"Algo está podre no Reino de Dinamarca"
Na explanada do palacio real de Elsingor, Hamlet escoita esta frase ao seu criado Marcelo xusto antes de descubrir que o seu pai fora asasinado polo seu propio irmán para lle usurpar a coroa e se casar coa súa viúva e nai de Hamlet. O Príncipe de Dinamarca decide entón vingarse do seu tío e faise pasar por tolo, ata chegar ao desenlace que todos coñecemos.
Shakespeare (quen ademais dun dos grandes da literatura universal quizais fose tamén un dos primeiros analistas políticos da Historia) escribía esta frase no século XVII, servindo logo para falar das cousas que non marchan ben nun país pola corrupción política.
A frase é tan brillante que hoxe debería ser usada para toda clase de mundo e para todos os países, incluídos os Estados Unidos. Pois é que alí non se lembra cheiro semellante dende que Anita Hill, avogada e activista, testificara no Senado por acoso sexual contra o agora é xuiz da Corte Suprema, un “señor” que leva por nome Clarence Thomas. Dicía hai uns días a escritora Elvira Lindo que con Anita Hill empezara todo. Tiña razón. Coa súa declaración, aquela muller negra enfrontouse a unha comisión do Senado (formada só por homes), que aproveitou para humillala en público ata límites insospeitados. Mais o cheiro xa comezara.
Vinteseis anos despois, cada día que pasa descubrimos unha nova acusación contra un home poderoso no cine daquel país, despois de que os continuos abusos sexuais do produtor Harvey Weinstein servisen de espita. Pero é que polo medio quedaron o actor Bill Cosby, o director e guionista Woody Allen, o director Roman Polanski ou o cantante Michael Jackson. Sobre todo, polo medio quedaron as mulleres e os nenos que denunciaran os abusos, persoas descoñecidas que, quizais por iso, pouco ou nada acadaron...
Mais nestes días o cheiro medrou. Son as actrices do todopoderoso Hollywood as que toman a testemuña para facer público que algo está podre no mundo do cine dos Estados Unidos e día a día saen nomes de estrelas que aumentan o noso noxo.
Que agardar dun país cun presidente que dixo “Eu empezo bicándoas... Nin sequera agardo. E cando es unha estrela, entón déixante facer. Agárraas pola cona. Podes facer o que queiras”? Que agardar dun país cun Maxistrado da Corte Suprema (un “señor” que leva por nome Roy Moore) que está acusado de abusos sexuais a menores e que agora podería ser “premiado” polo Presidente cun escano no Senado?
Non se trata de casos illados. Non ocorre só no mundo glamuroso do cine. É só o comezo dun cheiro a podre que vai esixir o uso de máscaras para aguantar o vómito. Xa era hora!