Altruísmo VIP

19 de outubro 2024

Se algo está a medrar no noso país, mires a onde mires, son os e as "especialistas" en violencia de xénero e os "chiringuitos" dedicados a isto

"Chiringuito" dito con todo o respecto, basicamente por unha cuestión de educación, porque da eficacia dos mesmos e da súa vontade para levar adiante calquera iniciativa que non redunde única e exclusivamente no seu beneficio, mellor non falar.

Saen ata de debaixo das pedras, e todos nos contan o seu "traballo altruista" e "sen ánimo de lucro" (non me sae a gargallada porque estamos a falar de vidas de mulleres, de nenos e nenas, e eso é sagrado, porque, do contrario, sería para rir ata as bágoas), por "pura vocación", sen faltar os e as que nos din que son activistas as 24 horas dos 365 días do ano, recriminándonos aos demais, que non fagamos o mesmo, basicamente porque temos que traballar se queremos comer, e non temos a posibilidade de interromper a nosa xornada laboral a media mañá como fan eles e elas, para acudir a un evento deses tan vistosos, na que se concentran todos os VIP, e cun aspecto coma se fósemos a saír na portada do "Vogue", do "Elle", ou de calquera dunha das tantas publicacións de moda que existen.

De feito, que practicamente todos, por non dicir todos, os actos desas características se celebren a media mañá, ou nas primeiras horas da tarde, xa é significativo abondo, porque, obviamente, ninguén cun horario de traballo digamos normal, pode acudir, é puro sentido común, co cal deixan perfectamente claro a quen van dirixidos e cal é a súa finalidade.

Mais, paralelamente a este fenómeno, existe outro, non menos evidente, que, loxicamente, aos cidadáns alleos a este eido lles pasa máis desapercibido, pero aos que xa levamos nel uns cantos anos, como é o caso de Si, hai saída, con xa algo máis de 10 as nosas costas, non se nos escapa en absoluto.

Deses, pero, sobre todo, desas, activistas "full time", que tanto se gababan da súa "entrega desinteresada" e do seu talante antisistema non queda practicamente ningunha, se é que queda algunha, que, ao tonto, como quen non quere a cousa, non foran conseguindo o seu despachiño, ou, cando menos, a súa cadeira na institución ou organismo dos que tanto renegaban, e que vivan, na actualidade, estupendamente dese sistema que tanto condenaban, ou, de non ser así, continúan dirixindo os seus colectivos, pero facendo caixa ao final do día....malia que eso non se conte ou mesmo se negue!

As bolsas de lona coa lenda de "estou ata a cona" co que demostraban, no caso delas, o feministas que son, porque, polo que se ve, para ser feminista de verdade hai que ser ordinaria, foron, pouco a pouco, substituídas por bolsos de, como mínimo 300€, e cun logo de marca ben visible , que para iso agora hai posibles, o pelo lila por coidados cortes e peiteados idénticos, curiosamente, a aqueles que tanto criticaban noutras mulleres, e xa non lles importa que a roupa de Amancio Ortega, que agora usan, sexa fabricada por mulleres explotadas, como berraban antano, e mesmo as hai que decidiron saltarse ese chanzo e optar directamente polas prendas de firma... Que curioso, non si?

Continúan aparecendo, eso si, detrás das pancartas ou nas fotos das concentracións nos días D , ou cando, por desgraza, a violencia machista se cobra unha nova vítima, pero xa nos sitios politicamente correctos que lles corresponde e coa actitude comedida e tamén correcta que o seu novo estatus require, pero que durante anos criticaron.

Todo isto, por suposto, segundo elas, estando moi comprometidas na loita contra a violencia machista, e aclaro que estou falando en feminino porque é onde máis se dá este fenómeno, pero non é, nin moito menos, exclusivo deste.

Pois ben, vou a contarvos un exemplo, do que hai detrás de tanto altruísmo.

A pasada semana contactou con Si, hai saídaunha muller totalmente desesperada tras soportar, malia ser aínda moi nova, moitos anos de malos tratos, que, segundo nos dixo, xa non sabía a onde acudir.

