Corenta e un aniversario

06 de decembro 2019
Actualizado: 18 de xuño 2024

No seu corenta e un aniversario, eu necesito compartir a miña querenza pola nosa Constitución.

Corenta e un anos despois do seu referendo pola cidadanía, a Constitución de 1978 segue a ser unha das máis avanzadas do mundo e, estou segura, a mellor da nosa historia. Tanto é así que, das sete que tivemos en España, a de 1978 é a primeira que se puido modificar polo sistema "fácil" de reforma e ata dúas veces.

En realidade, pódese dicir que é a nosa segunda Norma Fundamental "de verdade" é moito máis avanzada que a da II República en cuestións como a protección da lingua galega, o procedemento de reforma ou a descentralización territorial.

Das miñas verbas é sinxelo albiscar a miña convicción constitucionalista, aínda recoñecendo que non se trata dunha norma perfecta, nin en si mesma -non deixa de ser filla do seu tempo- nin pola falla estrepitosa de pedagoxía sobre o seu contido nestes corenta e un anos -pouca xente ten reivindicado ás "nais da CE de 1978" como se merecen, por exemplo-.

Chegou o momento de falar en serio da reforma da Constitución.

Deberíase activar a comisión para a reforma, aberta no Congreso dos Deputados dende o ano 2003 e froito do labor do Presidente socialista José Luis Rodríguez Zapatero. E para sentir querenza xeracións que non a votamos e mais vindeiras e para adaptala aos tempos actuais, penso que cómpre darlle unha volta á inclusión do Feminismo no seu texto; á nula referencia á UE; a unha maior precisión do, chamémoslle así, Federalismo; a un mellor deslinde entre as competencias das Comunidades Autónomas e os municipios; á reforma do Senado; a profundar na democratización das institucións, todas baseadas na soberanía nacional e que precisan máis calidade democrática; á inclusión de dereitos medioambientais, tamén a loita contra o cambio climático (o acceso á auga potable é un dereito humano recoñecido pola ONU xa no ano 2010); a revisar ou non os aforamentos ou a recoller de maneira expresa unha maior protección dos nosos datos na internet.

No seu corenta e un aniversario, eu necesito compartir a miña querenza pola nosa Constitución.