"De vella a bella": un blog e unha cita

20 de marzo 2024
Actualizado: 18 de xuño

"De vella a bella" é un blog e tamén unha iniciativa que pariu Ana Santos, 34 anos como profesora de Ed. Física no IES Valle-Inclán, coa idea de celebrar esa parte da vida que vai dos sesenta anos para adiante. Como se explica ao comezo do blog, a maioría dos textos que filosofan sobre a xente maior poñen o foco nas situacións de illamento, a enfermidade, a soidade

"De vella a bella" é un blog e tamén unha iniciativa que pariu Ana Santos, 34 anos como profesora de Ed. Física no IES Valle-Inclán, coa idea de celebrar esa parte da vida que vai dos sesenta anos para adiante. Como se explica ao comezo do blog, a maioría dos textos que filosofan sobre a xente maior poñen o foco nas situacións de illamento, a enfermidade, a soidade. Só un 20% deles faise eco das actividades que ofrecen distintas asociacións, organizacións, empresas, etc para que a xente maior de 60 anos teña unha vida aínda activa e o envellecemento se converta en embelecemento.

"Actividades como as propostas nalgunhas comunidades autónomas, asociacións de amigos de maiores de España, Francia, Latinoamérica, obradoiros de radio, teatro, cine, gastronomía, viaxes pensadas para maiores de 60 anos, cursos en liña, todo iso ten cabida neste proxecto e trátase de dar voz e plasmar todas estas iniciativas" é a forma en que se explica no propio blog o fin do mesmo.

De que Ana Santos ten moitas habilidades sociais e, sobre todo, que o tema interesa e moito na nosa contorna, dan idea os case setenta colaboradores que se citan no apartado "Colaboradores" (que o blog ten todo moi ordenadiño e prima o sentido común), moitos deles destacados persoeiros do mundiño cultural pontevedrés e algúns deles incluso agochados baixo seudónimos, segundo aseguran fontes solventes.

Naceu "De vella a bella" no 2020, durante a pandemia, momento no que elementos humanos como a reflexión e o altruísmo estiveron en boga, o primeiro porque nos puxeron moito tempo nas nosas mans e o segundo porque a solidariedade resultou imprescindible. Reflexión, creatividade e altruísmo son bandeira deste fermoso conxunto de seres humanos que ofrecen "De vella a bella" ao mundo porque entenden que en calquera tramo da vida paga a pena dar e dar de balde.

Esta agrupación cultural edita tamén unha revista dixital gratuíta, descargable dende o propio blog, que dende novembro de 2020 ofrece artigos cun amplo abano de temas: folclore, poesía, gastronomía, cinema, viaxes, antropoloxía, biografía, música, historia, etc, etc.

E agora vou contar como din eu co blog, que foi por ler a convocatoria para unha das súas moitas iniciativas. Neste caso, "Versos a dúas voces", na que, xunto co Ateneo de Pontevedra, celebrarán o próximo mércores 20 de marzo (19h., edificio Castelao do Museo de Pontevedra) o Día Mundial da Poesía. Con ou sen acompañamento musical, distintas parellas de autores e recitadores lerán poemas orixinais a dúas voces. Foi por ler esta convocatoria e por apuntarme a ela, todo hai que dicilo, sen ánimo de espantar aos posibles asistentes.

En resumidas contas, están todos vostedes invitados a visitar o blog "De vella a bella", a colaborar con eles e a asistir a "Versos a dúas voces", hoxe á tardiña no Museo.