"Banderita rojigualda" no pulso

24 de xullo 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

Comeza o verán e os "fodechinchos" con "banderita rojigualda" no pulso empezan a agromar. No mes de xuño uns pouquiños. Aos poucos íamos entrando en xullo e xa viñan por moreas. Coñécense moi ben polo seu xeito de actuar. Falan alto para que se saiba que están alí. Saben de todo xa que o lugar de residencia debe de crear intelecto

Comeza o verán e os "fodechinchos" con "banderita rojigualda" no pulso empezan a agromar. No mes de xuño uns pouquiños. Aos poucos íamos entrando en xullo e xa viñan por moreas. Coñécense moi ben polo seu xeito de actuar. Falan alto para que se saiba que están alí. Saben de todo xa que o lugar de residencia debe de crear intelecto. Aínda que o máis salientable é velos mercar na praza de abastos, no supermercado ou nas pequenas tendas. O seu grito de guerra, cando as cousas non son como eles pensan, sempre é: "eg que como en Madrid...". Sendo Madrid o centro, non do mundo, senón do universo. Non hai máis punto de referencia que Madrid.

Quen lle diría a Sheldon Lee Cooper, na serie The Big Bang Theory, na quinta tempada fai un video-podcast que de nome: "Sheldon Cooper presenta: diversión con bandeiras". O máis simpático son os nomes dos capítulos. O primeiro titúlase: "Bandeiras: debes de saber como sostelas, debes saber como dobralas". Se a guionización fose feita no Estado Español seguro que nun dos capítulos veríamos a Sheldon titulando: "Bandeiras de cinta: como levalas no pulso, nós axeitados".

Fóra brincadeiras, este é un tema que non deixa de ser preocupante. Todo un traballo para os expertos en vexiloloxía que é a ciencia que estuda as bandeiras. A min polo menos preocúpame porque vexo que a dereita e a ultradereita apropiáronse duns símbolos que consideran da súa propiedade. Sempre me lembrarei cando no ano 1977, Santiago Carrillo, aos poucos días de ser legalizado o PCE dera unha rolda de prensa coa bandeira bicolor xunto a bandeira vermella coa fouce e o martelo. Fun ao mitin que dera en Lugo. Naqueles anos íamos a tódolos mitins que se facían, era a ansía de liberdade. No mitin do PCE había un gran panel de cor vermella, detrás dos que falaban, e na esquina superior esquerda metíase unha franxa amarela duns corenta centímetros de larga e que ao quedar rodeada polo vermello facía a bandeira española. A todo isto engadir que a executiva do PCE prohibira que se sacaran bandeiras republicanas nos mitins. Non me esquezo das críticas que todo o "roxerío" lucense lle votou ao pobre Carlos Dafonte, director da galeria de arte "Arco da vella" e representante do PCE en Lugo. Aínda que agora sexa anécdota Santiago Carrillo quería que as cousas en España se normalizaran e, aínda que o da bandeira era un tema moi discutible, el aceptouno pensando na paz entre españois segundo dixo nunha entrevista.

Como é que se chegou a esta situación de patrimonialización da bandeira pola dereita? No goberno de Aznar déuselle un cambio significativo ao tema da bandeira. Aznar fixo que se identificase a bandeira con España e coa dereita. Hai que lembrarse da famosa bandeira colocada no ano 2001 na praza de Colón en Madrid. Bandeira de 300 metros cadrados (un pouco menos que un ferrado nalgún concello galego) situada a cincuenta metros de alto. Idea de Aznar e realizou o alcalde de Madrid Álvarez del Manzano. Costara, segundo a alcaldía, 378.00 euros, dos daquela.

Pero non so se apropiaron da bandeira. Non. Crearon o grupo dos bos españois facéndose donos doutras cousas que representa ao estado. Así para a dereita o bo español é dono da monarquía, da bandeira, do exército, da xustiza, das forzas de seguridade (Policía e Garda Civil) e da igrexa. Os que non son de dereita non teñen dereito a todo isto, nin sequera poden ir á misa. Si van é porque os de dereitas son boa xente e consenten que os malpocados vaian, pero deben saber que non pintan nada. Claro que visto así as cousas bastante certo son, e se non miremos o que sucedes estes días. El Rei émerito (ou o seu entorno. Vaia eufemismo!) di que volvera a España si gaña Feijóo: A Casa Real tardou bastante en facer un comunicado desligando todo isto. A dereita, e a ultradereita, saen na defensa da monarquía sen vir a conto, por pura confrontación a ver si te collen nun renuncio. Do resto coma a igrexa ou xudicatura que queredes que vos diga, que o Opus Dei presume de ter no seu seo a importante cantidade de xuíces e maxistrados (eles din que máis dun terzo, e si é mentira que o desmintan). Ou os bispos de "banderita" que renegan do Papa Francisco. Do exército e dos corpos de seguridade non podemos negar que se mellorou moito, máis despois da incorporación da muller, pero queda moito que facer.

O que non saben os da "banderita" é que a bandeira foi elixida nun proceso constituínte para que representara a todos os españois. Para que representara os valores democráticos. Quizais un dos problemas que xera todo isto que é a mesma que había no franquismo e non houbo labor pedagóxico. Carrillo comezouno, mais ninguén seguiu o traballo. Ao final a dereita acabou facéndose propietaria. Así no Nadal en Madrid había rúas enteiras, cama a do Prado ou a Castellana, con bombillas cas cores da bicolor.

A única vez que vin unanimidade coa bandeira foi no mundial de fútbol de Sudáfrica. A do gol de Iniesta no 2010. Aí saíron bandeiras por todos os currunchos. Houbo unanimidade. Eu vin o partido nunha praza en Zamora. Moreas de bandeiras. Todas iguais agás dous parvos que levaban a do Real Madrid. O resto bicolores, ducias delas. Acabou o partido e onde estaba foi unha festa de apertas e bandeiras. Era o que querían os constituíntes, que a bandeira unira. Non sei si foi a bandeira ou a selección, ou as dúas cousas. Houbo unión.

Pouco dura a felicidade na casa do pobre. Empezaban a verse os efectos da crise económica de 2008. Volveron apropiarse da bandeira e da defensa das vítimas do terrorismo. Volveron a pasarnos polos fociños que España era súa, que bandeira era súa, que todo era seu. Si había cambio de goberno era porque eles o consentían. E cando goberna alguén que non son os seus son "okupas". Por desgraza seguen co mesmo raca-raca, que en galego diríamos, unha vez xa fartos: "e dálle!"

Os "fodechinchos" (para min os nomeadamente madrileños) de "banderita no pulso" de comportamento de cuñado. De formación de argumentario. De mira para o embigo propio. De propietarios de vidas e facendas. De rompedores, ou non cumpridores, dos dereitos e normas constitucionais. De superioridade moral. E moitas máis opinións que podería poñer fanme chegar á conclusión que se eles cuestionan tantas cousas os demais temos dereito para acabar cuestionando outras, entre elas os símbolos.