O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolle ata o 20 de abril, a exposición 'Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025, cen anos de música coral en Galicia', unha mostra que percorre o século de vida desta emblemática institución cultural galega.

Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra, fundada o 3 de febreiro de 1925, fixo a súa aparición pública moi pouco tempo despois, os días 9 e 10 de abril, Xoves e Venres Santo, en concertos realizados, respectivamente, nas históricas igrexas pontevedresas de San Francisco e Santa María.

O seu nacemento supuxo, como sinalou reiteradamente a crítica máis esixente e rigorosa, unha revolución no panorama musical de Galicia tanto pola composición do colectivo (foi a primeira coral que incorporou neste territorio mulleres á súa nómina de cantores) coma polo repertorio que interpretaba.

A exposición, comisariada por Xosé Carlos Valle Pérez, estrutúrase en catro apartados, dos cales tres ofrecen unha visión diacrónica da traxectoria da Coral, delimitados por relevantes feitos históricos. 

O cuarto capítulo da proposta expositiva está dedicado, con carácter monográfico, ao estudo dos panos que conforman as escenografías de Castelao para a Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra

O museo conserva en depósito oito destas escenografías. Nesta exposición mostran a reprodución a escala de cinco delas, xa que, polas súas enormes dimensións, non é posible exhibir as orixinais. Tamén se inclúen fotografías das dúas que hoxe están perdidas.

Museo de Pontevedra

Máis eventos

Ver máis eventos