VÍDEO.- Así é o proxecto de Rafa Domínguez para abrir a cidade á ría

Pontevedra
21 de maio 2023

Rafa Domínguez avanzou este domingo os detalles dunha proposta urbanística que se basea na convicción de que Pontevedra "non pode vivir de costas á súa ría, senón que debe aproveitar o seu potencial como recurso natural e motor de desenvolvemento".

Proposta de Rafa Domínguez para abrir Pontevedra á ría / PP de Pontevedra

Espazos públicos e paseos marítimos con vistas panorámicas, unha escola náutica, zona de estacionamento e áreas de restauración e lecer. Todo entra dentro dos plans de Rafa Domínguez, candidato do PP, para abrir Pontevedra ao río Lérez e á súa ría.

Domínguez avanzou este domingo os detalles dunha proposta urbanística que se basea na convicción de que Pontevedra "non pode vivir de costas á súa ría, senón que debe aproveitar o seu potencial como recurso natural e motor de desenvolvemento".

É a súa proposta "máis ambiciosa" e inclúe un proxecto arquitectónico e urbanístico que permita unha maior conexión e aproveitamento da ría en beneficio dos cidadáns.

O plan dse deseñou de tal forma que "respecte a identidade e a historia" da cidade, á vez que "achegue solucións innovadoras e sostibles".

Para Domínguez, esta apertura de Pontevedra á ría brindará numerosos beneficios tanto a nivel estético como funcional.

Neste proxecto ten gran importancia a dragaxe da ría que "permitirá mellorar a navegabilidade e accesibilidade da zona, impulsando o turismo marítimo e favorecendo o desenvolvemento de actividades económicas relacionadas co sector", ademais de contribuír á conservación e protección do ecosistema mariño, "xerando un equilibrio entre o desenvolvemento urbano e a preservación da contorna natural".

Esta proposta inspírase en exemplos como Porto ou Lisboa, que lograron revitalizar as súas zonas costeiras e convertelas en lugares emblemáticos e atractivos para os seus habitantes e visitantes, e adaptounos ao contexto de Pontevedra.