A deconstrución dos centros escolares

21 de decembro 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

Desde 2021, a Xunta acomete un plan de transformación dos centros educativos baixo o nome de “Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica". Este proxecto tenta realizar diversas melloras, entre outras: o illamento térmico das fachadas, a renovación da iluminación, cambios de cubertas, etc, co obxectivo de modernizar e facer máis accesibles os ambientes educativos

Desde 2021, a Xunta acomete un plan de transformación dos centros educativos baixo o nome de "Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica". Este proxecto tenta realizar diversas melloras, entre outras: o illamento térmico das fachadas, a renovación da iluminación, cambios de cubertas, etc, co obxectivo de modernizar e facer máis accesibles os ambientes educativos. Non obstante, opinamos que é imperativo ir máis aló dos simples axustes estéticos e repensar a propia estrutura das institucións educativas.

A estrutura das escolas, inauguradas hai décadas, reflicte un deseño uniforme inspirado no modelo industrial "taylorista”. Estes edificios, pensados para controlar e producir aprendizaxes en serie, son construcións ríxidas e frías, isomórficas, que non teñen en conta, por unha banda, aspectos cruciais como a intimidade, o espazo persoal ou o sentido de pertenza; e ás veces, dificultan a posta en práctica das novas metodoloxías de aprendizaxe, que demandan as recentes formas de ensinar e aprender. Winston Churchill dixo unha vez: "Nós damos forma aos edificios; a partir de aí, eles dannos forma a nós". Transformar estes deseños clásicos en edificios con espazos multifuncionais, flexibles e adaptables ás necesidades dunha escola inclusiva é unha prioridade.

 

En consecuencia, quero analizar dous elementos do espazo escolar que, na miña etapa de alumno e posteriormente de profesor, sempre percibín como moi desperdiciados e que habería que deconstruír: os patios do colexio e os muros dos centros.

 

- Os patios escolares están concibidos como simples áreas de recreo, desconectados do proceso de aprendizaxe. Esta concepción provoca que estean infrautilizados e mal estruturados, relegados á función de desafogo para o alumnado; páramos. Parecen campos de batalla carentes de propósito, onde os estudantes deambulan sen rumbo.

 Avogo por unha transformación radical dos patios escolares en áreas de aprendizaxe inclusiva, que estimulen a interacción positiva e fomenten a creatividade. En lugar de espazos minimalistas, con pouco mobiliario, propoño que se deseñen con zonas multifuncionais, con espazo para crear xardíns educativos, áreas de expresión artística, recunchos de lectura, sitios de experimentación científica, sectores desnivelados que inviten á escalada, etc. Así mesmo, é moi importante que a reestruturación destes espazos sexa froito dunha colaboración multidisciplinar, na que participe a comunidade escolar e diversos profesionais como arquitectos, urbanistas e paisaxistas. Xa hai experiencias de transformación de patios escolares, con participación colectiva, que poden servir de guía sobre como dirixir o proceso. Aquí, en Pontevedra temos o caso do CEIP Barcelos.

Tamén se pode reforzar a conexión entre escola e comunidade optimizando o uso dos patios escolares fóra do horario lectivo. Estes espazos poden converterse en puntos de encontro de veciños, familiares e amigos, fomentando a participación e a integración. A apertura dos patios á comunidade pode servir para ampliar os nexos de conexión entre a escola e o seu entorno.

 En conclusión, os patios escolares deben ser repensados como zonas dinámicas e multifuncionais que enriquezan a vida do alumnado e conecten o centro coa comunidade. O deseño actual non fai xustiza ao seu potencial como escenario de aprendizaxe vivencial e social.

- Outro aspecto a ter en conta son os muros dos colexios, que os separan do mundo que os rodea. E non só falamos dos muros exteriores, senón tamén, e aínda máis impenetrables ca eses, das barreiras mentais que desvinculan a escola do seu contexto social. Eses muros intanxibles e invisibles, construídos por prexuízos e valados psíquicos, fragmentan o tecido social e bloquean a participación da comunidade educativa na vida da escola.

Por iso propoñemos unha escola sen muros, pero que significa unha escola sen muros? Para comezar, a eliminación física de muros non é o máis imprescindible e necesario, sobre todo en determinados contextos, pero si é vital avanzar cara uns colexios porosos que sexan capaces de establecer unha relación osmótica co seu contexto.

 Necesitamos colexios que creben as barreiras mentais que están a bloquear a participación da comunidade educativa e do tecido social da contorna na vida do centro. Eses muros son verdadeiras infraestruturas antisociais que fomentan a división. Para derrubalos, é fundamental que a comunidade escolar reflexione sobre como promover unha escola permeable, na que a participación familiar sexa igualitaria e democrática; na que se fomente a colaboración con institucións e recursos locais, servizos sociais, bibliotecas públicas, clubs deportivos e asociacións de todo tipo da súa contorna. Para conseguilo é necesario dotar da suficiente autonomía, aos centros escolares, para que poidan construír proxectos de zona, barrio ou concello.

En suma, a deconstrución das escolas debe ir máis aló das melloras físicas, tamén necesarias. Implica unha profunda transformación na mentalidade e da relación entre a escola e a comarca. Ao repensar os patios das escolas e derrubar muros invisibles, podemos construír espazos educativos máis inclusivos, dinámicos e conectados coa comunidade e evitar que determinados poderes e grupos culturais impoñan as súas crenzas e valores aos nosos fillos.