A democracia por vir

14 de decembro 2024

Nos faladoiros de barrio, nos cafés, nos discursos políticos, nos medios de comunicación e até nos cumes internacionais, a democracia é un tema omnipresente. Todos falamos dela, pero realmente entendémola?

É un concepto que adquiriu múltiples "apelidos": directa, representativa, participativa, deliberativa, liberal, socialista. Incluso o franquismo, no seu momento, identifícase como "democracia orgánica". Pero detrás desta versatilidade aparente, canto queda do ideal de igualdade, xustiza e participación que debería definila?

Hoxe, a democracia enfronta desafíos que poñen en xaque a súa esencia. Líderes populistas e autoritarios utilizando o descontento social desacreditan as institucións democráticas e prometen solucións simples a problemas complexos. Os extremos políticos, tanto de dereita como de esquerda, cuestionan o modelo democrático, ben por consideralo insuficiente, ben por buscar alternativas máis radicais. Por outra banda, os movementos sociais claman por unha maior participación da cidadanía na toma de decisións políticas, mentres os grandes lobbies socavan os fundamentos do sistema e buscan os seus intereses económicos.

A situación non é exclusiva do noso país, pero aquí vémola reflectida na polarización política extrema entre bloques ideolóxicos, que dificulta o diálogo e a xustiza social ou no reparto dos menores que chegan sós en barco ás Canarias. Estes episodios evidencian a desconexión entre as institucións e as necesidades da cidadanía.

O filósofo J. Derrida falou dunha "democracia por vir", un concepto que convida a entender a democracia non como un modelo terminado, senón como un proxecto en constante construción. Baixo esta óptica, o desafío é superar as limitacións actuais para construír un sistema máis inclusivo e participativo. Unha democracia auténtica debe ser capaz de recibir ao estranxeiro, ao emigrante, ao diferente sen imporlle condicións previas que limiten a súa singularidade.

Nas democracias actuais persisten desigualdades estruturais, exclusión de grupos vulnerables e unha crecente desafección cidadá. Moitos senten que a súa voz non conta, mentres as institucións parecen anquilosadas e distantes das demandas reais dunha sociedade complexa e diversa.

Para superar estas barreiras, non basta con axustes superficiais. A democracia representativa, tal como a coñecemos, necesita unha refundición. Este modelo, deseñado para unha sociedade máis simple e homoxénea, quedou obsoleto fronte aos desafíos do século XXI: polarización extrema, desinformación masiva, desigualdade e un sistema que privilexia intereses particulares sobre o ben común.

É necesario avanzar cara a unha democracia máis participativa e deliberativa, onde a cidadanía teña un papel activo na toma de decisións e onde as institucións sexan transparentes e realmente inclusivas.

Se queremos construír unha democracia máis auténtica, debemos empezar desde a base: a educación. As escolas deben formar ás próximas xeracións como cidadáns críticos, capaces de debater, de tomar decisións colectivas e construír unha sociedade máis xusta.

Isto implica reformular os currículos escolares para incluír o estudo de textos clásicos de filosofía e literatura que promovan a reflexión ética e política. Tamén é fundamental crear espazos onde os estudantes poidan discutir temas controvertidos e aplicar os seus coñecementos na resolución de problemas reais. Para iso, é fundamental que o profesorado desempeñe un rol moi activo, formulando preguntas provocadoras, moderando debates e fomentando a tolerancia e a participación de todos.

Ademais, é necesario que o alumnado se involucre desde idades temperás na toma de decisións que lles afecten, xa sexa na xestión escolar, en proxectos cooperativos ou na definición de obxectivos de aprendizaxe.

Non podemos permitir que a democracia se converta nunha mera fachada, un sistema baleiro que só se activa cada catro anos. Debemos comprometernos coa súa reinvención, apostando por unha participación cidadá real, unha transparencia radical e un enfoque centrado na xustiza social.

A "democracia por vir" non é unha utopía inalcanzable, senón un proxecto colectivo que temos que construír día a día. É momento de recuperar a fe neste sistema traballar para que sexa realmente inclusivo, xusto e participativo.

Agora ben, poida que o problema non sexa a democracia, senón a nosa falta de fe nela. Despois de todo, quizais nos pareza marabilloso e esteamos satisfeitos cun sistema onde todos somos iguais… aínda que só unha vez cada catro anos.