Cegoñas no fondo da ría: Luces e sombras

15 de xuño 2014
Actualizado: 18 de xuño 2024

No atopocronía do pasado mes observaríase que entre todas as persoas que se relacionaban cun episodio tan memorábel non figuraba ningunha muller. A preeminencia do protagonismo masculino ao longo da historia foi sempre unha constante tan teimuda como inxusta. Hoxe, tras unha loita tenaz protagonizada precisamente por mulleres, a situación é ben diferente, aínda que queda moito por democratizar na distribución por sexos dos papeis relevantes da sociedade. Como queira que, ademais, andan por aí persoas e asociacións afanadas en rescatar do esquecemento mulleres que no seu día brillaron con nome propio e foron motor da historia, pola nosa banda, e na liña dos traballos precedentes, imos traer entre nós unha muller excepcional que quere representar tantas luces femininas posíbeis do noso pasado.

O seu nome é Leonor Gancedo de Acuña. Nada en 1769 no seo dunha familia fidalga, con casa grande na beira do Verdugo, lugar de Pontesampaio, e extensas terras aforadas a veciños, ía ser educada, como era común, para ser a esposa dun home de ben e atender a casa, os fillos e as festas de sociedade. Mais, espelida e curiosa desde cativa, empeñouse en aprender a ler. O pai cumpriulle o degoro poñéndolle instrutor e abríndolle as portas da súa modesta biblioteca dominada por libros relixiosos en latín e algúns volumes de literatura en romance castelán. Posteriormente, como o seu interese non se detiña na poesía nin no teatro, moveu fíos para ser convidada a visitar as principais casas de Pontevedra só por explorar os seus fondos bibliográficos nos campos da filosofía e as diversas ciencias.

Ademais de inquietude intelectual, Leonor amosaba innatas calidades para o pensamento dedutivo. A lóxica da causalidade, que filósofos do seu tempo valoraban como o método fulcral do raciocinio e camiño da verdade, permitíalle, a partir de feitos aparentemente inocuos, obter acaídas reflexións sobre a natureza das cousas e o seu comportamento.

Este afán de coñecemento anunciárase xa de pequena. Dentro dos seus xogos infantís, adoitaba acompañar os traballadores do pazo cando, nos comezos do verán como agora estamos, baixaban ao Verdugo a capturar anguías. Os homes falábanlle do tránsito épico destes estraños peixes serpentiformes que viñan desde mares ignotos para, logo de viviren no río, retornaren ao mar a morrer. Mais o que non lle sabían explicar era como podían seguir esas rotas planetarias que ninguén lles aprendera. A pequena trasladou logo a mesma pregunta ás aves migratorias que na primavera facían parada na xunqueira, e deseguida pasou a interrogarse sobre a diversidade biolóxica global, as características adaptativas dos seres vivos e a súa complementariedade, e tamén sobre as veleidades do clima e a organización dos astros no firmamento.

As ensinanzas de dominicos e franciscanos, que monopolizaban a ciencia daquela no seu contorno pontevedrés, impoñían a inescrutábel vontade divina como causa de todas as causas. Mais tal explicación non a satisfacía, toda vez que non explicaba a causa que causaba a primeira causa. Comezou entón a frecuentar o despacho do licenciado Correa Gómez, que impartía clases de Retórica nunha das poucas aulas que quedaran en activo no convento dos xesuítas tras a súa expulsión. O mestre tampouco foi quen de lle dar respostas; porén, facilitoulle textos de Historia Natural, Xeometría, Astronomía e Medicina que abriron a súa mente ás luces da Ilustración.

Tanta visita a claustros e sacristías fixo pensar aos pais que Leonor acabaría por profesar nalgunha congregación. Mais o que aconteceu foi que, linda como era e coa boa educación que recibira e o lustre do seu apelido, foi requirida en matrimonio por un industrial de orixe inglesa chamado Jean Lees, que a coñeceu cando instalaba no edificio xesuítico a maquinaria para unha moderna fábrica de tecidos. Os Gancedo de Acuña aceptaron sen dubidar e incluso acordaron data para a voda, que sería en febreiro de 1795 na nova igrexa da Virxe Peregrina que acababa de ser inaugurada. Leonor, allea ao destino que se lle preparaba, continuaba no despacho do licenciado Correa absorta nos tomos do Theatro Critico Universal. Cando foi informada do seu matrimonio concertado, entrou en cólera e negouse a aceptalo, poñendo como argumento de peso as ensinanzas do padre Feijoo sobre a igualdade entre homes e mulleres. Entón o pai ameazouna con ingresala no convento de Santa Clara, onde ían parar as mozas que non achaban home, tras xenerosa doazón da familia. A muller, que xa gozaba dunha preocupante mala fama na vila, acabou de armala cando predeciu que a voda non se celebraría porque no día sinalado ía caer unha tronada tan grande que tremería toda Pontevedra. Meu dito, meu feito, non só caeu a gran tronada senón que mesmo un raio derrubou con gran estrondo unha das torres da flamante igrexa.

