Caridade cristiá e perdón

25 de novembro 2024

La caridad es humillante porque se ejerce verticalmente y desde arriba; la solidaridad es horizontal e implica respetuo mutuo. (Eduardo Galeano)

Vexo, e escoito, estes días que hai que ser caritativos. Primeiro polo acontecido pola DANA, tanto en Valencia, como en Andalucía ou Castela A Mancha, que ás veces parece que nos esquecemos deles. Despois porque xa ven o Nadal, que levou a que a igrexa católica tamén o converta nun mes de caridade (debe ser porque se cobra unha paga extra). Levo escoitando falar da caridade desde que comecei a ir a cataquese. Nos anos sesenta e era obrigatorio ir á misa. Non podo negar a influencia que a relixión católica tivo en min. Non son crente mais a influencia segue, tamén pola súa boa xente que se cruzou no meu camiño. As monxas das "Pepas" de Lugo onde, antes de morrer Franco, facíamos reunións clandestinas, as moxas do Sagrado Corazón de Praceres, onde no ano 1977, se fixo reunión política e de aí saíu o POG, logo Esquerda Galega, con Camilo Nogueira ao fronte. Os Franciscanos de Herbón, os Dominicos de Padrón, aprendín o que eran as misións cos que non teñen nada. Os "curas agraristas" do SAGA (Sindicato Agrario Galego), o que querían era que os seus fregueses viviran mellor. Ou Ramón Gómez Crespo, o loitador incansable do Proxecto Home, ensinoume o duro mundo das drogas, acabei colaborando no seu centro de Cernadas. Eles e elas influíron na miña vida. Deles e delas aprendín unha palabra fundamental: "solidariedade".

A solidariedade é unha cousa e a caridade é outra. Cos afectados da DANA o que temos e que ser solidarios, axudar no que poidamos en función de cada quen.A caridade agocha un problema moi importante xa que non axuda a corrixir as desigualdades sociais nin corrixe os niveis de pobreza. Teño a teima que é que os responsables das políticas sociais e económicas (nomeadamente gobernos e poderes económicos) que co seu traballo empurran á xente cara a exclusión e logo fan un lavado de cara apoiando sistemas de "caridade", substitúien a idea do "dereito a"(dereito a comer tres veces ao día, dereito a ter unha vivenda ou dereito a ir vestidos) por un modelo de caridade. Estámolo vendo arreo co tema da vivenda, é un dereito que está na CE e xa vemos como venden as vivendas públicas ao fondo voitres, expulsan á xente da vivenda e logo póñenas mo mercados prezos máis altos.

Hai quen pensa que por ser caritativa xa é boa persoa. Vaia mentira íntima para quedar ben con un mesmo. Unha sociedade que se valore debe consolidarse polo apoio entre iguais. Cando un quere facer algo por alguén debe facelo por empatía, por converter a sociedade nun lugar mellor e non por mágoa. Sempre me lembrarei dunha "señorona" rica de Carballo, sentada nunha mesa a carón da miña, tomando café nun bar coas amigas ergueuse e dixo : "me voy que me esperan mis pobres", ao que unha amiga lle replicou : "está claro que eres rica que tienes pobres".

Pensando na caridade cristiá pregunteime : que leva facendo a Igrexa oficial? Canto dou? Que medios puxo? Non atopei moito, a verdade. Sabía que na riada de 1957 o bispo de Valencia, Monseñor Olaechea, dera os seus aneis bispais e o caxato procesional para conseguir fondos para os damnificados. Todo o que atopo foi que se fixo en Madrid (onde senón?) o día 19, unha Eucaristía (misa) presidida por Mons. Enrique Benavent Vidal, bispo de Valencia e concelebrada por 107 bispos. Nesta celebración tamén estaban presentes invitados representantes doutras confesión relixiosas en España, había representantes da sociedade civil, con Isabel Díaz Ayuso á cabeza, o alcalde Madrid, senadores do PP da C. Valenciana, concelleiros e deputados de Vox e tamén do PSOE e do goberno, desa rara contradición da separación entre igrexa e estado, alí estaba Reyes Maroto, o Delegado do Goberno e representantes da Policía e Garda Civil. O presidente da CEE, Mons. Luis J. Argüello cando anunciou o acto dixo: "es lo más radical que puede ofrecer la Iglesia, que es la esperanza en Jesucristo resucitado", quedou tan pancho. Fixeron a misa e parece que con isto xa cumpriron. Parece pouco, non? Sendo honrado debemos dicir que a Conferencia Episcopal Española (CEE) convoca a unha colecta, o domingo 24, en todas as eucaristías que se celebren en España a favor dos damnificados pola catástrofe, https://www.conferenciaepiscopal.es/.

