Marín leva esperando por un centro de saúde digno e acorde cunha poboación de preto de 26.000 habitantes, máis de quince anos. Foi o PP, durante o mandato 1995-1999, quen tivo a infeliz idea de mercar uns terreos no Sequelo sen a cualificación urbanística requirible, e con afectacións insalvables para poder construílo. A sinatura en 2009 do convenio co Invifas para emprazar o centro de saúde nos terreos próximos ao lavadoiro do Souto, salvaba o principal escollo para que a Xunta puidese construír unha instalación con todos os servizos de atención primaria. A vontade popular quixo que ese ano Alberto Núñez Feijóo chegase ao goberno da Xunta. A partir de aquí o Centro de Saúde converteuse nunha oportunidade para o PP en Marín. E abofé que non a deixou pasar. Ao tempo que dende Marín os populares afirmaban que era urxente contar co Centro de Saúde e incluso impoñían os seus prazos ao goberno municipal, dende a Xunta erguíanse todo tipo de trabas e trampas burocráticas para impedir que os trámites avanzasen. A daquela conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, plantouse en Marín en plena campaña electoral das municipais de 2011 e, acompañada da agora alcaldesa, afirmaba que el centro de salud ya está licitado.
E aínda lle serviu esta andrómena en dous comicios máis, as xerais de 2011 e as autonómicas de 2012. Hoxe podemos afirmar que Marín tense convertido no laboratorio sanitario do PP: Nada máis chegar ao goberno local, quedábamos sen ambulancia 24 horas co surrealista argumento de que no por estar más cerca se llega antes. Tres anos despois, o PP mantén un centro de saúde obsoleto na rúa da Estrada e outro nun primeiro piso onde ás veces os médicos teñen que arrastrar aos pacientes polas escaleiras porque o ascensor non funciona, en Seixo o persoal sanitario atende aos pacientes entre pingueiras, e a alcaldesa négase a trasladar un pleno para non darlle a razón aos miles de marinenses que se manifestaban en Pontevedra o pasado día 14 denunciando que os pacientes de cirurxía cardíaca, torácica, plástica, pediátrica, radioterapia,ou hemodinámica están obrigados a viaxar a Compostela cando até agora eran atendidos entre Pontevedra e Vigo. Vimos de saber que a Xunta retirou 2,6 millóns da partida presupostaria destinada á construción de 15 centros de saúde, entre os que se atopa Marín, para destinalos ao gasto farmacéutico sen que ninguén do PP dea unha explicación e convertendo o anuncio que a alcaldesa facía en agosto pasado nunha nova andrómena: nin o proxecto quedou rematado o ano pasado, nin a estas alturas o centro está en construción.
Coa saúde non se xoga, e cos dereitos sanitarios conqueridos co esforzo de todas e todas, menos. O PP está xa invalidado para cumprir os seus anuncios electorais. Podería polo menos amosar un pouco de respecto e deixar de enganar aos miles de veciños e veciñas de Marín que necesitan un Centro de Saúde XA!
Pilar Blanco
Portavoz municipal do BNG en Marín