Por que non denunciamos as vítimas de violencia machista?

28 de outubro 2024

É imposible, por mais que se pretenda, estes días,ignorar o "tsunami" Errejón, España convulsionou ante as acusacións de abusos sexuais que sinalan ao xa ex político coma un auténtico depredador.

Unha vez máis, non vou dar a miña opinión persoal por varias razóns.

A primeira, e creo que fundamental, porque non me considero capacitada para facelo, dado que, obviamente, nin coñezo a ese señor, nin teño mais información que a que nos ofrecen os medios de comunicación, malia que para moitos, para demasiados, penso, isto vai a misa.

Sobran, e isto si é unha opinión persoal, "opinólogos", coma adoita suceder nestes casos, e falta moito sentido común e xa non falemos de prudencia, que, na maioría dos casos, nin está presente, nin se lle agarda.

Creo, por outra banda, é máis, estou convencida, de que este caso aínda vai dar moitas máis voltas de torca.

 

A segunda, porque, guste a quen guste, e pese a quen pese, e aquí si recalco que non estou a falar da miña opinión, senón de feitos obxectivos, de momento, malia que polo rebumbio armado semelle o contrario, pouco ou nada tanxible hai para acusar a este señor.

E, repito, non falo do que eu opine, se non do que dí o "libro", xa que seguilo é algo moi socorrido neste país noso.

 

As "denuncias" vía redes sociais que, segundo din, están a ser cada vez mais numerosas, teñen a mesma validez a efectos legais que o que eu estou a escribir agora mesmo, cero.

A única a que están a beneficiar, polo momento, é a encargada de espallalas, Cristina Fallarás, cuxa cotización, dun tempo a esta parte, andaba bastante a baixa, e a súa presenza nos platós decaera un tanto, e que, por mor deste escándalo, está a recuperar os seus momentos de gloria.

Tanto é así, que semella que ninguén se decata de que ela si incorreu nun delito dispoñendo de toda esta información e non denunciando, coma é a súa obriga e a de calquera cidadán, pero claro, por iso non lle pagan.

Tampouco se decatou, nin ela nin ninguén, polo visto, de que o feito de non facelo a converte en cómplice de Errejón, ademais de propiciar os perigosos xuízos paralelos, que tanto dano fan e que tan perigosos poden chegar a ser.

 

A día de hoxe, por moi paradoxal que poida soar, Errejón segue a ser presunto, mentres que o delito da Sra. Fallarás é real.

Outra cousa é que se pretenda ignorar.

 

En canto a denuncia interposta pola actriz Elisa Mouliaá, ou moi equivocada estou ou, agás a nivel mediático, moito me temo que o seu percorrido legal vai ser moi curto, porque, e de novo reitero, guste ou non admitilo, ela acudiu de xeito voluntario ao domicilio de Errejón, tras, segundo ela, dous episodios previos de abusos, que ela mesma relata, exercendo, sen dúbida, a súa liberdade, pero que, a efectos legais, lle resta credibilidade, e reforza a defensa do, e de novo, reitero, pese a quen pese, aínda presunto agresor.

Como tampouco a vai beneficiar en absoluto o feito da demora en presentar a denuncia, tres anos despois dos feitos. E certo que cada muller é moi libre de facelo cando considere oportuno e que hai que respectar os seus tempos, pero as cousas son como son... E isto non o inventei eu.

Por outra banda, non é certo en absoluto que o propio Errejón, como moitos están a dicir, recoñeza na súa carta de dimisión, tales feitos.

É un tanto ambiguo, as razóns que expón son un tanto erráticas, certo, pero en ningún momento admite ser un depredador sexual.

 

Dito isto, e preparada xa para as críticas que me vai carrexar, das cales xa tiven algún aperitivo durante a fin de semana, porque se defende moito, de boca para fóra a liberdade de expresión, pero ollo!, sempre e cando penses como se che impón e digas o que nós queremos escoitar, volvo á pregunta inicial coa que dou título a este artigo e que se está a repetir con frecuencia nestes días?

Por qué non denuncian as mulleres vítimas da violencia machista?

 

Deixando aparte o lóxico medo ás posibles represalias dos seus agresores, a vergoña, e o seu mais que probable, comprensible, e se pode dicir que inevitable, estado de indefensión aprendida, será por qué non confían nas institucións?

Terán, de ser así, motivos fundados para isto?

A resposta a ambas preguntas é un rotundo SI.

 

Nada hai máis doloroso para unha vítima, ademais, por suposto, da súa condición de tal, que, cando toma a difícil, non sabedes canto! decisión de denunciar a fagan sentirse cuestionada, non crida, xulgada... e mesmo culpable.

É algo inhumano, que, por desgraza, se fai extensivo a unha gran parte da sociedade, incluída, en non poucas ocasións, a contorna da propia vítima.

 

Por se isto non abondara, deberán enfrontarse a súa posterior desprotección, por mais que nos vendan o contrario, da cal temos máis que numerosas e tráxicas evidencias,

E, se isto é algo común a todas as vítimas, xa non falemos cando o "presunto" é alguén "importante", como está a suceder con Errejón, e con tantos outros que o precederon.

A batalla das súas vítimas está, senón perdida de antemán, si sementada de atrancos, por dicilo suavemente, que acabarán case con toda probabilidade, por facela desistir de continuar adiante, se é que se atreveron a iniciar calquera proceso, do cal non vai faltar quen tente "disuadilas", ou, ás veces, imos falar claro, con ameazas de diferente índole, pero que, en calquera caso, lles arruinará a vida.

 

E disto si sabemos moito tamén enSi, hai saída.

Non somos unha asociación mediática, e, obviamente, preservamos a intimidade das mulleres que acoden a nos por riba de todo, pero nestes máis de 10 anos que levamos traballando, foron moitas as vítimas de diversos "D. Talito", case todos eles, "curiosamente", relacionados co eido político, que solicitaron a nosa axuda, xa que non é ningún segredo que, para nós, un maltratador é un maltratador, punto.

O mesmo nos dá que pinte paredes, poño por caso, ou que ocupe un escaño, pero se o camiño da denuncia sempre adoita estar sementado de dificultades, cando se trata dun "honorable" estas acaban por tornarse en algo indescritible.

Informes médicos que se perden polo camiño, probas (mensaxes, audios.......) que, de súpeto, se esfuman, "suxestións" de certos "profesionais" que as estaban a atender e mesmo lles aconsellaban denunciar, da noite para a mañá tentan disuadilas cun "igual non é para tanto e ti estás a sacalo de contexto porque estás moi alterada", "é mellor que non denuncies porque se o fas vas ter que revivilo todo", protocolos que non se activan, e, por que non dicilo, mesmo algunha promesa de certas prebendas a cambio de silencio, que van desde a compensación económica, ata apetecibles postos de traballo ben remunerados, case sempre vinculados a algunha institución, ante o cal a muller, que non dispón, en moitos casos, de recursos, claudica irremediablemente.

 

Por non falar do muro de silencio que a contorna do maltratador constrúe ao seu arredor, e a pretendida ignorancia de todos eles, malia que, case sempre, a verdade é máis que coñecida por todos eles e mesmo de dominio público.

 

E estas son tan só algunhas das razóns.

Aínda non queda claro por que non denuncian as vítimas de violencia machista?

 

Asociación Si, hai saída