumna, dun grupo de 24, chegou a 2º de bacharelato e á universidade. Está claro, teoría, uns exercicios e exames, esa é a realidade maioritaria que percibo.

Non pode chegar a miña neta de 7 anos con notas numéricas. É absurdo e a lei establece notas literais: Suficiente, notable, ben..., pero en Galicia decidiron que fosen números. É un xeito de fomentar a competitividade, o individualismo, en vez da colaboración, a cooperación, o traballo en equipo, ... os proxectos ou traballos, a construción do propio coñecemento,... que non é outra cousa que aprender a solucionar os propios problemas e converterse nun adulto independente, solvente. Isto tamén nos permite atención á diversidade, porque cada estudante ou grupo traballan segundo o seu nivel e capacidades, pero melloran se traballan.

Segundo a pirámide da aprendizaxe, aprendemos o 10% do que lemos, o 50% do que oímos ou vemos, pero o 95% do que explicamos. Se somos capaces de explicar algo ou expoñerllo aos compañeiros é que o entendemos ben; non vale chapar, senón, en vez de explicar parecerás un loro.

Por que non se fai entón? Probablemente, en parte, porque é máis cómodo para todos; pero o máis importante é que hai unha autoridade educativa, que ten a obriga de facer que se cumpra a lei, e o único que parece preocuparlles é a avaliación obxectiva, para evitar reclamacións de alumnos e pais. E cal é a avaliación máis obxectiva? Un exame. Un círculo vicioso que nos leva a un fracaso estrepitoso. Salvo un 30-50% dos estudantes que teñen unha idea clara de facer o bacharelato ou ir á universidade ou ciclo superior, e teñen un apoio/esixencia familiar ao respecto, o obxectivo é aprobar e sacar o título, aínda que teñas unhas competencias/coñecemento tan pobres que resulten inútiles.

En todo caso, isto tamén ten moito que ver cos modelos sociais, familiares e dos medios. Pero isto dá para outro escrito - ou máis ben para unha novela ou saga.

 

Arturo Neira