Cando os estremos se tocan: o medo a falar do traslado de ENCE

30 de setembro 2018
Actualizado: 18 de xuño 2024

Parece que Ence non está na axenda do BNG nin do PP. Os estremos acaban tocándose. Pois aí vai un adianto, os socialistas pontevedreses non pararemos ata que Ence saia da ría. Nós queremos sentarnos a falar disto, o Goberno do Estado tamén. Agora tócalle ao goberno do BNG no concello mover ficha

Hai uns días, representantes do PSOE da cidade de Pontevedra desprazáronse a Madrid e volveron co compromiso da Administración do Estado de participar nunha Mesa de diálogo sobre o traslado de Ence. O único e lóxico requisito para facela posible é que debe ser convocada polo alcalde.

A iniciativa deixou descolocados ao BNG e ao PP, que coinciden en querer agocharse ante un tema transcendental para o futuro da nosa ría.  Mesmo os ecoloxistas agóchanse e refúxianse en cuestións administrativas, o que xa resulta incomprensible e incongruente.

É a primeira vez que un alcalde de Pontevedra ten a ocasión de presidir unha Mesa na que senten tódolos axentes involucrados nunha operación tan complexa como demandada: buscar unha vía para sacar Ence da ría.

Nunca na historia, un Goberno de España estivo disposto a falar do asunto. Aínda que tócame lembrar, sendo xusto, que en febreiro do 2016 os deputados galegos chamados “rupturistas” negáronse a apoiar a un candidato, Pedro Sánchez, que incluíu no seu programa a paralización dunha prórroga, que daquela non era firme en vía administrativa. Daquela estabamos a tempo e agora as cousas son máis complexas. Así que pouco poden esixir cando a vergoñenta prórroga que o PP concedeulle á empresa xa só depende do resultado dun recurso xudicial.

Sexa cal sexa ese resultado, o dialogo é imprescindible. Se se anula a prórroga temos a obriga de estudar como se manteñen a actividade e os postos de traballo fóra da Ria. Porque os Socialistas, como a maioría dos pontevedreses, non estamos polo peche senón polo traslado. E se a prórroga se confirma en vía xudicial, con mais motivo haberá que falar para sacar a fábrica de aí. E para iso son necesarias tódalas Administracións.

Algúns, con certa ignorancia premeditada, pregúntanse por que vai querer negociar Ence no caso de que se confirme a prórroga. Moi sinxelo: a empresa sabe que a prórroga non lle outorga a paz social, non facilita o seu crecemento e a súa expansión porque sempre vai a  ter en fronte a unha maioría social. Unha maioría que aínda será mais ampla se se nega a falar. As empresas están para gañar cartos e iso esixe planificación e estratexia. Sobre iso deberían reflexionar tamén os traballadores antes de rexeitar posibilidades. Fraco favor se fan a si mesmos, sobre todo os que están mais lonxe da xubilación.

É imposible trasladar a actividade como queren facernos crer? Eu coido que non. Exemplos temos de empresas que estaban en  pleno centro da cidade, como  Reyes Hermanos, e desprazáronse con éxito a polígonos industriais. Tamén hai  exemplos fracasados, como o de Tafisa. Por iso parécenos crucial tratar este asunto con seriedade. E que maior seriedade que co Goberno do Estado sentado na mesa? Non hai condicionantes técnicos que impidan o traslado. Non podemos admitir que non haxa un lugar para un nova Ence galega. Na nosa opinión, a viabilidade da operación ten moito que ver coa calidade dos actores participantes.

Non será acaso que a proposta se cuestiona porque vén do PSOE? E que esperaban os que non fan nada? Os socialistas estamos para facer Política por e para Pontevedra. Para iso estamos nas institucións. Por iso os mellores gobernos de Lores foron os que compartiu co PSOE. Se lle molesta recoñecelo enfróntase a unha evidencia amplamente recoñecida pola cidadanía. Mala táctica.

Parece que Ence non está na axenda do BNG nin do PP. Os estremos acaban tocándose. Pois aí vai un adianto, os socialistas pontevedreses non pararemos ata que Ence saia da ría. Nós queremos sentarnos a falar disto, o Goberno do Estado tamén. Agora tócalle ao goberno do BNG no concello mover ficha.