Ás veces a igrexa católica española vive vítima das súas contradicións. Vemos que pouco aporta aos damnificados, aparte da misa e unha colecta que nunca saberemos canto acadou, supoño que ao final acabará en Cáritas. Porén a igrexa ten riqueza, e moita, que podería por en venda, como fixo o bispo Olaechea cos aneis. O caso máis sanguento é o do cardeal Rouco Varela, chamado "cardeal okupa" (aínda que a el lle gusta que o chamen Cardenal Arzobispo Emérito de Madrid Emmo. y Rvdmo. Sr. D. Antonio María Rouco Varela) por tardar máis de seis meses en deixar o pazo bispal de Madrid ao novo bispo Mons. José Cobo. É sabido, de sempre, que a Rouco Varela lle gusta o luxo, agora vive nun ático en Madrid de 370 m2, na rúa Bailén, a carón da Almudena e Pazo Real, con seis cuartos e catro cuartos de baño. Vale máis de un millón de euros , non paga IBI. Antes de ocupalo fíxose unha reforma de máis de medio millón de euros. Vive cun secretario e dúas monxas que se encargan do mantemento.

Outra das cousas que levo escoitando moito é o perdón. O Papa Francisco na Encíclica "Fratelli Tutti" sinala a "lóxica do perdón". Dicíannos que o perdón é un acto de xenerosidade, ou compaixón, por parte de quen perdoa e un acto de humildade pola parte de quen o pide. O perdón está dentro do ADN dos católicos (ou debería estar). Comeza a misa cun saúdo e seguidamente "eu pecador", pídese perdón no "Pai noso". Os cristiás presumen que unha das ferramentas máis poderosas do cristianismo é o perdón, din que o dano que causamos tamén é unha ofensa a Deus. Escoiteille dicir a un cura amigo que "ser capaces de pedir perdón é un paso da consciencia que xulga a propia vida, damos conta do dano causado en outras persoas".

No caso da DANA son moitas as cousas que me doen, moitas. Amólame a hipocrisía. Todos, incluído Mazón e Feijóo, saben que a xestión da emerxencia da DANA foi desastrosa, ineficaz e, si foi así a xestión posterior de mentira, tras mentira, foi peor aínda. A prepotencia, a chulería con que responden é un insulto á intelixencia. É hipocrisía ver como Mazón acude ás festividades relixiosas todo fachendoso, mesmo compunxido, na Misa d’Infants en honra a "Geperudeta" (Virxe dos Desamparados) ou na procesión da "Hermandad Sacramental del Santísimo Cristo del Mar, Nuestra Señora de los Dolores Coronada y San Juan de la Palma" da Semana Santa de Alicante.

Moito presumir de católico, tanto Mazón como Feijóo, mais cando hai que dar a cara baixan a cabeza e menten sabéndoo, saben que iso é pecado na súa relixión. Mazón, empurrado por Feijóo, o que tiña que facer era pedirlle perdón ao seu pobo, e logo irse para a casa que é onde mellor está. O del non é falta de competencias senón sobrada incompetencia, e ausencia de caridade cristiá.

Unha das cousas que máis envexa me dá dos católicos, é que si fan mal confesan, oran arrepentíndose e a outra cousa. Eu pola influencia desa relixión cando fago algo mal intento corrixilo , pido perdón si é o caso e, aínda así e todo teño mal corpo unha tempada por saber que fixen algo mal. Polo que vexo a caridade cristiá e o perdón están sobrevalorados.