Auga que non has beber

30 de novembro 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

AUGA VAI ! …O Sergas, benquerid@s amig@s, a quen xa temos unha idade, sempre nos receita o mesmo: caminhar e beber auga que, dito sexa de paso, é a medicación máis barata que hai. Que bo sería que o Sergas velara pola nosa saúde coa mesma eficacia que vela polas súas ganancias ! 

AUGA VAI ! …O Sergas, benquerid@s amig@s, a quen xa temos unha idade, sempre nos receita o mesmo: caminhar e beber auga que, dito sexa de paso, é a medicación máis barata que hai. Que bo sería que o Sergas velara pola nosa saúde coa mesma eficacia que vela polas súas ganancias ! Pois si, vecinhos, xa o saben: auga e pateo (mentres non paguemos peaxe por pasear…) Non podemos dicir o mesmo da auga; tanto a da traída como a do súper hai que pagala, pero a de ríos fontes, lagos, mananciais ou chuvia é gratis…Gratis ?? Diso nada camarada. Velaquí algúns exemplos: Nestlé, Heineken, Danone, Bezoya…etc. xa son donas de boa parte da auga "ciebe" Ai vostede, igual ca min, creuse aquilo de que a auga é un ben común, público e universal ? Cóidese moito de que non lhe ponhan un imposto de chuvia ( que non sempre é chuvia; ás veces é mexo. Augas menores en fino )
 
Pois si, senhores; entre os caudais de auga doce que van minguando…( pensaron vostedes canto beben os milhóns de eucalitos ?) e a súa galopante contaminación, pronto teremos que dicir o que xa dixo a nosa profética Rosalía hai ben de tempo: "Adeus ríos, adeus fontes, adeus regatos pequenos, etc. etc." "Auga que non has beber, déixaa correr" que dicía o cuplé.
 
Estes días pasados tivemos algunhas riadas, que non foron aló moi graves dado que o país ten desenhadas boas escorrentías, aínda que algunhas fican atrancadas no seu enxurrar cara o mar. As riadas non sempre son malas; soen sacar toda a larafuza a flote. Que sería de Exipto sen o desbordamento do Nilo ? Si, ese mesmo Nilo que Moisés volveu sangue ( que xa fai falta ser revirado. Algúns dos seus decendentes herdaron esta querenca polos ríos de sangue ). Por outro lado, e seguindo co da auga, que ben nos viría contar hogano cun Moisés no governo para abrir o estreito de Xibraltar e pasar andando a África sen concertinas e afogamentos ou rematando coa seca do campo espanhol facendo sair auga das rochas a trancazo limpo. Así que xa saben: auga e Metrominuto que é san e barato. O Concelho promove estas medidas pero non se atopa un garda pateando as rúas nin de conha…Teranse extinguido ?
 
Ai, bendita auga aquela que o Senhor converteu en vinho nas bodas de Caná. (Pois sería un milagre pero iso faino o taberneiro do meu lugar cada quince días e non se dá tanta importancia. Por alá chámanlhe "xarabe de estrughas" pero xa levamos vinte anos sen unha triste gripe. Mentras non lhe meta metílico, todo vai ben).
 
A sobreeucaliptizada conca do Lérez, cada vez xunta menos auga que levar ás vilas da ría…que non saberemos nós os pontevedreses cunha Bichofábrica que se chupa medio caudal do Lérez!. A conselheira do ramo artelhou unha mancomunidade de augas sen siquera amentar á Celulosa como se esta non se tragara un metro cúbico por segundo de auga doce do Lérez.
 
A auga é vida. Sen ir máis lonxe ese tío, que se reflicte no espelho do seu cuarto de banho, está composto por un 50% de auga cando menos. Esa é toda a auga da que es dono. A outra, a que debería ser pública, é privada. Tenha coidado cando beba nunha fonte "pública". Igual non tarda moito en chegarlhe a factura.
 
Da auga hai para contar e non parar. Lembran cando alá polo sur rebentou a balsa de residuos da empresa sueca Boliden e cargouse boa parte do Parque de Doñana ? Daquela Estado e Junta de Andalucía investiron un capitalón en reparar os danos. Como sempre acontece, a reación oficial foi nula e a culpable, a sueca Boliden, fuxiu pola porta de atrás berrando: " Knulla dig i rumpan !" en sueco. Algo polo estilo xa pasara en Palomares.
 
Ben; alguén dixo unha vez que a Natureza é moi sabia e debe selo pois, se a Celulosa consome medio río de auga doce, o mar devólvelhe parte dela cada inverno por encima da Avenida. E máis que lhe ha devolver cando suba o nivel do mar con isto do cambio climático.
 
Di o refrán que nunca chove ó gusto de todos; mintira: sempre chove a gusto dos explotadores, sopre de onde sopren os ventos. Un amigo preguntoume por que escribo de conha ultimamente. Contesteilhe que, cando o fago en serio, sempre rin de min. Así, pois, que rían por algo. Alá na lonxíncua Suíza, terra de moita auga; lagos, ríos, neve, o meu gran amigo, o velho companheiro Emilio Capellari, dicía falando da auga e outros praceres da vida: "Acqua chiara, vino puro, figa stretta e caccio duro"
 
Xa de remate, un recado para o concelho; só sei de dous bancos públicos resgardados da chuvia. Haberá que ir ó bar a abrigarse e pagar o pato. Tampouco hai onde ceibar augas menores. Xa, hai que ir ó bar, pagar o pato e ourinhar.
 
Se tenhen ocasión, vexan a película "Y también la lluvia" de Iciar Bollaín. Nela verán canto pode chegar a custar unha soa pinga de auga. Saúde, ánimo e moitas grazas xente de VAIPOLORÍO !