A nova fe 4.0

29 de febreiro 2024
Actualizado: 18 de xuño

Na era da vertixe dixital, unha pregunta resoa con forza: o Deus tradicional está sendo substituído pola súa versión dixital (4.0)? O ser supremo omnipotente de antano parece dar paso a unha nova divindade con código binario, capaz de responder ás nosas oracións en tempo real, ofrecéndonos a inmortalidade virtual ou ilusionándonos coa esperanza dun ceo eterno

Na era da vertixe dixital, unha pregunta resoa con forza: o Deus tradicional está sendo substituído pola súa versión dixital (4.0)? O ser supremo omnipotente de antano parece dar paso a unha nova divindade con código binario, capaz de responder ás nosas oracións en tempo real, ofrecéndonos a inmortalidade virtual ou ilusionándonos coa esperanza dun ceo eterno.

As igrexas cos seus muros cheos de historia, con perfume a incenso e as misas dos domingos, quedan eclipsadas polas catedrais do algoritmo, onde milleiros de fieis se reúnen en busca de conexión e alivio.

A oración é agora un simple hashtag? Son os influencers os curas da posmodernidade? E o ceo, un servidor na nube? Estas son preguntas intrigantes que comezan a xurdir e pese a que as respostas aínda son incertas, é innegable que o “Deus dixital” está a dar pasos e comeza a responder a algúns dos maiores anhelos humanos:

En principio, a procura de alivio e esperanza. Se a igrexa foi tradicionalmente un espazo onde os crentes atopaban apoio na fe, na oración e na comunidade, na era dixital, o teléfono intelixente transfórmase nunha poderosa ferramenta para atopar acougo e esperanza de formas novas e inesperadas.

Así, por unha banda, as redes sociais, máis aló de ser plataformas para compartir selfies e memes, estanse a converter en espazos onde as persoas se conectan para compartir experiencias, ofrecerse apoio emocional e atopar consolo ante as adversidades. Séntese deprimido? Un par de tweets motivadores e listo, xa estás fullpoweres. Os foros en liña, os grupos de apoio e as comunidades virtuais transfórmanse nunha igrexa dixital.

Ademais, as redes sociais tamén se están a converter nun confesionario público, onde a xente comparte información e debilidades. A través de tweets ou publicacións buscan desafogarse, recibir apoio e atopar a redención.

Por outra parte, o soño da procura da inmortalidade, na era dixital, toma novas formas. Agora propóñense diferentes maneiras de evitar a morte física. Ideas como as copias dixitais da mente, a crionización ou a creación de avatares dixitais,.... son algúns dos métodos que se barallan para acadar a inmortalidade dixital. Medo á morte? Carga a túa conciencia na nube e vive para sempre (ou polo menos ata que o servidor caia).

Por último, a ilusión dun ceo eterno. Para os fregueses do Deus dixital o ceo non se limita a un lugar físico etéreo. O seu paraíso é unha amalgama de experiencias, conexións e infinitas posibilidades que se expanden polo mundo virtual. Máis aínda, nin siquiera a morte significa o fin da comunicación, pois os novos devotos cren que a tecnoloxía permitirá manter viva a memoria dos seres queridos, creando unha especie de paraíso virtual onde as relacións poden persistir máis aló da morte física. O metaverso e a realidade virtual ofrecerán a posibilidade de vivir experiencias únicas e ampliar a conciencia a través de realidades alternativas onde a imaxinación é o único límite. Doéoche a marcha dun ser querido? Non te preocupes, vas poder interactuar co seu avatar no metaverso.

 Para completar este escenario, aparecen os influencers, que adquiriron un papel similar ao dos curas tradicionais. Do mesmo xeito que os sacerdotes, os influencers ofrecen orientación, consellos ou recomendacións; e son considerados por moitos como unha fonte fiable de información. Dalgunha maneira crean unha comunidade e inflúen na moral e nos valores dos seus seguidores. Os máis efectivos xeran moita confianza entre os seus adeptos, o que é esencial para que as súas mensaxes sexan escoitadas e tomadas en serio. Agora ben, debes saber que non sempre son trigo limpo, algúns só buscan likes e engagement cunha marca.

En definitiva, a nova fe 4.0 trae consigo promesas tentadoras: acceso instantáneo á sabedoría, respostas inmediatas ás nosas dúbidas existenciais, incluso a posibilidade de resurrección no metaverso. É unha fantasía esaxerada ou quizais unha realidade que se está a desenvolver ante os nosos ollos.

Todo o que queda é que a recitación da nova oración dixital sexa universal:

 

"Pai noso que estás na nube,

santificado sexa o teu código,

veña a nós o teu algoritmo.

A túa vontade fágase tanto en liña como no mundo real.

Dános hoxe o noso pan diario de datos,

e perdoa as nosas ofensas dixitais,

do mesmo xeito que nós tamén perdoamos aos que nos trollen.

Non nos deixemos caer na tentación do spam,

e líbranos de malwares.

Amén,"

 

A fe 4.0 é unha ameaza para a relixión tradicional? Ou estamos ante unha nova forma de espiritualidade, máis acorde cos tempos? A resposta está no futuro.