Conto do Samaín

28 de outubro 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

O Samaín conleva unha sorte de xornadas de “portas abertas” do ultramundo, do Alén, onde vivos e defuntos se honran e intercambian agasalhos, bos desexos, experiencias e lembranzas. Co sometemento dos pobos do occidente europeo por parte dos romanos e o correspondente avance do cristianismo, o Samaín pasou a chamarse Todo os santos

O do Samaín é unha velha tradición da Europa Atlántica de probanle orixe celta.
 
O Samaín conleva unha sorte de xornadas de "portas abertas" do ultramundo, do Alén, onde vivos e defuntos se honran e intercambian agasalhos, bos desexos, experiencias e lembranzas. Co sometemento dos pobos do occidente europeo por parte dos romanos e o correspondente avance do cristianismo, o Samaín pasou a chamarse Todo os santos.
 
Coa emigración, estas manifestacións culturais chegaron a norteamérica e alí, na terra dos excesos, trocáronse nun "totum revolutum" de bruxas, vampiros, zombis, cabazas de plástico, velas, caveiras,morcegos, aranhas e tódalas cousas que, supostamente dan medo…ou riso…ou diarrea e mandárona de volta. Tivo tan boa acolhida entre nós que axinha esquecemos o Samaín, as ánimas e as cabazas vexetais que, de nenos, baleiramos e puxemos enriba do muro cunha vela acesa dentro para por medo nas corredoiras escuras. Eran os calacús dos defuntos. En cada aldea chamábanlhe dun xeito diferente. Nalgúns lugares, os rilhotes, ían de porta en porta pedindo lambetadas. Ata que chegou o Ghalogüín.
 
O Ghalogüín ( para dicilo ben cómpre saber inglés e ponher voz de pirú, como fan os pitivís e outros enteradinhos ) O Ghalogüín vén sendo un Samaín consumista metade truco, metade trato, debidamente adulterado, vituperado e políticamente correcto tras dunha metamorfose parecida á sufrida por Santa Klaus para transformarse en "Papá Cocacolo". Deixémolo aquí.
 
Boto a faltar as veladas do 31 de Outubro, organizadas por Capitán Gosende en Cerdedo. Na sobremesa, tras do Roteiro nocturno da Pantalha e unha boa cea outonal, chegaba o momento dos contos que contaba de viva voz cada un dos asistentes. Uns eran contos, outros non tanto. Uns producían risas nerviosas, outros xeaban o sangue nas veas. Era 31 de Outubro, comezaba o ano celta e tamén abríase Portalén. Algúns defuntos chegaban e sentaban á mesa. Non contaban historias porque carecían de língua con que facelo pero asentían con satisfación cando o conto lhe gorentaba. Lembro que nunha destas mandeilhe un conto dos do meu avó Xosé Peón. Vai.
 
"Ladia aínda era moza cando disque morreu de repente. Enterrárona axinha, non fora a ser que…Aínda non rematara o inverno de 1919 e non era cousa de se demorar con esas cousas pois, en plena epidemia da gripe, malchamada espanhola, tardar en enterrar equivalía a chamar pola morte temerariamente. O mal que estaba matando a media humanidade era contaxioso, moi contaxioso e canto antes desaparecera o defunto, tanto milhor.
 
Ladia finara á media manhá e na mesma xornada, aló entre lusco e fusco, entregárona á terra do camposanto da parroquia. Realmente foi depositada no panteón da familia. Iso de "volvela á terra" é un xeito de falar.
 
Vestíranlhe a súa recatada roupinha de domingo e metérona endentro dunha moi humilde caixa de táboas de pinheiro vernizado. Todo nela era sinxelo, pobre, agás…agás un pesado anel de ouro macizo. Estaba enfiado no dedo anular da man esquerda, que descansaba sobre a dereita e ambas sobre o peito inmóbil da malfadada. Por herdanza natural pasara da tataravoa á bisavoa, avoa, nai e como Ladia non tivera fillos, ficaría con ela. No medio, o ouro repuxado formaba un leito de folhas e nel descansaba, firmemente engastado, un enorme rubí circular talhado en cen caras exactamente iguais. Un rubí vermelhísimo, ultravermelho, cegador de forma e pureza perfectas. Unha pedra preciosa de incalculable valor que non pasou desapercibida para o enterrador. O home dirixíalhe furtivas olhadas pero nada dixo ó respecto. Ninguén sabía da inscripción gravada no interior do aro do anel: NON ME ABANDONARÁS TI NUNCA.
 
Na bocamoite, o cura parou de rosmar, o enterrador botou unha pouca masa nas xunturas da tampa do nicho e cadaquén foise indo en silencio.
 
E caeu a noite sobre o camposanto. Unha noite mesta, negra como o acibeche, baixo un ceo inzado de nubes coma unha rebanhada de carneiros mouros que impedían calquera intento do luar por acadar a terra. E amparado polas densas sombras, o enterrador entrou no cemiterio coa firme intención de roubar o anel da "defunta". Para elo, raspou a masa, aínda fresca da placa que pechaba o nicho, arrastou fóra a caixa que apoiou sobre o mesmo cabalete usado no enterramento, descravou a tampa e apalpou o corpo inerte ata dar coa man do anel. Tratou de sacalo pero resistíase.. Tirou máis forte sen lograr desplazalo nin un milímetro. Entón pareceulhe escoitar un laio xordo e lastimeiro case inaudible. Detivo a operación e escoitou un longo anaco. Silencio absoluto…"Algunha noitébrega coruxa", pensou e seguiu coa operación con redobrados azos, E foi entón cando escoitou, clara e nidia, alta e forte, rachando o silencio da noite, unha queixa magoada de mulher:
 
- Ai, como soleas !
 
O enterrador, aterrorizado, seou dando traspés ata perder pé e caer nunha tumba aberta, non sen antes esnaquizar a noca contra o bordo de pedra e falecer no acto.
 
Xa comezaba o amencer. Ladia foise incorporando de vagar. Non viu ninguén nin oiu ren e encaminhouse cara a súa casa, onde sempre sobraba que facer.
Ninguén, agás o médico, sospeitaba que Ladia sufrira un ataque de catalepsia e fora axinha soterrada en previsión do contaxio da terrible gripe do dezaoito ".
 
Cando un ten sete anos, se cría no rural e ten a un extraordinario narrador por avó, o Samaín non é cousa banal.