Carta aberta ó concello de Marín

10 de febreiro 2017
Actualizado: 18 de xuño 2024

Como profesor na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia fun convidado a tomar a palabra no pleno municipal de Marín, onte, día 8 de Febreiro de 2017. O asunto era unha moción urxente sobre a protección e conservación do patrimonio arqueolóxico de Marín. Pese á invitación, os grupos tiveron que decidir sobre a "urxencia" desa moción, sendo o resultado da votación negativo. Considerando que a miña intervención non era urxente, quedou para outra ocasión.

O problema é que teño o deber moral de comunicar canto antes esta información.

Precisamente, a moción pretendía acelerar a tramitación dos procedementos, impoñendo un máximo de 90 días para comezar as accións. Adiando de novo os prazos, voltamos a caer nos mesmos erros de toda a vida.

A urxencia no patrimonio cultural é moi grave e os riscos son inminentes.

Non é só o "descoido" na recente agresión no petróglifo inmediato á canteira de Champás. É que o ano pasado alguén colleu unha pedra para rañar con forza o surco do labirinto de Mogor, que é o mesmo que dicir a mostra de arte rupestre postpaleolítica máis famosa mundialmente de toda a Península Ibérica.

Sucede tamén que dende o ano pasado se desmorona, por fin, o dolmen da Chan de Castiñeiras 2, despois de vinte e pico anos de abandono trala agresión impune da Deputación de Pontevedra. E non cae de calquera maneira: dúas das lousas con gravados están chocando e erosionando precisamente na zona máis decorada.

Tamén o ano pasado alguén fixo unha tala forestal incontrolada no castro da Subidá, empregando maquinaria pesada, ampliando camiños, facendo remoción de terras, expoñendo material arqueolóxico... Unha desfeita sen permiso nin coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio.

Pese a isto, semella que non pasa nada. O Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico é urxente. Especialmente, porque o documento que debe cumprir esa función, o PXOM, non o fai en absoluto. O catálogo arqueolóxico do PXOM de Marín é o peor, con diferencia, entre tódolos plans urbanísticos recentes dos que os expertos temos referencia. Non só hai xacementos sen catalogar, outros catalogados a pesar de estar desaparecidos dende hai décadas, algúns mal identificados, todos eles mal localizados e insuficientemente protexidos.

O peor é que dende o punto de vista legal o PXOM vive nun perigoso limbo xurídico. O expediente é público, e nel se pode ler que a aprobación definitiva do documento está pendente dun "informe favorable condicionado" por parte da Consellería de Cultura. É dicir, Cultura dá o visto bo, sempre que se fagan unha serie de reformas no tratamento do patrimonio cultural. Cinco anos leva vixente, mais esas reformas nunca se fixeron. Iso explica que os petróglifos de Mogor sigan figurando como "solo urbano consolidado" e que boa parte do castro da Subidá figure como "solo rústico forestal". Con toda seguridade, esta é a razón da agresión no castro do ano pasado, e de que esta pasase desapercibida. Lean o PXOM. Comproben as coordenadas e as fotografías.

Visiten os xacementos. Revisen as categorías do solo. Neste eido, o PXOM de Marín non só é pésimo: é ridículo.

A urxencia é máis grande aínda porque afecta tamén a outros tipos de patrimonio cultural.

Nada menos que os retablos barrocos da igrexa vella de Marín están infestados de termitas. Tamén hai carcoma, por suposto, pero a carcoma é máis "nobre", vése ben, deixa buratos. A termita é ruin, é moito pior. Vai roendo o interior todo, deixa só a casca externa, non é visible a ollos pouco atentos. E un día, de repente, sen avisar, todo cae e se pulveriza, como caeu, o ano pasado, unha das columnas salomónicas do retablo leste. E, dende aquela, segue roendo. A termita, por certo, vive subterránea, e pode chegar a afectar ás vivendas próximas do casco vello, Rúa Real, Priorato, etc., se non o fixo aínda.

Non é por alarmar, pero a urxencia existe.

 

Este artigo vai adicado á memoria e á familia de Xan Montenegro.

Asinado. Álvaro R. Arizaga Castro.

Arquivado en