As outras fotos do Presidente

02 de abril 2013
Actualizado: 18 de xuño 2024

Ver ao presidente nos xornais cal personaxe de Matalobos resulta algo inquedante, especialmente para aqueles que aínda cren nos peixes de cores. Pero son máis preocupantes as fotos que non se ven.

A política liberal ofrece máis situacións para imaxinar que imaxes para constatar. O deles é un combate oscuro que oculta moito máis do que exhibe. Están na política para que os de sempre se aproveiten do ben común, para que o mundo siga como está, de aí que se chamen conservadores.

A paradoxa é que lles pagamos por apuntalar o mundo. Por defender aos financieiros, por cargarse as nosas caixas, por entregar os hospitais á usura, por regalar os muíños eólicos ás enerxéticas, por volver a converternos nun país de emigrantes. Logros e máis logros destes tipos con conciencia de cartón e garabata de terciopelo.

Por iso chama tanto a atención ese idílico momento cremita coas Cíes de fondo, na compaña dunha amizade desas que non saben dónde meter os cartos e aproveitan as viaxes de pracer para pillar ideas.

Pero o presidente é un político iceberg: o importante non se ve. Só enseñan ese rollo aburrido da dereita cheo de epítetos e boas palabras como competitividade, futuro, eficiencia, solidariedade, consenso... un discurso que nace nos quioscos da posguerra mental e que foi evolucionando co tempo, adaptándose ás novas coordenadas.

Eu quero ver as fotos que puido facerse con quen lle obrigou a privatizar Montecelo; as da reunión na que se negocian as subvencións á electrificación rural ou as que serven para despezar barcos e acabar coa nosa gran flota.

Quero ver a Feijóo reunido sobre un iate ou sobre un patinete, pero co seu amigo do Opus ao que subvenciona os coles segregacionistas, ou as que non publica cos integristas paletos eses do bilingüismo harmónico, cos que persegue o encefalograma plano para o galego.

Esa foto en branco e negro e raiwan retro, na que partilla os negocios das galescolas, ou esa sobremesa de familia, na que entre os pocillos do café se amaña un concurso público para xestionar un chiringuito, ou a do xantar no reservado do Vilas para chalanear unha boa tempada de titulares amables en calquera xornal da palestra.

Esas son as fotos que realmente interesan; as que decorren baixo os despachos dos gabinetes, a que ocultan tras o seu branco manto de normalidade, as que agochan con eses acenos de contable aplicado.

Velo cun amigo contrabandista ou narcotraficante, con esa cariña de relax, só me produce envexa... quizáves o pasaron ben esa noite, e están a celebralo dándose cremiña por detrás.

2.04.2013