A fin do mundo que vén (outra máis)

15 de abril 2024
Actualizado: 18 de xuño

CANTAS veces a caterva de gurús, oráculos, mediums, baralheiros, apóstolos, tocamerroques e agonías varios vaticinaron a fin do mundo ? Nin se sabe. Non houbo secta, cisma ou irmandade que non tivera data de caducidade e a cousa adoitaba rematar mal; case sempre de xeito tráxico e, a ser posible, espectacular

 
CANTAS veces a caterva de gurús, oráculos, mediums, baralheiros, apóstolos, tocamerroques e agonías varios vaticinaron a fin do mundo ? Nin se sabe. Non houbo secta, cisma ou irmandade que non tivera data de caducidade e a cousa adoitaba rematar mal; case sempre de xeito tráxico e, a ser posible, espectacular.
 
A "vindeira" fin do mundo non estará provocada por ningunha guerra, pandemia ou envelenamento colectivo. Non será por algunha pezonha que nos metan no pienso. Non, non nos mataremos uns ós outros a couces, navalhadas ou mordedelas calcadas. Non virá ningun meteorito que nos borre do cosmos…É curioso; un aerolito deses foi o que acabou cos dinosaurios (os homínidos aínda non existían). Os dinos morreron a manscheas e ficaron aí, baixo terra, trocándose en petróleo, agardando por nós. Por paradóxico que resulte, o meteorito está a rematar lentamente con nós milhóns de anos despois, como bos consumidores de hidrocarburos que somos. Fálase de inverno nuclear unha vez máis. Non sei eu se iso de apretar o botón será así de sinxelo. Ademais, o tal inverno xa vén de vagar co cambio climático
A literatura mailo cine fican saturados de extraterrícolas, terminéitors, zombis e demais bichería apocalítica pero non os vexo eu moi exterminadores que digamos.
 
Tampouco as forzas da natureza están moito polo labor. Por máis volcáns, tsunamis, inundacións, secas e terremotos que sacudan este planeta causando ducias de miles de vítimas, apenas reducen a poboación mundial. E menos cando se lhe perdeu o respecto a tornados, tronadas e furacáns pois alguns/has vanlles detrás coas cámaras como se nunca tal se vira. Lembro que de cativos tinhamos moito medo dos tronos e agora andan a retratar os relampos e as grandes ondas marinhas e iso que o mar leva por diante a algún de vez en cando, pero non pasa nada. Os parvos non se acaban nunca. O que inventou o móbil fíxoa boa pero o que lhe acoplou unha cámara, acabou de cagala.
 
Tampouco vai finiquitar a humanidade cun deses "virus desconhecidos" ou unha desas "enfermidades raras", conceptos moi recurridos cando no se ten idea da patoloxía en cuestión.
A Guerra, a Fame, a Peste e a Morte, os catro xinetes da Apocalipse farán ben en acougar pois parece que a cousa non vai con eles. A cousa é máis próxima, máis terrenal e sibilina…como máis doméstica.
Se se me permite, quixera reproducir aquí un pequeno poema que amosa perfectamente o principio da fin. É do benquerido Gustavo Duch.
 
ÍDOLOS DE CELULOSA
 
Llegaste hoy
y te entregaron un presente.
 
- Úsala de una en una, varias veces al día, puedes tirarlas donde quieras -te dijeron.
 
Y así,
desde el primer día de tu vida,
cuando en el mismo hospital te regalan tu primer paquete de toallitas húmedas,
te instruyen en:
 
cómo acabar con el Planeta.
 
Á minha rúa acude cada pouco un enorme camión-bomba do Concelho e bota horas intentando desatoar o sumidoiro. Baixo a falar cos obreiros que extraen quintais de refugalhos. Pregúntolhes por que venhen tan decote e xuran e maldizoan con carraxe a quen bota polo desaugue toalhinhas, bastoncinhos, tampóns, compresas e outras lindezas que terían que ir á bolsa do lixo. Os do concelho dan conta, polos medios, do enorme gasto que iso supón. Nos portais das comunidades pónhense carteis avisando do perigo, gastos e transtornos que supón chimpar certas cousas pola taza do excusado… pero nada; a maioría, como quen oe chover. Pensarán que o seu váter é coma o de Homer Simpson, que traga canto lhe boten ou coma a cabina do Dr. Who, que é máis grande por dentro que por fóra.
 
O certo é que a cousa vai a máis e un día as cidades saturaranse e colapsarán e cocerémosnos no noso propio prebe.
A culpa, coma sempre, será do goberno.