Caro Aitor Esteban, forza para a Presidencia do EBB-PNV

Aitor Esteban é a dignidade da palabra que apoia unha traxectoria

Ao longo da miña vida política tiven a sorte de compartir moitos momento co futuro Presidente do PNV. Compartín quilómetros, actos e moitas conversas con Aitor Esteban. Tanto en Galicia e Euskadi, visitamos lugares onde o corazón da política latexa con forza —ás veces en silencio, outras entre paixóns cruzadas— foi tamén anfitrión, cando o visitaba, no Congreso dos Deputados, ese espazo que ás veces parece lonxe da realidade, pero que tanto marca o noso día a día como cidadáns.

Aitor é desas persoas que non necesitan levantar a voz para facerse escoitar. A súa palabra é precisa, medida, con ese ton sereno que nace do coñecemento profundo da política e do compromiso co seu país e a súa xente. No medio da confusión ou do ruído mediático, el sempre soubo poñer o foco onde importa, mellorar a vida das persoas. E iso, hoxe, é máis valioso que nunca.

Lembro ceas compartidas onde falabamos de historia, de lingua, de dereitos, de futuro. Rímonos tamén, porque Aitor ten ese humor agudo, sutil, que tanto se agradece nos tempos duros, case con retranca. Iso si en frecuencia de vasco, que nos costou a rifa dunhas señoras en Coruña. E sobre todo, sempre vin nel un defensor firme das súas ideas, sen renunciar nunca ao respecto polos demais. Nunha cámara onde ás veces as formas se esquecen, el mantivo sempre a dignidade do seu escano, do seu partido e da súa persoa.

Unha das facetas máis curiosas de Aitor é a súa paixón polas culturas indíxenas americanas. Non só posúe unha biblioteca de preto de 500 libros sobre o tema, senón que tamén aprendeu o dialecto lakota dos sioux, chegando a afirmar que, con preparación, podería dar un mitin nesa lingua . Esta dedicación reflicte a súa profunda admiración polas minorías e a súa vontade de comprender e preservar as súas linguas e tradicións.

Agora, nun tempo novo como presidente do EBB do PNV, deséxolle todos os éxitos, sei que vai traballar a reo. Os tempos que veñen requiren liderados honestos, persoas que entendan a complexidade do que vivimos e que, ao mesmo tempo, sexan capaces de trazar rumbos con visión e esperanza. Aitor representa iso. E estou convencido de que, desde a súa nova responsabilidade, seguirá contribuíndo a unha política máis seria, máis centrada nas persoas, máis útil, cunha visión global que xa demostrou nun almorzo no extinto Club Financeiro da Coruña.

E alá imos tamén xuntos a unha nova etapa compartida no Partido Demócrata Europeo, onde seguiremos traballando pola defensa dos pobos e das persoas, desde unha visión europeísta, dialógante e profundamente humanista. Alí, as nosas voces seguirán sumando, construíndo pontes, e levando á Europa política o espírito dos territorios que amamos e defendemos, vai ser un privilexio viaxar con esta compañía.

Porque Aitor Esteban é, ante todo, un político de verdade. Desa estirpe que entende o servizo público como un compromiso duradeiro coa xente e co país. E iso, nestes tempos, é motivo suficiente para homenaxear a súa traxectoria e celebrar o seu futuro, espero que os xoves fagan caso á súa recomendación de despedida do escano, eu dende Galicia so podo dicir Eman Aitor, Galiziak ere behar zaitu.