Nestes tempos posmodernos, perséguenos unha sombra constante que pende sobre as nosas vidas e transfórmase nunha ameaza imperceptible. Como resultado, a nosa privacidade e liberdade individual están sendo erosionadas por un inimigo invisible, que utiliza tácticas sutís para someternos e controlarnos.
Se no pasado, o control social manifestábase a través da coacción e da opresión estatal. No momento presente, este encontrou novas formas de infiltrarse na nosa existencia, atopando un aliado único na tecnoloxía. As redes sociais, os motores de busca e os dispositivos intelixentes son hoxe as ferramentas preferidas dos vixiantes modernos. Detrás das pantallas, os nosos movementos, datos persoais, crenzas, desexos e intereses son meticulosamente rexistrados, analizados e explotados con fins comerciais e políticos.
Toda esa información é un dos piares do control na era dixital. As empresas e os gobernos decatáronse do poder que aqueles datos poden aportar para controlar e ditar, coa nosa propia complicidade, o que podemos pensar, dicir, imaxinar e querer. Mediante o uso de algoritmos e a segmentación pública, poden crear burbullas de información que reforcen as nosas crenzas e satisfagan os nosos desexos, ao tempo que nos alonxan de calquera punto de vista crítico ou disidente. Así, convertémonos en monicreques dixitais, manipulados sen sequera darnos conta.
Este novo panóptico dixital diferénciase do antigo en dous aspectos esenciais. Por unha banda, estas novas tecnoloxías fan que os individuos sexamos visibles en todo momento, polo que ocontrol está descentralizadoe pode estar en todas partes. Desa forma, cada vez que visitamos un sitio web, facemos unha compra en Amazon, escoitamos unha canción en Spotify ou utilizamos plataformas como Instagram, Facebook, Twitter, TikTok e outras, espímonos en público e revelamos algo sobre nós mesmos. En definitiva, facémonos visibles internamente e proporcionamos informacións moi valiosas. Se non pagamos polo produto, o produto somos nós, e de nós como produto, interésalles coñecer os desexos, rutinas, conviccións, etc. Son datos moi valiosos, que se usan para poder vendernos aqueles bens e ideas que supostamente mellor responden as nosas necesidades e aspiracións.
Por outro lado, este panóptico dixital é consensuado, xa que se basea na participación voluntaria das persoas. Fascinados polas vantaxes que estas tecnoloxías nos ofrecen, esquecémonos do control que exercen sobre nós.
En definitiva, hai dúas cousas que nos moven: a dor e o pracer. O medo ao primeiro e a procura incansable do segundo. Actuaremos motivados: ¿pola preocupación e o medo de que recopilen información sobre nós?, ou pode ser que ¿prefiramos vivir no mundo feliz dos "gústame"? ¿seremos capaces de descubrir que o mundo feliz e os servizos que consumimos das grandes empresas tecnolóxicas, que tanto pracer nos dan, non son gratuítos?
Porén mentres, consideramos que non debemos resignarnos a converternos en meros peóns deste sombrío control. É imperativo que tomemos conciencia dos perigos que nos esperan e resistamos aos avances desta máquina de vixiancia. É necesario esixir leis máis estritas que protexan a nosa privacidade e liberdade no vasto ciberespazo. Eduquémonos sobre os riscos do control social, fomentando unha cultura de pensamento crítico que nos permita fuxir das cadeas invisibles que nos atan. A educación en xeral e en particular a escola, ten un traballo pendente para evitar que quedemos baixo a xurisdicción da fortuna.