A insoportábel situación da sanidade pública en Marín

03 de outubro 2022
Actualizado: 18 de xuño 2024

Non é novidade que a situación da sanidade pública galega, e máis concretamente a atención primaria, é desastrosa. Marín non é excepción, e os centros de saúde de Marín e Seixo están en mínimos de persoal desde fai tempo, agravándose a situación no período estival coas vacacións do persoal e a xubilación de profesionais

Non é novidade que a situación da sanidade pública galega, e máis concretamente a atención primaria, é desastrosa. Marín non é excepción, e os centros de saúde de Marín e Seixo están en mínimos de persoal desde fai tempo, agravándose a situación no período estival coas vacacións do persoal e a xubilación de profesionais.

Con todo a última semana do mes de setembro podemos considerala como a peor. Segundo datos da Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, de 14 médicos que deberían atender no centro de saúde de Marín ningún día houbo nin a metade do persoal. O luns catro médicos de mañá e dous de tarde, o martes tres de mañá e tres de tarde, o mércores tres de mañá e dous de tarde, o xoves catro de mañá e dous de tarde, e o venres tres de maña a xornada completa e un cuarto até as 11h. e ningún na quenda de tarde. A todo iso hai que engadirlle que o aparello de raios está estragado e non hai previsión de arranxalo até o 20 de outubro.

Se vas pedir unha cita pode que aconteza como estes días que che mandan de volta por non ter o persoal administrativo con quen citar aos pacientes. Tendo sorte, e dependendo do cupo médico, poden darche a cita dentro de un mes ou dez días. E que pasa coas doenzas que non poden esperar, coa medicación, cos partes de baixa, etc? A saturar o servizo de urxencias do PAC de Marín, se non está sen médico, ou do Hospital Montecelo.

Outro tanto acontece na atención especializada. Se temos que ir a un especialista, ao que hai que chegar despois de ter unha cita, imposíbel, co médico/a de cabeceira, xa podemos esperar meses para se atendidos e iniciar un novo calvario. Cando che manda facer probas estas poden tardar meses, e cando voltemos para coñecer os resultados con toda seguridade seremos atendidos por outro profesional distinto ao primeiro. Con todo, a desesperación máis grande chega cando unha persoa é incluída nunha lista de espera para ser operada, pode estar meses ou anos para que realicen a intervención.

A falta de profesionais na atención primaria e na especializada está provocando o atraso na detección e tratamento de patoloxías graves que, collidas a tempo, poden ser tratadas con éxito e polo tanto aumentando o sufrimento e a mortalidade. As políticas de austeridade e recortes do PP son un risco real para a nosa saúde. Non hai persoal por que non queren telo, e que non lle boten a culpa ao goberno central.

Xa estamos fartos/as. Isto non se pode consentir, é inaceptábel, é unha vulneración dun dereito fundamental como é a asistencia sanitaria. Temos dereito a unha sanidade pública, gratuíta, universal e de calidade, porén, desde a Xunta o Partido Popular está recortando e limitando os nosos dereitos para favorecer o negocio da sanidade privada. Isto fai que cada día máis xente recorra á sanidade privada para tratar os seus problemas de saúde, os que teñen capacidade económica para facelo. Mándannos aos negocios dos seus "amigos", xa que non é un segredo a relación de conselleiros e altos cargos de sanidade coas empresas privadas, como Povisa, da que moitos proceden e a onde voltaran cando cesen.

Mentres todo isto acontece en Marín seguimos de festa.

E que fai a nosa alcaldesa e a súa equipa de goberno? Andar de festa e sacar fotos para subir ás redes sociais. O concello de Marín funciona como unha empresa de organización de eventos festivos. Pan e circo, como facían os romanos, para que a Panorama non nós deixe escoitar as protestas polos problemas da sanidade en Marín.

O mesmo que o presidente Rueda a Sra. Ramallo vai por canto evento lúdico-festivo ou inauguración de pre-campaña hai, promovéndose e sacando artísticas fotos para a prensa e as redes. E do mal funcionamento da sanidade en Marín que? Nada, non di ren.

É lamentábel o pasotismo dos nosos gobernantes locais e autonómicos ante os graves problemas que padece a nosa sanidade, problemas criados polas súas políticas de recortes e promoción do negocio sanitario privado.

Vai sendo hora de que escoiten as queixas e reivindicacións, que atendan ás manifestacións que en Marín, e en moitos outros concellos de Galiza se fan, para reclamar unha sanidade de pública de calidade. Sra. Ramallo, menos samba e máis traballar para mellorar a atención sanitaria en Marín.

Marín, 1 de outubro de 2022.


 

Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago

Traballador do Sergas