A voda non se celebrou, mais as consecuencias foron nefastas. Leonor foi acusada pola Inquisición de ter un trato co demo que lle permitiu atraer raios contra un templo cristián. Eran os anos nos que o Santo Oficio estaba a ser desmantelado e os seus membros andaban desexosos de amosar a súa necesariedade. Tivo que fuxir para salvar a vida, e foi dar a Portugal pasando o Miño en barca desde Tui a Valença. Mentres cruzaba, ao ver os pescadores de lampreas traballando nas pesqueiras lembrou a súa infancia na beira do Verdugo. Para entón xa tiña formulada unha avanzada hipótese sobre as migracións ao relacionar as rotas dos animais con fenómenos como as correntes mariñas e aéreas. Asemade, da súa adaptación ao medio, e particularmente da transformación das angulas en anguías, atrevérase a deducir o que podería ser un anticipo da teoría da evolución darwiniá.

Xa en Portugal, Leonor traballou limpando as aulas da universidade de Coímbra, ata que foi sorprendida por certo profesor unha noite na que, á luz das velas, consultaba o gran atlas Mercurio Geografico, de G.Rossi. Explicou que estaba a analizar os trazados da costa occidental de Europa e África e a oriental de América, que amosaban un paralelismo sorprendente, como se un día remoto fosen un único continente que logo quebrase e se separase. O profesor, despois de rir unha miga coa ocorrencia daquela muller do servizo, ofreceulle, como medio para librarse da pertinente denuncia por tocar materiais da Universidade, un troco de favores sexuais. Troco que ela rexeitou, mais que tomou en consideración como mostra da simpleza do comportamento masculino en intres críticos.

Unha serie de avatares levárona a Francia en 1803, daquela convulsa no ardor revolucionario. Alí traballou durante anos como colaboradora da Encyclopédie Méthodique que o editor Panckoucke promovía para ampliar a obra de Diderot e D'Alembert. As súas achegas centráronse no campo da astronomía, dentro do equipo de Jérôme Lalande, ocupándose de desenvolver estudos sobre o tempo cósmico a partir da traxectoria orbital do cometa Halley. Dos datos obtidos sobreviñéronlle algunhas intuicións sobre o movemento dos corpos en ausencia de gravidade que facían pensar nalgún tipo de relatividade especial; mais como contradicían as leis do movemento formuladas por Isaac Newton cen anos antes, foron desestimadas polos responsábeis da Encyclopédie, o que lle produciu gran decepción. Asemade, a súa experiencia revolucionaria levouna a un punto de pesimismo sobre o devir da humanidade, ao sospeitar que a burguesía que estaba a tomar o relevo da nobreza na cúspide da sociedade había ser, no seu día, a que continuase exercendo a opresión sobre as masas de traballadores. Sobre ese asunto publicou textos nos que demostraba que a economía e a loita de clases constituían o verdadeiro motor da historia.

En 1822, Leonor Gancedo retornou á súa Pontevedra natal. Mortos ambos os seus pais e irmáns na guerra contra o francés e dada ela tamén por morta, tivo que esforzarse por demostrar a súa filiación para recuperar o patrimonio que quedaba tras sucesivas leis desamortizadoras, que se reducían á casa patrucial e pouco máis. Dona dun saber difícil de facer recoñecer pola súa condición feminina nunha sociedade que aínda non asumira de todo o pulo da revolución transpirenaica, Leonor dedicou os seus últimos anos a escribir copiosamente sobre as máis variadas materias. Na súa obra, só parcialmente publicada, podemos constatar a súa impresionante capacidade intelectual e o poder de anticipación en asuntos que a historia só recoñeceu posteriormente e atribuíu a outros pensadores, como a fenomenoloxía do mundo natural, a predicibilidade dos cambios meteorolóxicos, a teoría da relatividade universal. a evolución das especies, a psicanálise, o feminismo e o materialismo dialéctico.

Unha tarde en que paseaba pola beira do Verdugo, observando as augas tranquilas e as árbores que medraran tanto desde que era nena, foi cando lle veu á cabeza a revelación que a conduciu á loucura. Intuíu que a Terra non era cen por cen firme, senón que, do mesmo xeito que a cortiza das árbores se cuarteaba e tamén a pel dos animais, o mesmo pasaba coa pel do planeta; iso explicaba o paralelismo das costas dos continentes, que noutrora serían unha única terra emerxida. Entendeu que os ríos eran as engurras do planeta e, para demostrar que se agrandaban, dedicouse a medir periodicamente a anchura do Verdugo, e tamén do Miño, o Ulla e o Lérez. Entre razóns e desvaríos, sumou para o futuro unha nova achega: a teoría da tectónica de placas.

Que non foi a derradeira, pois o estado de prostración crecente en que entrou a muller non impediu que participase, pouco antes de morrer, na cimentación da loita provincialista en defensa de Galicia con ideas de alta política que desenvolvían conceptos próximos ao republicanismo federal. Algo digno de ser tido en conta no mes en que estamos, tan marcado polos xogos de tronos nos palacios de Madrid.

Leonor Gancedo de Acuña faleceu en novembro de 1838 no hospital San Juan de Dios, pobre e esquecida de todos. Porén, como demos conta nunha entrega anterior, vinte e cinco anos despois tributóuselle unha emotiva homenaxe na que participou outra muller singular cuxa luz nunca puido ser tapada: a nosa poeta nacional Rosalía de Castro.

4 DPict

"A dona do pazo", debuxo de Castelao