8 DE MARZO: Polo noso dereito a decidír!

08 de marzo 2014
Actualizado: 18 de xuño 2024

Como muller que son, sinto indignación polo último ataque do Partido Popular que pretende privar de liberdade ás mulleres a poder decidir sobre a súa maternidade. Pero o que si me resulta difícil de entender por moita disciplina de partido, é como as deputadas, concelleiras, mulleres do PP, apoian unha lei retrógrada que amputa o dereito básico a que calquera muller teña plena liberdade sexual e a decidir en que momento quere ser nai, tombando así o que custou décadas acadar.
 
Ao longo da historia, ás mulleres sempre se nos impuxeron limitacións en tódolos eidos e aínda que vivimos nunha sociedade matriarcal, o machismo segue imperando e o camiño que queda por percorrer para acadar unha igualdade de sexos, aínda é moi longo.
Mostra diso é a historia de mulleres que foron represaliadas no noso concello durante a ditadura e os seus nomes seguen silenciados sen darlle a homenaxe que merecen. Aínda que xa se están dando pasos para dar a coñecer ás vítimas desa triste historia, as mulleres seguen sendo as grandes descoñecidas, xa que a maioría delas, tiveron que sufrir caladas baixando a cabeza sufrindo humillacións. Ademais de ter que tirar para diante da súa familia soas e a maioría das veces, ocultando a súa desgraza.
 
Por exemplo, cando falamos de Carme Pesqueira "Capirota" non nos preguntamos o porqué da súa morte. Carme tivo a "ousadía" nun momento onde a xente agachaba a cabeza e non denunciaba o estado de terror que padecían, de recriminarlle a uns falanxistas que mallaban contra un veciño, pero Carme era muller e aínda por riba nai solteira e iso non o podían tolerar os falanxistas. Outras mulleres como Adelina e Ramona Otero "Casqueiras", Carme Vilas "Vidala" ou Carme Pérez "Machada" pasaron varios anos na cadea por defender un réxime como o da república, que trazou liñas importantes para a igualdade de xénero como foron o divorcio, dereito a voto, dereitos laborais e sociais...
 
Tamén houbo outro tipo de represión á que non se lle deu a importancia que se merece é ás mulleres que foron rapadas como símbolo de escarnio. Hai moita dificultade por coñecer un número aproximado de mulleres que a padeceron en Marín, porque a maioría delas, preferiron esquecer por vergoña. Outras mulleres sabedoras do significado nunca o ocultaron como é o caso de Aurelia González "Caxica", Josefa Beloso "Gharsona", Carmen Blanco "Piteirada", Emilia Carril "Lamboira", Dolores Cea, Enedina Couso "Revite", Ramona Couso "Cunicha", Umbelina Crespo "Cautiva", Josefa García "Maragata", Ramona Martínez "Marica", Antonia Muíños "Rachona", Isolina Naveira, Josefa Omil "Pirighalla", Marina Pereira, María de los Santos "Cacheira", Ignacia Simes, Antonia Santos "Cunicha", Carmen de la Torre, Dolores Vidal "Lelipí", Carmen Souto, Dolores García, as irmás "Comeláns", as "Ribeiranas", as "Manganas", ect..

Algunhas delas eran sindicalistas da conserva, outras mulleres de dirixentes sindicais e políticos, outras simplemente decidiron non ter relacións con homes que non lles gustaban, outras tiñan diferentes crenzas relixiosas ou ideas propias...e todo isto non era admitido pola nova orde ditatorial.
 
As mulleres queremos e debemos decidir por nós mesmas sen que ninguén nos diga como debemos actuar. ÿ por iso que velaí vai a miña humilde homenaxe a todas estas mulleres que soportaron e padeceron por ter decisión e ideais propios, e non sen antes, agradecer ao compañeiro e amigo, o historiador Celso Milleiro a súa colaboración pola aportación de datos sobre a represión da muller.