Non foi doado concertar unha cita con ela xa que, ademais de ser evidente que estaba, está, aterrorizada, desconfiaba de todo e de todos, algo comprensible tras coñecer o periplo andado antes de chegar a nós, idéntico ao de moitas outras mulleres ás que levamos atendidas.

Cando acudiu a poñer a denuncia, segundo nos contou, todo transcorreu, imos dicir, máis ou menos ben, ata que revelou a identidade da súa parella, un coñecido empresario, cunha economía máis que solvente, pertencente a unha familia de idénticas características.

Nese momento, ao policia que lle tomaba declaración, soamente lle faltou saír correndo.

Rapidamente a derivaron a un, imos dicir "organismo oficial", onde a historia se repetiu, e mesmo lle chegaron a dicir que o pensara, que ao mellor non era para tanto, e a remitiron a unha asociación desas "de ben", das que se poñen de exemplo, das que saen na prensa, e son subvencionadas xenerosamente, na cal, un letrado, pertencente a mesma, e tamén moi altruísta e desinteresado, tanto que optou por pechar o seu despacho para exercer de "bo samaritano", imaxinade que corazón tan grande....e que estómago máis pequeno, porque se ve que non come!, escoitando a historia, lle dixo, incialmente, que o seu caso, ademais de ser de manual, é grave, algo moi certo. xa que corre perigo e hai un fillo menor en común, para, no momento que soubo quen é o presunto agresor e a súa familia, mudar rapidamente de opinión e dicirlle, coma no caso anterior, que non era para tanto, que tal vez o mellor era deixar as cousas como están, porque posiblemente ela mesma, que estaba "moi alterada", as estivera a sacar de contexto.

Teño que aclarar que o caso desta muller é, efectivamente, de manual, que está aterrorizada, que xa non sabía onde pedir axuda, e tivo que ser alguén de fora de Lugo, a nosa cidade, que coñece a Si, hai saída única e exclusivamente polo noso traballo, lle facilitase o noso contacto, e, cando despois de expoñernos a sua historia, lle dixemos que, por suposto, imos a axudala en todo canto estea nas nosas mans, que a identidade do presunto maltratador, así como a súa posición social e económica nos trae absolutamente sen coidado, non acababa de crelo.

Non lle ocultamos, eso si, que as dificultades van ser moitas e non pequenas, xa que, a todo o relatado, temos que sumar o feito de que, ademais de que o seu ex xa está sobre aviso, a súa condición, queiramos ou non, inflúe, pero noutras circunstancias similares ou mesmo peores nos temos visto xa, e, afortunadamente, saímos airosos, malia que isto non se saiba, porque en Si, hai saída non necesitamos demostrarlle nada a ninguén, nin alardear dos nosos éxitos, xa que o noso cometido é axudar as vítimas, punto.

Penso que non é preciso engadir nada máis, non si?

Non é a primeira, nin a segunda, nin a terceira vez que nos atopamos con situacións semellantes, e creo que isto explica perfectamente que, malia que o único que pretendemos é que nos deixen facer o noso traballo, non o consigamos, e que, curiosamente, sendo a única asociación destas características que non cobramos nin un só céntimo, somos tamén, principal e curiosamente polo mesmo motivo, ademais de non achegarnos a ningún partido político, a única a que se lle poñen todo tipo de atrancos, chegando mesmo a ser, xa non rexeitados, se non mesmo odiados, por moitas e por moitas, como tamén explica porque a violencia de xénero non deixa de medrar.

Sinxelamente, porque no caso de suceder o contrario, remataría, para moitos e para moitas, o chollo que atoparon nela.

Estamos a falar dun, digamos, "altruismo VIP", máis falso que os billetes dun euro, e que, é, hoxe por hoxe, un dos negocios máis rendibles que existe.

Noxento, pero enormemente productivo, que é do que se trata, nonsi?

O contrario son escrúpulos tontos, e a quen os teña, mellor sacalo da circulación canto antes.

Lamentable, pero certo.

 

Asociación Si, hai saída