Non vou mencionar o seu nome, para non facerlle publicidade, só dicir que supoño que entre conferencias, libros e visitas aos estudos de radio e platós de televisión, está gañando unha boa serie de cartos como "historiadora", sen selo.
Unha vez máis debo desenterrar a machada de guerra, xa que dende as universidades non o fan, aínda que deberían facelo. Esta persoa percorre cidades, estudos de radio e platós de televisión enganando a bobos e falando sobre temas que ignora, ou en todo caso non coñece coa profundidade que pode ter un auténtico historiador, aínda que eu, que si o son, non percorra España dando conferencias nin sexa chamado por emisoras de radio e televisión, nin teña unha banda de palmeiros e de aduladores que me rían todos os chistes e que comparten nas redes os meus vídeos dicindo sandeces e facendo chistes fáciles sobre temas dos cales nin sabe nin entende.
Dóeme sobre todo cando esta persoa fala dun tema do cal me considero especialista, como é a historia antiga das relixións e, en concreto, a Biblia e toda a realidade histórica e social que rodea a súa confección. Esta persoa ríse deste documento histórico, chamándoo conto, e en repetidas ocasións di iso de "se les a Biblia, á cuarta páxina es ateo", e nese intre os palmeiros e demais bobos rin a cachón.
Non sei se esta persoa leu a Biblia algunha vez, eu dubídoo, eu si a lin enteira, e repito na súa lectura, estudo e a ela recurro a cotío para cotejar citas nos meus estudos e investigacións como historiador especialista en Historia Antiga e doutorando nesta disciplina. Dende as redes sociais, unha serie de descerebrados estánme atacando con comentarios ofensivos polas miñas dúbidas de que esta señora poida seguir falando, e cobrando por elo, dun tema do cal é unha ignorante.
Eu levo anos estudando a Historia, con traballos avalados por tribunais coa máxima cualificación, participación en numerosas campañas arqueolóxicas, publicación de artigos en revistas físicas e dixitais, sendo docente de arqueoloxía, conferenciante, profesor convidado na Universidade, incluso para achegarme á Biblia como fonte histórica estudei hebreo clásico, presumo de que esta señora non ten idea de hebreo clásico, pero é ela a que cobra por falar da Biblia, non eu, que estou no paro e cobro "0" euros ao mes.
A Biblia é unha fonte histórica que aúna historia, mitos, dereito, louvanzas e textos proféticos e apocalípticos. Como fonte histórica non a podemos interpretar textualmente como autores como Israel Finkelstein e Neil Asher Silberman sinalaron, pero ten a mesma validez como fonte histórica que as fontes clásicas. Por exemplo, sóese dicir que os evanxeos foron escritos polo menos 50 anos trala morte de Xesús, pero os que sinalan isto, incluso con risa, ignoran que a biografía de Xulio César de Suetonio escribiuse 165 anos despois, e úsase como fonte para biografiar a Xulio César, e por aí a de Plutarco, e uns 273 anos despois para o caso de Dión Casio, pero seguen usándose como fontes para biografiar a este político e xeneral da antiga Roma.
Lean unha biografía de Xulio César, recomendo a de Adrian Goldsworthy, e vexan as notas do final, e vexan como estas fontes non son contemporáneas a César, agás as obras atribuídas ao propio César, claro está. Igualmente ríse de que os evanxeos "mintan" ao dicir que Xesús naceu en tempo de Herodes (Mateo, 2, 1), cando Herodes morreu o ano 4 a.C., e polo tanto catro anos antes do suposto nacemento do Masiaj. A ignorancia é supina, non é Mateo quen se trabuca, senón que foi Dionisio o Exiguo, monxe e erudito que viviu nos séculos V e VI, a quen lle debemos a fixación da "era cristiá". Pero claro, esta señora non sabe quen foi Dionisio o Exiguo.
A pesar dos meus estudos de historia, pacientes lecturas da Biblia e da Mishná e de Flavio Xosefo, e do doutorado en Historia Antiga que en breve agardo ter, non me chaman da prensa, radio e televisión, nin atraveso toda España para impartir unha conferencia ben pagada na outra punta do país. E esta persoa estáse forrando cunha disciplina que, a pesar do seu ton de voz "sobrado" e dos palmeiros que a acompañan, descoñece. Iso é signo dunha sociedade enferma. Nin o 2% da miña obra científica está publicada, vergoña!!!. Pero debo recoñecer que, desta vez si, o meu libro sobre o exército romano, obra de anos de traballo, vai ser finalmente publicado a inicios do 2025. Desta semella que vai.