A importancia de chamarse Luis Bará

09 de xuño 2013
Actualizado: 18 de xuño 2024

Abraiado quedei tras ler o último artigo publicado polo concelleiro Luis Bará en diferentes medios pontevedreses. Neste referíase á importancia da familia Armesto e ao suposto esquecemento da Pontevedra Oficial.

A importancia do artigo-denuncia radica nunha persoa que foi -e é- concelleiro de Goberno en Pontevedra dende o ano 1.999, coa excepción do período 2005-2009 no que foi, nada máis e nada menos, o Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia. ÿ dicir; durante 14 anos tivo vostede a posibilidade de rehabilitar ese suposto esquecemento que vostede afirma, tanto dende o nivel autonómico como o local.

Digo suposto, porque nesta cidade a figura de Don Indalecio Armesto si que gozou de gran recoñecemento. Dende finais do século XIX e ata o ano 1.996 unha das nosas máis emblemáticas e monumentais prazas levou con orgullo o seu nome: A Praza de Indalecio Armesto, actual Praza da Verdura.

Coincido con vostede en que a importancia dun dos nosos máis sobresaíntes pontevedreses do século XIX nunca transcendeu o suficiente do ámbito local como si o fixeron outras grandes figuras do noso particular esplendor de finais do XIX e principios do XX. Pero nese oco, dende a súa responsabilidade na Xunta de Galicia tampoco fixo nada. Mentras repara en que á Pontevedra Oficial é vostede mesmo, quixera aproveitar para explicarlle como se facían as cousas nesta cidade antes da chegada da imposición cultural do BNG.

O 8 de Xuño de 1.990 o Concello de Pontevedra gobernado por Rivas Fontán sacou a concurso público a redacción dun estudo histórico-xeográfico e lingüístico composto por mapas e nomenclatura de todo o Municipio. O 14 de Novembro dese mesmo ano o prestixioso equipo composto por Juan Juega Puig, Celestino García Braña, Anxo Rei Caíña e Alicia Rodríguez Seco era seleccionado para tan belo e fermoso traballo.

6 anos despois e baixo o mandato de Juan Luis Pedrosa, en Pleno Municipal do 25 de Abril de 1.996, acométese unha revisión da nomenclatura do rueiro municipal sobre a base do estudo anterior. Se galeguizan todas as rúas e se recupera as denominacións tradicionais no Casco Histórico, deixándose dobre placa naquelas que xa posuían denominacións modernas significativas na historia da cidade. Prazas como a de Indalecio Armesto, Calvo Sotelo ou Mugartegui pasan a denominarse como Verdura, San Xosé ou Pedreira e rúas como Xeneral Mola o Secundino Esperón rebautízanse como Gutiérrez Mellado ou Irmáns Vázquez Lescaille, respectivamente.

Nada que ver co rolo imposto polo BNG e vostede mesmo no ano 2002, polo que en Pleno do 25 de Outubro de 2002 renomean rúas e viais arbitrariamente.

Aproveito a ocasión para lembrarlle a miña suxestión na Comisión de Cultura onde se propoñía a nova nomenclatura para os viais de Valdecorvos. Nesta advertíalle do abuso de recorrer sempre ao criterio dos microtopónimos para bautizar todo vial de nova apertura. Exponíalle que había numerosos ilustres pontevedreses sen rúa, como Portela Valladares, que estabamos a perder unha excelente oportunidade de equilibrar o rueiro municipal con personalidades femininas e que de seguir por este camiño dentro duns lustros podíamos atoparnos cunha Capital de Provincia chea de leiras, veigas, agros ou regos na maioría do seu rueiro.

9.06.2013