Estes días, milleiros de nenos e nenas están de novo nas aulas. È indubidábel que parte do que levamos na mente se forxou nos centros educativos. Porén, a palabra "delirio" pinta unha imaxe impactante da educación actual e da súa notoria desorientación. Hoxe, moito alumnado séntense desconectado e ve a educación como unha imposición ou un delirio que non se axusta ás súas necesidades e aspiracións.
Por desgraza, nas últimas décadas do século XX, co auxe do neoliberalismo, a escola converteuse nun produto de consumo máis e considérase basicamente un mecanismo de control capaz de conformar a conciencia dos individuos. Diversos poderes, xa sexan estatais, relixiosos, económicos ou ideolóxicos, buscan controlala co obxectivo de moldear ás persoas segundo os seus propios intereses: submisos, crentes, consumidores, adoutrinados, etc.
O reto da escola debe ser desmantelar moitos deses enfoques e contribuír ao desenvolvemento de persoas libres, emancipadas, críticas e democráticas. Por iso, gustaríame reflexionar sobre dúas ideas que poderían contribuír a ese obxectivo.
- En primeiro lugar, é fundamental abandonar a fantasía de que a función da escola é preparar para a vida. É un obxectivo loable pero inalcanzable. É realmente posible saber que habilidades específicas deben adquirir os estudantes para afrontar o futuro? Quizais sexa máis apropiado considerar que a escola, como expresou J. Dewey, non é unha preparación para a vida, senón que é a vida mesma. Os centros educativos deben implicar ao alumnado e á comunidade escolar nesa vida, traballando para mellorala.
Como? Cando menos, ensinando a resolver os conflitos dun xeito exemplar, algo presente sempre en toda vida, e fomentando, en verdade, a convivencia democrática. Por desgraza, os conflitos nos centros educativos adoitan abordarse de forma reactiva, actuando cando se detecta un problema; en lugar de proactivamente, é dicir, desenvolvendo co alumnado, no día a día, as habilidades, valores e as competencias necesarias para aprender a convivir.
Por outra banda, moitas escolas afirman educar para a democracia, pero isto difire de educar en democracia. A educación en democracia implica crear escenarios nos que se practiquen as habilidades democráticas. Só aqueles centros nos que todos os membros da comunidade escolar teñan voz e participen na toma de decisións sobre os temas relevantes, independentemente da súa posición na institución (profesorado, alumnado, familias ou outros actores do contorno), podemos considerar que verdadeiramente educan en democracia. As escolas representan unha oportunidade única para iniciar ás persoas no diálogo, na deliberación e na toma de decisións colectivas. En definitiva, deben ser un exemplo de vida democrática, xa que só así estarán preparando eficazmente o alumnado para ese tipo de vida; desafortunadamente en poucos colexios se vive esa realidade.
- En segundo lugar, é fundamental que os centros chamados "públicos" estean controlados por quen os habita. É moi impropio dicir que existen escolas públicas; sería máis exacto chamalas estatais, xa que organizacións como a OCDE e as políticas neoliberais teñen un forte control sobre elas. Así, a OCDE, como "Ministerio de Educación do planeta Terra", ofrece recomendacións aos países para que deseñen currículos escolares que prioricen as necesidades coherentes cos seus intereses económicos. Por outra banda, as políticas neoliberais tenden a considerar a educación como un negocio que se reflicte en aspectos como o fomento da privatización da educación, o interese por externalizar os servizos educativos ou a tendencia ao descenso de recursos (reducindo o persoal docente, limitando os custos de mantemento das instalacións, ou eliminando programas para alumnado con necesidades especificas), todo co fin de conter as facturas.
Resulta frustrante, ademais, comprobar a falta de poder, nos colexios, do claustro ou do consello escolar e, por suposto, das comunidades escolares (profesorado, alumnado e familias) para contrarrestar as decisións e mandatos impostos pola administración, a inspección educativa ou as avaliacións externas, como PISA. Polo tanto, só deberiamos considerar "públicos" aqueles centros nos que a comunidade escolar participa activamente na toma de decisións sobre os aspectos cruciais da educación. E participar supón que inflúen e contribúen á construción do escenario educativo. Unicamente ese tipo de participación pode establecer mecanismos de control e limitar o poder que moitas veces se concentra en poucas mans nos centros educativos.
En definitiva, se as escolas non se abren ao control democrático e se aferran aos seus propios esquemas, axiña serán vistas como institucións estériles que non poden cumprir eficazmente a súa misión.