Coa seguridade non se xoga

24 de agosto 2017
Actualizado: 18 de xuño 2024

Agora, pasados os momentos de homenaxe ás vítimas e, ao parecer, desarticulado o grupo autor da terrible matanza, cabe analizar, aínda que sexa moi por riba, se se puido evitar.

Non fai nin dous meses que, nestas mesmas páxinas, facía mención ao terrorismo islamistaque estaba sacudindo Europa. E sinalaba que, dentro do complicado que é loitar contra este tipo de terrorismo, algúns Países da Unión Europea non estaban facendo as cousas como se debía ante esta ameaza, especialmente en canto á súa prevención. Sinalaba unha serie de erros de proporcións moi relevantes con resultados terribles.

E, incauto de min, chuleábame de que, na loita contra este tipo de terrorismo, España estaba na vangarda, facilitando unha serie de datos que avalaban o meu criterio, como o número de detidos ou o número de sumarios que estaba tramitando a Audiencia Nacional.
Pero como tampouco as tiña todas comigo, engadía que, malia iso, en calquera momento, un destes individuos podería facer explotar un paquete bomba ou meter un camión por unha rúa moi concorrida. Que pouco tardou a crúa realidade en cumprir as miñas cautelas.

Agora, pasados os momentos de homenaxe ás vítimas e, ao parecer, desarticulado o grupo autor da terrible matanza, cabe analizar, aínda que sexa moi por riba, se se puido evitar.

Máis non serei eu quen diga que estas cousas son evitables ao cento por cento. Pero neste caso, as posibilidades de que non chegase a suceder, ao meu modo de ver, eran elevadas. Aínda que, logo de todo, coa que tiñan preparada, podemos darnos cun canto nos dentes.

Líbreme Deus de poñer en dúbida o labor levado a cabo polos Mossos tralo atentado, que puxeron en perigo as súas vidas para protexer aos cidadáns. Pero a xestión, en relación á explosión da casa de Alcanar, un día antes da masacre, deixa moito que desexar.

O que si deixou son quince mortos que, de terse contado coa presenza dos Tedax da Garda Civil, a quen non se lle permitiu o acceso, tal e como denuncian as Asociacións maioritarias da Policía e da Garda Civil, Sindicato Unificado de Policía (S.U.P.) e Asociación Unificada da Garda Civil (A.U.G.C.), as posibilidades do atentado nas Ramblas diminuirían considerablemente.

E podemos dicir que a cousa puido ser peor. Os que se facían chamar "soldados de EI na Terra do Ao Andalus" pretendían levar a cabo unha matanza de enormes dimensións, combinando uns 500 litros de acetona con máis dun centenar de bombonas de butano e cravos.

Namentres, nun alarde de debilidade e irresponsabilidade, facíanse declaracións encomiando a cooperación entre as policías estatal e autonómica.

Como acertadamente denuncian o S.U.P. e a A.U.G.C., os corpos estatais foron excluídos de forma dolosa, malia a súa estrutura e longa experiencia no ámbito da loita antiterrorista, cun claro e evidente obxectivo político: transmitir ao resto de España e do mundo que, en materia de seguridade, son un estado autosuficiente e, en consecuencia, independente.

Son moitas as palabras e xestos que delatan a utilización partidista que se fixo deste atentado. Resulta repugnante e vomitivo que se utilice o terrorismo para facer política. Dígoo agora como o dixen a raíz do atentado do 11-M.

A Policía Nacional e a Garda Civil aprenderon daquilo. Esperemos que os Mossos fagan o propio. E sobre todo, máis coordinación e que non se faga política partidista.

Coa seguridade e a vida dos españois, sexan cataláns, galegos ou andaluces, non se xoga.