A mala sorte cebouse coa triatleta Sara Guerrero, única representante galega na proba elite feminina da Gran Final das Series Mundiais de Pontevedra, e que non puido saír a competir debido a un desgraciado accidente.
A deportista naronesa sufriu unha caída en bicicleta no camiño que separa o seu hotel co Centro Galego de Tecnificación Deportiva, danando un ombreiro.
"Vindo para a transición para pasar o check-in da competición caín da bicicleta, levanteime rápido porque quería pensar que non era nada pero cando tentei montarme na bicicleta non podía agarrala, doíame moito un ombreiro", explicou a PontevedraViva desde a zona de saída da carreira, na ponte dos Tirantes, mentres o resto de participantes iniciaban a proba.
A pesar do sucedido tentou con todas as súas forzas competir chegando a participar no quecemento. "Tireime a nadar co mono posto e todo para ver se finalmente podía participar pero non podo levantar o ombreiro máis de 90 graos. Agora apetéceme animar ás miñas compañeiras e ver a competición e en canto acabe vou ao hospital para facerme probas, espero que só sexa o golpe", recoñecía a galega.
Ademais do dano físico únese a decepción que supón non poder participar nunha Gran Final na casa, co apoio de todos os seus. "Para min creo que era o día máis importante da miña vida, e non puiden participar", aseguraba Guerrero, que a pesar de todo resistíase a perder o seu sorriso asegurando que "creo no destino e seguro que me dá unha segunda oportunidade".
O que tiña claro en todo caso é que "me apetecía sufrir competindo fose cal fose o resultado, pero non padecer", de aí a difícil decisión tomada de non correr a Gran Final de Pontevedra.