A muller, motor do mundo

07 de marzo 2019
Actualizado: 18 de xuño 2024

Nos anos sesenta, unha nai, ama de casa orgullosa de selo, dicíalle á súa filla adolescente: "Mira, neniña, ti estuda, estuda moito e prepárate para o día de mañá teres unha profesión, un oficio que che permita ser libre, ser independente economicamente"

Nos anos sesenta, unha nai, ama de casa orgullosa de selo, dicíalle á súa filla adolescente: “Mira, neniña, ti estuda, estuda moito e prepárate para o día de mañá teres unha profesión, un oficio que che permita ser libre, ser independente economicamente”.

Ao mesmo tempo, no colexio de monxas, a consigna que recibía era que elas, as alumnas, estaban destinadas a seren as esposas dos homes importantes do país e as monxiñas preparábanas para lograr tan glorioso futuro.

A nena do conto tivo claro dende o minuto cero que ela non quería ser a muller do presidente, de ningún presidente, ela quería ser a presidenta.

Pasou o tempo, acadou unha titulación universitaria, casou e tivo fillos. Seguía a pensar o mesmo, si, pero as súas obrigas, a súa responsabilidade cara os seus, facíanlle traballar a tempo parcial, como bolseira e sen cotización á Seguridade Social.

Por fin a negra noite da ditadura rematou.

Agora si, agora xa podería cumprir os seus soños. Publicábanse no BOE leis que atinxían á muller. Xa non precisaban do concurso do home para pedir un crédito, mercar una casa ou alugala.

Mais iso só estaba no papel, na vida real as cousas eran ben distintas e quizais o peor era a sensación que tiña de ser "ninguneada", invisible, de non ser tida en conta para case nada.

E pasaron corenta anos de democracia, e a teimuda realidade seguía a amosarlle un presente terrorífico: brecha salarial, discriminación para ocupar os postos importantes… Onde estaban as presidentas dos Consellos de administración, as do Tribunais superiores ou do Supremo, a do Goberno? Onde as científicas gañando o premio Nobel? As escritoras destacadas nos escaparates das librerías? Mais, con todo, o insostible, o insoportable era o que os titulares dos periódicos destacaban todos os días: mulleres maltratadas, asasinadas, violadas….

Veulle á cabeza o primeiro mitin que deu. Ao rematar, un xefiño do partido díxolle que moi ben pero que non podía ser tan feminista.

Estes días fai un ano dunha revolución.

Semella que por fin as mulleres somos conscientes da nosa forza, do noso valor, do noso peso no país, porque somos o 52 por cento da poboación.

Facemos todos os días do ano cousas e traballos que se os deixáramos de facer, pararíase o mundo.

Que a nosa contribución a que esta sociedade funcione é vital, indispensable… e fixémolo, PARAMOS e os titulares dos medios ocupáronse de nos, decatáronse de que as mulleres estamos aquí fortes e seguras e merecemos o mesmo trato que os homes.

Que queremos saír á rúa seguras, sen medo, que queremos ser amadas, non adoradas e postas nun altar onde ninguén poda relacionarse con nós.

Que merecemos poder ser o que queiramos polos nosos méritos, non por camiños revirados e denigrantes.

Que ninguén é o noso dono por moito que "nos queira".

En resumo, que queremos ser A PRESIDENTA e non a "muller de".

Por todo iso temos que seguir, temos que exixir que se fagan as leis, si, pero que se cumpran por todos e todas.

Que o 2018 non quede nunha anécdota.

O día da muller ten que ser todos os días do ano.