Día de Reis Magos

06 de xaneiro 2025

"Los pesimistas también se equivocan y lo pasan mucho peor", (Iñaki Gabilondo.)

É este un dos días que me conectan ca miña infancia. É o día da ilusión. Cando este artigo vexa luz moitas e moitos de vós estaredes abrindo paquetes cos agasallos que trouxeron os Reis Magos. Agora os Reis Magos traen agasallos en moitas casas. Aumenta o tráfico comercial nestas datas nas que parentes e amigos piden agasallos para nós. As rúas están ateigadas. Hai locais nos que non se da entrado. Noutros as ringleiras son moi longas. Na miña nenez non era así. Os Magos só viñan a túa casa, se é que viñan. Non tiñas a oportunidade de escribir unha longa carta ao Reis. Non era por non querer máis cousas. Era polo descoñecemento. Non sabíamos que había outros xoguetes. Os escaparates das tendas das vilas mostraban poucas cousas. Cando íamos á capital, unha ou dúas veces no ano, o que máis nos impresionaba non eran os poucos xoguetes que se expuñan daquela, non. Eran as confeiterías. Quedábamos pasmados mirando aquelas serpes, aqueles dragóns de mazapán. Esa visión era para nós o Nadal. Quedaba niso, nunha visión, nunca chegamos a probar nin unha escama do dragón. Á televisión viámola no bar da aldea cando nos deixaban pasar. O límite eran aqueles dous rombos de prohibido a menores. O que máis víamos era o fútbol, pero no intermedio non botaban anuncios de xoguetes.

Os Magos na miña casa comportábanse igual todos os anos. Para min unha revólver vaqueiro de estalos, que pouco duraban, e a miña irmá unha boneca. Para os dous unha caixa de lapis de Alpino de seis cores. Meu irmán, como aínda era pequeno, unha pequena pelota. Todos os Reis eran iguais, ano tras ano. Así ata os nove anos. O revólver para min, agora tamén para o meu irmán, e a boneca seguían vindo. Mais houbo unha cousa que cambiou, en vez de caixa de lapis, agora apareceron os estoxos. O tamaño ía en función da idade. Grande, mediano e pequeno. Sabendo o que era mantíñamos ilusión por ver que cousas traían dentro. Tirábamos da cremalleira e alí estaban os lapis de 12 cores, unha goma, un lapis normal e unha regra. A ledicia máis importante foi cando no estoxo dun ano traía todo e a maiores unha escuadra, un cartabón e un transportador de ángulos. Cando tocaba ensinarllo aos amigos, mostraba fachendoso o transportador. A medida que íamos medrando os Reis íanse adaptando ás necesidades. Un pixama, cirolas, calcetíns ou un xersei.

Cando vin para Pontevedra a avoa Margarita tiña o bo costume de dicirlle aos Magos que nos almacéns Rodiño Escudera, agora desaparecido, colleran cirolas e bragas para todos os netos e netas. Fornecía a todos e todas de roupa interior para todo o ano. Aínda agora algúns dos primos ou primas llo lembran a miña muller. Parecía unha parvada — dicíalle un primo — pero que ben pensado estaba para aquela época.

Polos anos 80 comezaron a chegar os fillos. Se tíñamos ilusión pola data ca chegada dos cativos increméntase. Dámonos conta que xa non somos nós sós. Aumenta a xente que escribe a carta aos Magos. Hai avoas e avós, tías e tíos, e así segundo o longa que sexa a familia. Aquí comezaron as primeiras discusións sobre como organizar as cartas aos Reis. Costounos, e moito. Daquela vivíamos na Coruña. A televisión bombardeaba con anuncios desde finais de novembro, agora xa o fai desde finais de outubro. Na cidade acaba de abrir o gran centro comercial, de referencia madrileño, que editaba un folleto dedicado só a xoguetes, tamén aparecen dous supermercados cos seus folletos. Tíñamos sobreinformación, os nenos toleaban, querían todo. Non se podía seguir así. Había que impor a cordura. Non converter a casa nunha tenda de xoguetes, que ademais tampouco había moito sitio. Chegamos a un acordo sobre o que ía poñer cadaquén na carta aos Reis. Falando non foi difícil chegar a un acordo. Este, feito a finais do anos oitenta, no difire case nada do que agora lle chaman a "Regra dos catro regalos polo Nadal". Baséase no seguinte:

  • Un agasallo que o neno ou nena desexe moito. Iso sábese lendo as cartas aos Reis, falando con eles e vendo cantas veces o citan. A ilusión que teñen.

  • Un libro. Non podía pasar por menos. Son un lector empedernido e quero fomentar a lectura. Normalmente pedimos un libro e un comic.

  • Unha cousa para usar, para levar. Roupa ou calzado. Cousas de usar a diario. Sigo lembrando da avoa Margarita que nos anos sesenta xa inventara esta regra co encargo aos Magos de bragas e cirolas. Intentamos engadir unha regra máis que vai encamiñada cara a cultura como pode ser entradas para un concerto, un museo, unha rota, etc.

  • Algo que lle faga falta. Aquí temos que expremer os miolos. Soemos meter os repostos de roupa deportiva, rodas de mononopatín, etc.

Dixen ao principio que esta data é a miña unión ca infancia. Sei da relixión e dos mitos, da inmensa carga simbólica que representan. Explícao moi ben, nesta sección de opinión de PontevedraViva, Davide Castelo Fraiz. Seguirei mantendo a ilusión da data, agora incrementando con netos e netas. Temos que poñernos máis persoas de acordo para a carta aos Magos. Para o resto desexo que os Magos cumpran os vosos desexos, tamén os difíciles de conseguir porque sabemos que aínda que difíciles poden realizarse. Por iso puxen a frase de Iñaki Gabilondo"Los pesimistas también se equivocan y lo pasan mucho peor".

E, lembrade que o mellor regalo que lle podemos facer a nenos e nenas é xogar con eles. Á cativada non lle fai falla moitos máis agasallos, teñen que desfrutar de nós, e nós desfrutar deles, crear lembranzas facendo cousas xuntos. Paseando, indo de excursión, ir a ver tendas xuntos, cociñar, e xogar, e xogar... As nenas e nenos cada vez teñen menos rúa, van a moitas actividades durante a semana, o tempo non chega a nada. Agora é tempo de lecer, agasallémoslle o noso tempo, desfrutemos xuntos.